domingo, janeiro 25, 2009

Isto non é Kansas


Con tanto trebón, que por certo fun a única que non se enterou mais que de oídas, isto xa parece Kansas, por obra e graza do cambio climático que ameaza con converternos nunha rexión subtropical, cos seus tornados, as súas secas e as súas choivas torrenciais. E inevitablemente veume á mente o Mago de Oz (o libro, non a peli, que me provoca diabetes inuslinorresistente) que de nena parecíame unha mala copia das miñas adoradas Alicias. Primeiro, porque non conseguía o efecto onírico tan ben como os libros de Carroll. Todo demasiado enfiadiño e coherente para ser un delirio post- traumatismo craneoencefálico. Segundo, porque desprende unha moralina insoportable e falsa (como que na casa como en nigures? Se vivía no medio do deserto! En todo caso, en calquera sitio mellor que na casa) domestica-adolescentes con necesidade de independencia.

Terceiro, porque a distinción entre bos e malos no Mago resultaba demasiado maniquea e plana incluso para a miña mente infantil, que se rebelaba ante esas meigas malisísimas e esas fadas intoxicantemente pastelosas. E ante a insoportable de Dorothy (Dorotea na miña edición) que non tiña nin de lonxe a graza e o desenfado de Alicia, que polo menos facía trasnadas, escapábase das leccións e envolvía aos pobres gatos con novelos de la.

Aínda así, o libro salvábase ás veces grazas a momentos épico-lisérxicos como o dos monos alados ou o campo de mapoulas no que Dorotea descobre o perigoso pero non por iso menos fascinante mundo das drogas brandas, e ten alucinacións con ratos parlantes. Tamén me gustaban os zapatos (que no libro son plateados), aínda que non parecían do mais cómodo para unha viaxe longa. Por que non unhas Converse plateadas?

Pero o mellor con moito é a parte que censuraron na peli de Fleming (falo de memoria, non teño a paciencia de volver vela para escribir o post) que é a chegada de Dorotea (para min vai ser sempre Dorotea) ao pazo de Rubí da meiga do Sur, Glinda. Non sei en que demo estaría pensando Baum, pero o pazo desta outra Raíña Vermella, quitando o feito de ser de rubí, é unha especie de mansión Play Boy, cunha garda e un servizo composto exclusivamente de rapaciñas novas e apetecibles con uniformes vermellos e curtísimos (xuro que busquei a ilustración do meu libro, pero non aparece) e Glinda sentada nun trono no medio delas, en plan Hugh Hefner pero en guapa. E eu aquí, co meu té e o meu xadrez. Está claro que as hai que se montan o rollo mellor ca min.

P.D: a foto, por suposto, é de Annie

Marcadores: ,

quinta-feira, janeiro 15, 2009

KV60

A noticia da descuberta da momia da raíña Seseshet, fíxome lembrar outra moito mais espectacular, de hai un par de anos: a identificación da momia da faraón Hatshepsut na tumba KV60 do Val dos Reis, preto de Tebas, a antiga capital. En realidade, a raíña do nome impronunciable levaba varias décadas nos sotos do museo exipcio do Cairo. En 2007, unha moa nun vaso ritual co nome de Hatshepsut encaixou cal zapatiño máxico na mandíbula da momia anónima, que resultou ser o personaxe mais fascinante da XVIII Dinastía. E da historia de Exipto, que demo. Pusilánimes como Nefertiti ou Cleopatra non tiñan nada que facer a carón da raíña-faraón que estivo a piques de fundar unha linaxe de mulleres e gobernou con pleno dereito durante mais de vinte anos.

A verdade é que o estatus das mulleres no antigo Exipto, especialmente até o Imperio Novo, xa é peculiar de por si dentro da Antigüidade (e da modernidade, podo engadir). Tiñan unha consideración legal eqiparable á dos homes e podían exercer prácticamente calquera cargo, dende músicas e escribas, até médicas, alto funcionariado e incluso visir. Non semella que fora moi frecuente, pero non había ningún impedimento legal para que ocorrera, e de feito dábase. No que toca á familia real, teóricamente só un home podía ser faraón, pero debía casar cunha princesa real para ocupar o posto, polo que eran frecuentes os matrimonios entre irmáns, para lexitimar o ascenso ao trono do herdeiro. Dalgún xeito, podería dicirse que o poder era matrilineal, aínda que o exercían os homes.

Pois ben, Tutmosis I decidiu saltarse a molesta necesidade dun varón e nomear sucesora ao trono das Duas Terras (encántame o das dúas terras, é como unha novela de fantasía épica) á súa filla Hatshepsut. Pero parece que, cando papá morre, a rapaza é obrigada a casar co seu medio irmán Tutmosis II, cousa que non lle senta de todo ben. Pero Tutmosis II durou ben pouco no trono faraonil, deixando un neno nacido dunha concubina e unha princesa real filla de Hatshepsut, Neferura. Segundo o método tradicional, terían que casar ao pequeno Tutmosis III con Neferura para lexitimar o seu ascenso ao trono, pero semella que a raíña (convertida nese momento en rexente en nome do cativo, coa que non a unía ningún vencello de sangue) retrasou indefinidamente a voda, polo que a Doble Coroa (como mola) estaba na infantil cabeza dun plebeo que non descendía das Grandes Princesas. (Nota: atención a que o neno non era considerado digno do trono a pesar de ser fillo do faraón). Así que Hatshepsut deu unha especie de golpe de estado encuberto e nomeouse a si mesma faraón, masculinizando o seu nome e asumindo os atributos rituais como a barba postiza. O seu home de confianza, Senenmut, exercía como tutor da princesa Neferura, , herdeira do trono.

Aínda que a relación entre Senenmut e Hatshepsut é o que espertou auténtico interés de cotilleo, na historia da faraón, a min o mais interesante paréceme o xogo de intercambios de roles sexuais: unha muller que firma, ás veces como home, ás veces como muller, que non contrae de novo matrimonio pero que tampouco oculta a súa identidade feminina, e que trata de situar á súa filla no trono. Supoño que non é posible saber que se lle pasaba exactamente a Hatshepsut pola cabeza con todo este lío de roles. Posiblemente encarou unha situación sen precedentes como mellor soubo, pero sen complexos de inferioridade.

Por desgraza, o experimento saíu mal, e en menos dun ano morreron Senenmut e Neferura (podemos pensar nunha conspiración dos partidarios de Tutmosis III) ou nunha época de altísima mortandade) e Tutmosis reclamou o seu dereito sobre o trono, exiliando á súa madrasta dentro do propio pazo, e casando cunha princesa real dunha muller secundaria do seu pai (a falta de pan...) Aínda que tiña arredor de 50 anos cando morreu, seguramente a raíña sería unha anciá para os parámetros da época. Morreu como faraón, porque Tutmosis nunca chegou a desposuíla en vida do poder, pero trala súa morte, o novo rei tratou de borrar todo rastro dela, en pedra e papiro. Aínda que xa vedes que non lle saíu de todo ben, e hoxe estou escribindo sobre unha muller morta hai case catro mil anos :)

Marcadores: , ,

quinta-feira, janeiro 08, 2009

Escolle relixión. Escolle un país grande que lo flipas. Escolle un exército...

Non son moi de comentar temas de actualidade, pero neste caso non podo eludir o tema candente (nunca mellor dito) do ano que comeza. En realidade, o que me resultou mais dolorosamente sorprendente non foi tanto o tema en sí, que xa tod@s coñecemos, senón as reaccións que lin aquí, aquí e incluso aquí.

Para que non se diga que sempre lle meto caña á igrexa católica, neste blog hai estopa para todos. O Estado de Israel xoga coa imaxe de país "occidental" e civilizado fronte á barbarie islámica. Cando hai vítimas israelíes doen mais, porque son tan loiros, visten coma nós, van a restaurantes e discotecas. É un atentado en chan occidental. Os mortos palestinos son mortos xenéricos de calquera das guerras do mundo, nun campo de refuxiados de calquera parte do terceiro mundo, que é onde loxicamente deben de pasar estas cousas. Polo tanto, as posturas pro-sionistas que atopei ultimamente son un caso do mais puro e simple racismo. Os israelíes teñen razón porque son os nosos, os palestinos son os moros fanáticos e radicais.

Pero até que punto Israel é un estado moderno, occidental e chachi? En primeiro lugar, é un estado creado por unha crenza relixiosa, cousa xa bastante irregular. Non é un pobo expulsado do seu territorio que retorna a él, é unha secta que di que Deus lle prometeu ese territorio! E que por certo, é bastante mais amplo do que colle o actual Israel, e colle parte dos países limítrofes. Por outra banda, descoñezo se se define ou non como estado laico, aconfesional ou algo polo estilo, pero en calquera caso funciona como un estado confesional, o cal para min o equipara a calquera monarquía absoluta ou dictadura do mundo. Un país no que non existe o matrimonio civil, e no que os fillos fóra do matrimonio (relixioso, claro) teñen o status legal de bastardos e carecen na práctica de dereitos, e no que só os homes poden na práctica solicitar o divorcio. Un estado no que só so xudeos son cidadán de pleno dereito, e os crentes doutras relixións que viven neste territorio son cidadáns de segunda, é tal e como eu o entendo, un estado confesional, e o mais alonxado que podo pensar dun estado moderno, occidental e chachi. E estes son só uns poucos exemplos dunha lexislación que non coñezo con detalle.

Non podo entender outra xustificación da actuación de Israel, estes últimos días e en toda a súa historia, que unha xustificación racista á acción dun estado racista, unha xustificación islamófoba (arabófoba?) á acción dun estado integrista doutro signo.

Non sei por que o fanatismo xudeo nos ten que parecer mellor ou mais aceptable que o fanatismo doutro signo. Botámonos as mans á cabeza pola existencia dun estado islámico, pero vemos como normal e necesario que permaneza no mapa este outro ghetto relixioso. E ademáis, xustificamos a acción armada deste estado destinada a eliminar a outro grupo relixioso do seu territorio? Para min, o mais grave é que o xenocidio nazi, no canto de facelos reflexionar sobre o racismo ou a convivencia, deulles lexitimidade. E ideas.

P.D: tamén falan do tema Mario e Antuán, e mellor ca min :)

Marcadores: