quinta-feira, julho 26, 2007

In Vitro Veritas

Hai pouco, blogueando pola rede adiante, atopei unha comunidade, ou anel, ou como se chame, de bitácoras adicadas a temas científicos. Fíxome coña, porque algunhas delas trataban temas moi semellantes aos meus, pese a que este non é un blog estrictamente científico. Pero tamén parecían pillados polas matemáticas, a física, os paradoxos da Relatividade e a mecánica cuántica...

O que si cambiaba un pouco, alomenos nalgúns post, era o ton. Se eu me limito a facer unha exposición do tema de turno, con mais ou menos comentarios persoais, estes bloggers parecen verse na necesidade de facer unha auténtica defensa do que tratan. Para min, falar de ciencia é compartir o coñecemento de cousas que me fascinan, pero partindo da base de que non ten sentido dubidar do que eu expoño, salvo se se dubida de que a miña interpretación sexa correcta.

Entendín de que ía a película ao ler os comentarios, que non eran para nada o que eu agardaba para ese tipo de sitios. Non era xente discuindo sobre se a Relatividade tiña ou non tiña limitacións como teoría, moitos deles eran un ataque directo contra a existencia dun blog adicado á ciencia, ou da ciencia en si mesma! Cousas do tipo "coñecemento superficial", "pasarse a vida buscando para non chegar a ningunha certeza", "pobres vidas miserables, sen a luz divina"... É dicir, lectores que rexeitaban de plano o coñecemento científico como xeito de enfrontar a vida, non porque considerasen que o paradigma era machista, ou eurocéntrico, ou as típicas oposicións que se lle poden facer dende aquí, senón porque o coñecemento científico, ao ser unha ferramenta humana, é imperfecto e limitado, en contraposición á fe, que é inmutable.

E non, os comentarios non eran de ningún chalado particular, a maioría seguían un ton polo estilo. Aclarar, para que entendades o miolo do tema, que a meirande parte dos sitios están ubicados en Sudamérica. A que xa non vos sorprende tanto? Pois esta foi exactamente a sucesión de datos que seguín eu: primeiro flipar co que lía, e despois que me encaixara todo. Pero ben mirado, non é moi forte que sexa así? Que esteamos falando de que, en países como Arxentina, sexa necesario facer unha auténtica cruzada polo coñecemento científico, e que esa cruzada atope unha oposición absolutamente feroz? A min fíxome pensar que vivimos un pouco na nosa burbulla, alomenos eu, pero que fora de Europa, a cousa é moi diferente. Se cadra antes de falar do integrismo islámico deberamos pensar en como actúa a Igrexa en lugares menos cinicamente descridos ca estes lares.

Por outra banda, tamén me fixo pensar nas críticas se se adoitan facer dende aquí a este tipo de temas: discutimos sobre se a ciencia pode pretender explicalo todo, sobre se o posmodernismo rematou ou non coa pretensión de obxectividade. Nestes blogs notábase unha auténtica xenreira cara as posicións posmodernas, porque era como darlles a razón de novo aos que din que a subxectividade individual, as crenzas, son o auténtico coñecemento. É voltar ao pensamento máxico que trata de impoñer relixión.

Aquí, incluso cando atacamos furibundamente á relixión, somos conscientes de que é unha batalla que xa está gañada. Estamos aplastando a derradeira resistencia, non é unha loita real. Pero noutros lugares, a a guerra non só non está gañada senón que non está nada claro quen vai gañar. As posturas que aquí poden ser unha crítica parcial e mais ou menos proveitosa (todo depende do sentido común de quen as faga) porque parten do recoñecemento tácito do paradigma, alí son absolutamente devastadoras.

No fondo, isto tamén é posmoderno. Non é o mesmo facer crítica aquí que na outra beira do charco. Non é o mesmo criticar a ciencia rebasándoa que non chegando.

Marcadores:

quarta-feira, julho 25, 2007

In the days of Sappho

Deume estes días por pensar no de viaxar no tempo que dicía Occam, ou na pregunta do meme de FraVernero: quen che gustaría ser?. De pequena era un auténtico monstro devorador de mitoloxía, de Homero e de novela decimonónica (algún día colgarei unha foto miña de nena para que vexades o repelente que era, toda ollos e rizos sinistramente loiros, menos mal que co tempo, cronolóxico e atmosférico, volvinme dun mais razonable castaño claro) e chegoume a dar unha estrañísima sensación de nostalxia non poder estar alí nunca. O pasado é como un país exótico, coa diferenza de que sabes que nunca o vas poder visitar.

Cando tiña dez anos, daría calquera cousa por poder pasar un día na Grecia homérica, no Exipto do Imperio Medio, na Alexandría de Tolomeo. Ver a estatua de Atenea pintada de cores e as pirámides como monumentos futuristas ao estilo do monolito de 2001, encaladas dun branco cegador.
Ademáis, as películas históricas sempre me deixan unha sensación clarísima de irrealidade. Sempre penso: "a xente non se comportaba así" ou "a cidade non tiña ese aspecto".

A única vez que me sobrecolleu unha experiencia digamos "histórica" fi cando visitei o Foro. O Foro, concretamente, e non ningún outro sitio de Roma, causou en min a impresión de estar alí de verdade, nese mesmo lugar pero no século II, con todo intacto, pintado e novo, as Vestais nos seus sitiais, as piscinas cheas, os toldos de liño branco. Vino, literalmente. Non me pasou co Coliseo, nin co Panteón, que me gustaron e me emocionaron, pero que non fun capaz de visualizar a imaxe de como deberon ser.

Porque para imaxinar Roma, non basta con imaxinar como veríamos nós Roma. Hai que imaxinarse a unha mesma nese contexto. Hai que imaxinar, non que impresión me causaría a min, a Raíña Vermella, blogueira, galega e tal, poder ver a Roma Imperial por un furado espazo-temporal, senón que impresión me causaría se eu fora unha rapaza bárbara, dun recuncho da Artabria do século II, recén colonizada do trinque, ver a capital do mundo. Coido que no mundo actual non hai nada que sexa comparable con iso, pr moi lonxe que vaiamos. Debía de ser como viaxar a outro planeta.

Por iso leo a Graves, e por iso me gustan pintores como Godward, porque é case como o do furado espazo-temporal, pero ademais reflicten a luz, o momento, a sensación.

Marcadores: , ,

sexta-feira, julho 20, 2007

De como rematei durmindo cun morto debaixo da cama, e da estraña e incrible sucesión de feitos que aconteceron.

Nunca se me ocorrera contar a historia de como cheguei a ter esta fermosa compañeira de cuarto que sae na foto, o cal demostra que até as cousas mais raras poden chegar a facerse tan habituais como para non pensar nelas.

Pois ben. En primeiro de carreira, ademáis de soltarnos un discurso de benvida do mais clasista sobre que somos a elite da universidade e tal, temos que conseguir un esquelete humano para estudar Anatomía. Sei de xente que desenterrou á tía Ubaldina, pero eu non tiña ningún panteón familiar que saquear, así que tiven que recorrer ao que viría sendo o mercadillo, o rastro, o Todo a Cen do tema ósos: a foxa común. Co meu certificado que me capacitaba para posuír ósos humanos con fins docentes (non pensedes que calquera pode ir alí e levar un fémur) falei co enterrador e fomos, meu pai e mais eu, ao cemiterio municipal provistos de lanterna, botas de auga (xa veredes por que) e bolsa de plástico.

Resulta que a foxa era un furado no chan, semiinundado, onde van parar os restos da xente que aluga nichos e nalgún momento deixa de pagalos. O enterrador, que era un tipo decepcionantemente normal, e non en plan Tim Burton como eu agardaba, abriu a lousa e fixo ademán de baixar, ata que se decatou de que meu pai e mais eu estabamos calzando as botas, todos dispostos a ter o noso momento Arca Perdida. O tipo volveuse cara meu pai e preguntou: "pero... ela vai baixar?" con cara de pensar que estabamos trallados. E meu pai, que eu coido que nin se lle pasara pola cabeza pensar se era ou non adecuado que a súa filla postadolescente se metera nun osario a mangar un cadáver, mirou ao enterrador, miroume a min, volveu a mirar ao enterrador e pasoume a lanterna e o saco sen mediar palabra.

Así que alí estabamos, pisando os cadáveres, porque había como trinta centímetros dunha mistura de auga lamacenta e ósos que cubría por completo o chan, o enterrador, meu pai e mais eu, buscando un esquelete que estivera en bo estado. Se me estades imaxinando en plan Lara Croft, sinto quitarvos a ilusión, pero non foi nada glamuroso. En realidade era bastante parecido a mariscar, para os que sodes de costa. Pois iso, Mariscadora Croft, á pesca dun bo espécime. Rematei por escoller pezas soltas que estiveran enteiras, porque aquilo estaba tan enlamado que os ósos estaban desfeitos pola humidade. A estas alturas o enterrador xa estaba entusiasmado co tema e daba voltas por alí traéndome os que atopaba que estiveran mellor.

Para a vosa información, o mais difícil de atopar foi un cranio (ou caveira, que de ámbolos dous xeitos pode e debe dicirse) en boas condicións, porque ao ser óso mais fino estaban todos esmagados, e aínda por riba era o mais difícil de estudar, e polo tanto o que facía mais falta. Xa o iamos deixar por imposible cando apareceu a xoia da coroa: dous cranios case perfectos, un deles cun furado de bala na fronte. É en serio, e nese momento si que me sentín Arca Perdida total. Por desgraza, e como o meu certificado só me permitía sacar un número limitado de ósos, tiven que escoller un dos dous, e escollín o outro porque a bala desfixera por completo a base da caveira e non valía para estudar.

Agora teño unha caveira que se chama Vronski enriba da mesa. Á miña nai ao principio dáballe grima, pero ao pouco xa lle limpaba o pó con total naturalidade e rematou por falarlle, coma todos. O único que sei dela é que é unha muller e que morreu nova, e que está moito mais bonita enriba da miña mesa que na lama da foxa común. O resto de Vronski (que en realidade non é dela, senón dun número indeterminado de doadores anónimos) está debaixo da miña cama, aínda que hai tempo que aprobei Anatomía I. Nunca está demáis lembrar que todos temos mortos debaixo da cama;)

Marcadores:

quinta-feira, julho 12, 2007

Intimidades


FraVernero, que semellaba a priori a última persoa do mundo interesada nas frivolidades alleas, mándame cubrir un meme, non tan cultureta como o Proust, pero si moito mais xugoso. Non sei se satisfarei tanta curiosidade, porque son de natural reservado, pero aí vai.

