sexta-feira, dezembro 22, 2006

Comparemos Mitoloxías

Teño que confesalo: gústame o nadal. Seino. Sei que é unha descomunal campaña de márketing, que é a festa do consumismo, que é un atentado contra o bo gusto... Pero non podo evitalo, gústame a comida, o champán, os agasallos (facelos e recibilos) as bolas, as luces, vestirme para fin de ano. Xa o sei. É terrible.

O caso é que sempre aparece alguén que, sexa con inocencia ou con toda a mala fe, fai a seguinte pregunta, ano tras ano: como é que celebras o nadal, sendo atea? Se a persoa en cuestión ven de boas, explícollo, pero se é o típico que ven por tocar a moral (e por ver se te pilla nun renuncio) contesto: como se o nadal tivera algo que ver co cristianismo. Suficiente para descolocar e que deixen de dar a brasa. Pero realmente é así.

Vaia por diante que a min paréceme xenial que cada quen celebre o que lle pete cando lle pete, sexa a Natividade do Noso Señor, a Hanukkah ou o día da Mofeta. Sinxelamente, as festas de nadal, con tódalas súas características, xa existían moito antes do século I, e polo que parece sobrevivirán con moito á lenta pero imparable caída da Igrexa Católica. O copieteo é algo ao que é moi afecionado o cristianismo. De feito, é realmente difícil atopar algo orixinal nel, eu polo menos non o conseguín.

1.Nacer nun alpendre, e que te anuncie unha estrela: esta era un curioso costume dos deuses indoiranios. Despóis, os sacerdotes (que recibían o título de “magos”, que cousas) atopaban ao cativo e íano adorar. Deberon pensar que, como era unha relixión pouco coñecida, non se ía notar.

2.Preñar virxes: este é todo un hit dos mitos romanos e gregos, en tódalas súas variantes: con esposo cornudo pero feliz, ou con posterior sacrificio da pobre rapaza, que nin pinchaba nin cortaba.

3.Comida, agasallos e solidariede cos pobres que duran o que o resacón de fin de ano: as Saturnais romanas, tal cual, que ademáis coincidían nestas datas. A festa, basicamente, consistía en comer, beber, desfasar (á romana) e facer pequenos regalos á familia e aos escravos, e poñelos a comer cos amos en plan “siente a un pobre a su mesa”.

4.Rei chungo que te persegue e fuxida a Exipto: mitos de Isis. Ela escapa con Horus neno por Exipto, fuxindo do recén entronizado Seth, que quere matalo porque sabe que lle vai arrebatar a coroa. En realidade, toda a iconografía da virxe co neno está copiada da de Isis con Horus, ata o punto de que nos primeiros séculos adoráronse estatuas de Isis pensando que era María.

A miña conclusión, polo tanto, é que o nadal é unha festa superhortera, pero xa era superhortera hai tanto, que é case vintage. No meu seguinte post contareivos que, realmente, na miña casa somos devotos do Sagrado Misterio da Resurrección do Pavo.

Marcadores: