sábado, novembro 24, 2007

Castañas con Cineuropa

Un outono sen Cineuropa é menos outono. Este ano o outono retrasouse, e Cineuropa tamén, pero todo chega, o frío, as chuvias torrenciais e os festivais de cine.

Non sei cantos de vós sodes fieis das colas, con bono, bocata e asistencia ao maratón alomenos unha vez, pero seguro que entre os que o sodes tedes mais ou menos a mesma sensación ca min: ás veces saimos decepcionados pero seguimos ao pé do cañón, ano tras ano. O mellor e o peor de Cineuropa é que nunca sabes que vas ver, a pesar das sinopses, recomendacións, fama do director, etc. Eu vou refinando o meu método de escolla, pero aínda así sigo levando sorpresas, agradables e desagradables, case con cada filme. Son a única que pensa que os resumos non son nada representativos? Ás veces nin tan sequera teñen que ver coa trama!

No meu estudado e perfecionado método para administrar o bono contan certas variables:
a) os horarios. Por que hai películas que pasan cinco veces e outras dúas?
b) os colegas: sempre mellor acompañada, aínda que tamén me gusta ir soa.
c) vana botar no cine despois? Mellor darlles preferencia ás que penso que non vou poder ver.
d) os clásicos: reservo un oco para velas en pantalla grande. Esta última é a aposta ao cabalo gañador, aquí si que sabes exactamente o que vas ver.
e) as salas: a aula de cultura foi todo un descobremento, e o Principal sempre mellor que o Salón Teatro. O teu cu agradecerao.

Así que fago as miñas quinielas, saco unha ecuación de segundo grao, substitúo e despexo X, e alá me vou, e aínda así nunca sei que vou ver.

Despois, isto dos festivais ten outra vertente: o rollito social. Deixarse ver por Cineuropa sempre lle da a unha certa pátina de persoa culta e interesante. Canto disto e canto de cinefilia hai no patio de butacas é unha das grandes preguntas. Moitas veces escoitei argumentos do tipo de: o Principal está ata a bandeira, pero despois esa mesma peli póñena no cine e hai cinco persoas. Aínda aceptando que o postureo sexa unha poderosa razón para gastarse os dous exiguos euros da entrada, eu creo que hai outra razón: o festival crea un hábito, tes o teu programa e xa sabes que ese mes tes que facer oco na túa rutina. Do outro xeito, ás veces sinxelamente pásaseche.

Algo de todo haberá, supoño, pero sigo pensando que é positivo que se encha un cine, sexa pola razón, mais ou menos pura e virtuosa, que sexa. Ademáis, a min tamén me gusta facer vida social.

Marcadores:

quinta-feira, novembro 15, 2007

Non me colleredes viva


Esta semana estou embarcada nunha misión imposible: mercar un portátil sen Windows Vista. Se me ides dicir que merque un Apple, direivos que a esa conclusión xa cheguei eu soa, por moi paquete que sexa no que a informática se refire.

Pero antes diso, veu un periplo por tódalas tendas da cidade, porque non me podía crer que non se puidera mercar un ordenador con outro sistema operativo. Ao final xa nin sequera pedía que me instalaran outra cousa, senón sinxelamente que non levara Vista, xa me buscarei a vida. Pois non. Escoitei cousas como que "es un componente más del ordenador" (?) ou que se o desinstalas podes cargarte o hardware (????????). Como pode ser tan difícil NON mercar algo?

Pero mais grave é que hai marcas que ao parecer retiran a garantía se ti, pola túa conta, mercas o teu ordenador (pagando o Vista), desinstálalo e pos outro sistema operativo. É dicir, que non so tes que mercalo... senón que tes que usalo!! E pregunto eu: ademáis tenme que gustar? Poden obligarme legalmente a desfrutar utilizando Windows Vista?

Preguntarédesvos: que secreto e terrible trauma ten a Raíña con Microsoft? Resposta: absolutamente ningún. De feito, en principio non tiña pensado nada en concreto cando comecei a mirar ordenadores, non ía coa idea fixa e obsesiva de que non quería baixo ningún concepto utilizar Microsoft. Pero cando sinto que me obrigan a facer algo, automaticamente sae a vena contestataria, e son capaz de ir ata Silicon Valley e complicarme miserablemente a vida con tal de non pasar polo aro. Non o podo evitar.

O capitalismo marca as súas propias regras, entre elas a da libre competencia, pero despois non ten ningún reparo en violalas cando lle convén. O peor é que xa estamos tan habituados que nin reparamos en que ocorren estas cousas. A maior parte da xente mercará e empregará Windows sen que se lle pase pola cabeza sequera que lles están vendendo o deterxente xunto coa lavadora, queiras ou non, e que ademáis podes cambiar de lavadora pero non de deterxente. A iso se debía referir o vendedor que me dicía que era unha parte mais do ordenador.

Marcadores:

terça-feira, novembro 06, 2007

Cumpleblog (e cambio de imaxe)

O Espello cumple un ano, como pasa o tempo. Ben, en realidade cumplino onte, pero como vedes gastei o tempo en cambiar o deseño e non me deu tempo a postear. (agradezo opinións: votos a favor do novo deseño, votos a favor do antigo. Aviso que non o vou cambiar se vos gusta mais o vello, deu moito traballo! Pero igual noutro momento fago unha versión nostalxia)

Cando empecei, fíxeno por moitos motivos, á parte do xa coñecido da versión on line da miña vella libreta de notas. En parte, porque estaba preparando un examen deses de longo percorrido e pareceume boa idea ter algo co que desconectar. En parte, porque era un xeito de dar saída a todas estas filias raritas que xa me ides coñecendo. O de coñecer xente non o contemplei. Non me vía eu relacionándome vía blog, eu que pasei sucesivamente do IRC e do messenger mais que para falar cos amigos.

Despois resultou que o tema este de sociabilizarme foi unha grata sorpresa, e ao final é o que mais me tira do blogomillo, sexa ou non sexa un círculo pechado, aberto ou unha secta satánica. Nunca pensei que ía facer novos amigos, ter algo mais que compartir cos vellos e coñecer tanta xente interesante. E o caso é que siguen aparecendo novos blogs con moi boa pinta, e polo tanto a tan augurada morte do blogomillo semella como a morte da literatura: nunca remata de chegar.

Isto último é o de menos, pero o Espello está no número 55 de blogaliza!! Non me importa demasiado a cifra de por sí, pero se iso significa que vos gusta, que me ledes e que me ides dar un tirón de orellas se acualizo pouco, levarei o 55 con orgullo, aínda que non me achegue aos grandes hits blogomilleiros;)

Así que nada, a seguir interactuando, vía comentario ou en persoa, e xa sabedes, se me vedes esta finde por aí, invito a unha copa.