1. Qué hora é? 16, 15
2. Home e Apelidos: Home? Cary Grant, por exemplo, non estaría mal. Que se apelidaba Leach, por certo :p
3. Cantidade de velas que apareceron no teu ultimo aniversario? Un número indeterminado entre 20 e 30.
4. Ariños? Non, nin sequera nas orellas. E conste que me gustan nos outros, pero unha ten que ser fiel ao seu look.
5. Tatuaxes? Algún día.
6. Estiveches namorada? Partindo de que o amor é un constructum sociocultural para regular e sublimar os nosos baixos instintos reproductores... supoño que si. Aínda que non no sentido clásico de posesión, fidelidade e hipoteca.
7. Fuche a por todas? Se non é a por todas, mellor non ir, non?
8. Amache tanto a alguén como para chorar? Que preguntas mais comprometidas, Fra. Non quero a moita xente, pero á que quero, quéroa moito. Se hai que chorar, pois chórase e listo.
9. Darias a vida por? Por esas escasas persoas ás que quero.
10. Cocacola ou Pepsi? Coca-Cola. Light. Seino, son o peor.
11. Sprite ou Seven up? Puagh.
12. Arriba ou abaixo? Depende. Non falamos de clases sociais, verdade? Para todo hai un momento.
13. Cafe ou té? As dúas. Xa sabedes que son unha politoxicómana da cafeína.
14. O vaso, metade baleiro ou metade cheo? Metade cheo. De café.Non custa nada e faite mais feliz.
15. Sabas lisas ou con animaliños? Funda nórdica.
16. Cor de carpíns? A raias.
17. Número de calzado? 36
18. Lugar para que te biquen? Para todo hai un momento, como xa dixen.
19. Feira ou festa favorita? O meu aniversario.
20. Canción que estas escuchando? Agora mesmo nada. Ultimamente Ellington.
21. Restaurante? A comida da miña casa. Estes días tiven que comer fóra e estou farta. Se teño que escoller, gustoume moito Casa Ana (o antigo San Nicolás, creo)
22. Flor? Rosas brancas. Sinto repetir.
23. Tema de conversación máis detestado? Tópicos sobre homes e mulleres. Ponme do fígado.
24. A gasosa, con ou sen xeo? Con.
25. Tom ou Jerry? Eu é que son de Betty Boop
26. Disney ou Warner Bros? Disney. Non por ideoloxía, senón por apegos infantís.
27. Restaurante de comida rapida? O kurdo dos rapaces kurdos (do Kurdistán) que solucionan os meus horarios laborais caóticos sen demasiado colesterol de por medio.
28. Cando foi a túa ultima visita ao hospital? Hoxe mesmo.
29. De que cor é a alfombra do teu dormitorio? Verde
30. Como chamabas ao teu osiño de durmir? Era un pinguín vermello e chamábase... Pinguín Vermello
31. Cantas veces suspendiche o teu exame de conducir? Demasiadas. Dame corte.
32. Onde te ves dentro de 10 anos? Agardo que non moi lonxe, facendo mais ou menos o mesmo, vivindo coa mesma xente... son unha inmobilista da felicidade:)
33. De que persoa recibiche o e-mail anterior a este? De miña irmá.
34. Quen dos teus amigos vive máis lonxe? Buf! A verdade é que viven todos por aquí. Creo que o mais lonxe é Foz. (Edito para corrixir: en Barcelona. Coido que aínda non o asumín, snif!)
35. Hora de te espertar? As sete. Non é por gusto, conste, non pensedes que son unha pervertida.
37. Quen pensas que responderá este meme? Seguramente o Pastor, o Gato Violeta, Zerovacas?... e quen queira, en definitiva.
38. Que lle dis aos que non respondan? Que o entendo, que non se preocupen e que se preparen para a famosa Vinganza Vermella.
39. Mellores amigos? Eles xa o saben, e non vou facer aquí un feo a ninguén. Houbo persoas que me demostraron a súa fidelidade mais aló de toda dúbida. Pois eses.
40. Os teus mellores inimigos? Nunca tiven un inimigo como dios manda, e a verdade é que case teño ganas. Pero ten que ser un auténtico arquivilán, un Moriarty, un Darth Vader, nada de inimiguiños de andar pola casa.
41. Amor platonico? Non gasto. Tódolos meus amores son do mais terrenal. Nada de cavernas, nin de Ideas puras.
42. Que cambiarias da túa vida? De piso.
43. Que deixarias como esta? Case todo.
44. Cantos timbrazos antes de coller o telefono? Os menos posibles. Non me gusta facerme de rogar.
45. O mellor día da túa vida? Privado:)
46. Pelicula preferida? Ocórrenseme moitas. "Persona" de Bergman, por dicir unha.
47. Cd preferido? Isto si que é difícil... Hoxe diría "Hail Bright Cecilia" de Purcell, pero dame segundo o día.
48. Peor sentimento do mundo? A vergoña. A culpabilidade.
49. Mellor sentimiento do mundo? O orgullo merecido. O amor correspondido (enténdase amor na acepción mais ampla do termo)
50. O primeiro que pensas pola mañá cando espertas? No almorzo. Adoito cear pouco, e érgome cunha fame terrible...
51. As tronadas gústanche ou asústante? Encántanme. E se é dentro da casa, coa calefacción a tope e un té, perfecto.
52. Se puideras ser outra persoa, quen serias? Non me gustaría ser outra persoa, salvo se é só un anaquiño. Nese caso, Carter ao abrir a tumba de Tutankhamon.
53. Que hai nas paredes do teu cuarto? Cadros varios, unha reproducción da Sibila que trouxen de Roma, un cartel de Madam Butterfly e outro de Thais, e fotos de películas.
54. Debaixo da túa cama? De todo. Unha batería de cociña que non sei onde meter, bolsas de plástico das duras que gardo por se fan falla (trampa mortal) un esquelete humano case completo...
55. Cal é o coche dos teus soños? Un mini, ou un Beetle, ou algo que caiba no peto.
56. Algo á persoa que che mandou este meme? Por que a min?
57. Nomea á persona que tal vez non conteste? Todos os que non me len porque o meu blog lles parece un peñazo (que son moitos).
58. A que de certo non responde? A Rapaza do Arco, que detesta estas cousas.
59. Quen che gustaria que o respondese? Mmmm... pásolle a pataca quente a Retropower, que me estou decatando que non sei nada del;)
60. Estas namorada/o? Si. En moitos sentidos diferentes.
61. Se non o estás... queres namorar? Xa dixen que si. En calquera caso, como a pregunta fala claramente do amor romántico, dicir que non me parece un estado desexable de por si. Quero dicir que non ten sentido "namorar" así en abstracto, senón namorar de alguén. Pódese estar moi ben só, non é necesario estar namorado para ser feliz.
62. Alguén especial na túa vida? Os amigos eses dos que falaba antes.
63.Que hora é? 17,10

Marcadores:

sábado, julho 07, 2007

Este é o momento, este é o lugar.

A miña primeira intención ao abrir o Espello era non falar de temas de actualidade. Non sei exactamente por que, supoño que porque me pareceu que o blogomillo ía estar sobrecargado deles. O caso é que hoxe vou romper os meus votos, pero por unha boa causa. Este ano, a festa do Orgullo LGBT celébrase na Quintana. Non vos parece deliciosamente irónico? Imos ter a un lado a Catedral, polo lado da Porta Santa, e polo outro as reixas do convento.

Hai uns anos (non tantos, fagamos memoria) isto sería absolutamente impensable. O feito en si dunha festa sería difícil, pero unha festa na Qintana, co permiso do Concello... Haberá quen diga que os políticos se apuntan ao carro por electoralismo, pero para min, o feito en sí de que pensen que isto lles vai dar votos é síntoma de que as cousas mudan. Hai uns anos (non tantos) ser homófobo era a actitude normal e agardable, e ninguén agardaba outra cousa. Hoxe, esa mesma xente semella non lembrarse de que tiña prexuízos (ou de que quería "matarlos a todos, para que no se reproduzcan").

Para a xeración precedente á nosa, por moi comprometida que estea, a loita pola identidade sexual parece ser algo un pouco frívolo. Non é unha Grande Revolución, é algo que atingue ás cousas pequenas, ao xeito de vivir. Incluso para moita xente da nosa (xeración) resulta algo secundario, un paso por detrás da loita de esquerdas (por chamarlle dalgún xeito). Sempre hai alguén que non quere meterse en "paranoias feministas".

Pola miña banda, eu creo que as dúas cousas, para ser verdadeiras, teñen que ir inextricablemente unidas. A loita política de esquerdas, sen meterme en matices, é unha loita pola igualdade. Se non es feminista nin defendes a idea da liberdade de opción sexual... igualdade para quen, exactamente? Para os homes heterosexuais? Para o grupo social mais poderoso de entrada, aínda dentro do sistema de clases? Unha loita así é unha loita a medias, é a loita dos mais favorecidos dentro dos desfavorecidos polos seus intereses.

Outra aspecto interesante son noticias coma esta de La Coz sobre a asignatura de educación pola cidadanía "Exigimos respeto a nuestras creencias, no somos radicales" di unha nai que se opón a que se imparta esta asignatura porque ten contidos de "política de género". Traducción provided by Raíña: esiximos poder educar aos nosos retoños católicos na idea de que non todas as persoas son iguais, faltaría mais, e en que nós somos mellores e normais, e os gays, as feministas e demais calaña son uns desviados. A familia nuclear é radiactiva, como di o cartel da festa de Coruña.


P.D: O meu Navalleiro favorito tamén fai unha reflexión moi interesante sobre o tema.

Marcadores: ,