sábado, novembro 25, 2006

Memes


Estaba intrigadísima con isto dos “memes” cos que anda todo o mundo últimamente. Non, a min nunca me chegou ningún por correo, nin tiña idea do que eran. A primeira vista parece un test das revistas para rapazas, deses que che din se es compatible coa túa parella a través de complicadas ecuacións tomando como variables o que almorzas e cal é a túa cor favorita. Despóis informeime do qué demo era en meme e resulta que non era unha nova revista. Resulta que un meme é como un xen pero en pensamento: unha idea básica que se transmite de xeración en xeración e que se perpetúa ou non dependendo do seu éxito evolutivo, do “eficaz” que sexa.

Iso de que unha idea sexa ou non eficaz é curioso como concepto, pero pódese explicar moi ben dende a psicoloxía cognoscitiva, que xa mencionei algunha vez: o choio é que hai ideas que resultan útiles para funcionar no mundo e outras que non. Por exemplo, a idea da alma, ou da vida despois da morte parece ter certa utilidade para liberarnos da angustia, así que se transmite. Non se me ocorre agora ningún exemplo de idea “non útil”, supoño que precisamente porque non se transmiten. Polo tanto, artellamos a nosa personalidade mediante memes, mediante un montón de ideas que conforman o que somos e o que cremos.

A diferenza co código xenético é que este outro código, aínda que funciona por replicación e selección natural, transmítese tamén de xeito horizontal, entre individuos sen parentesco entre si, e que un mesmo pode alterar o contido dos seus memes. Alomenos na teoría, porque despóis na práctica é moi difícil facer reflexionar a alguén sobre unha idea preconcebida e adquirida culturalmente e conseguir que a mude. Non é fácil que consigas que o teu veciño o de “a estos inmigrantes había que matarlos a todos, que vienen aquí a quitarnos el trabajo” mude ese meme que non ten idea de como adquiriu nin por que defende, seguramente porque lle é útil, dalgún sinistro e escuro xeito. En realidade, coido que este sistema funciona máis como se fora un virus, tendo en conta que os virus mellor adaptados son os que non matan ao hóspede ou incluso que non lle provocan enfermidade, xa que a morte da célula na que viven implica a súa propia destrucción. O mellor virus é o que se integra no ADN da célula e queda aí quietiño sen facer barullo, chupando ADSL e calefacción central de gratis pero sen molestar demasiado.

Os test estes están compostos de memes só en parte, porque se o entendín ben, a túa talla de zapato non é un meme, pero si poden selo cousas como a cor de pelo nas mulleres, porque podemos tinguirnos e polo tanto facer unha escolla (ben, os rapaces tamén poden tinguirse, pero eu non coñezo a ningún que o faga, ou polo menos que o confese.) e por suposto a roupa ou a música. Se cadra estes son os máis memes de todos, porque a túa escolla en cuestións estéticas está moito menos influída por consideracións racionais, e polo tanto di mais de ti. Como dicía Wilde: “é superficial que non xulga as apariencias”
Aí vos vai un test que copieteei de blogs alleos, a ver se vos facedes unha idea de min e me incorporades ao voso código memético.

Nome
O de verdade? A Raíña Vermella

Idade:
Demasiada

Data de Nacemento:
Un luns de lúa chea

¿Pides desexos ás estrelas?
Non. Cando quero algo, cólloo.

¿Gústache a túa letra?
Moito

¿Cal é a túa comida favorita?
O café

¿Es un demo?
Inténtoo, pero non me sae o riso diabólico.

¿Cómo demostras a túa ira?
Póñome vermella

¿Cal é a túa segunda casa?
Certos bares

¿Cal era o teu boneco favorito cando eras neno/a?
Un pinguín vermello (en serio!)

¿Farías puenting?
Só se fora estrictamente necesario para evitar que unha banda de asasinos a soldo kazakos fixeran unha mochila coa pel de alguén que me importe (moito)

¿Cres que es forte?
Comparada con que?

¿Cal é o teu xelado favorito?
Café

Talla de zapatos:
Un 36

¿Qué é o que máis odias de ti mesmo/a?
Odiar? procuro non ter ese tipo de vicios...

¿Cor de pantalóns, camiseta, roupa interior, zapatos? Agora mesmo.
Negro, vemello, vermello, negro

Primeira cousa na que te fixas na xente:
Nas mans, sexan tíos ou tías.

Bebida favorita:
Calquera con cafeína (café, té, cocacola, licorcafé...) Xe sei que o do té é teína, pero cando estás co mono da igual.

Deporte favorito:
Saio a correr cando fai bo

Cor de pelo:
Castaño

Cor de ollos:
Indeterminado

¿Levas gafas/lentillas?
Gafas

¿Última película que viches no cine?
The Illusionst

¿Cal é o teu postre favorito?
Café e bombóns

¿Qué libros estas lendo?
O Segundo Sexo, ademáis dos que non me queda máis remedio

O lugar máis alonxado no que estiveches:
París

Unha canción que che lembre a alguén ou algo:
Miles.

¿Sempre es ti mesmo/a?
Pódese ser outra persoa? Gustaríame probar...

¿Cine ou peli na casa?
Cine mellor, pero o que importa é a peli

¿Es feliz?

Marcadores:

quinta-feira, novembro 23, 2006

Serie negra, pero negra negra.


Teño o meu novo Blacksad e estou como unha nena con zapatos novos. Ademáis este último número é vermello, coma min.

Para quen non coñeza Blacksad, direi que é un cómic de serie negrísima, protagonizado
por un gato ao máis puro estilo Bogart pero infinitamente máis atractivo (Nota: para que non entenda como pode ser atractivo un gato, que o lea, e que se dea definitivamente á gatofilia).

Non estou moi posta en tema de banda deseñada, pero hai un par de series que merco e que me enganchan, como Murena (violencia, sexo e conspiración no tempo de Nerón), ou V de Vendetta (represión e rebelión: como a vida, dígalle) Gústame sobre todo a calidade do debuxo,sempre e cando, claro, o guión non sexa terrible. En Blacksad atopei a miña esencia: é como unha peli clásica de detectives pero moito máis escura en canto a trama, e o debuxo é unha auténtica pasada. De feito, o autor debuxou para a Disney, e agora débese de estar desquitando de tanto azucre a base de facer bechos mafiosos e asasinos. O mellor da historia para min é o ben que se axusta cada animal ás características da personaxe.

Últimamente en todos os meus post (e en parte tamén os dalgún blogs amigos, como o do Moucho) está sobrevoando a mesma teima: a idea de cultura, a cultura como privilexio dunha elite, quen decide o que é cultura. A nosa xeración debe ser a primeira que asume con naturalidade a cultura de masas como auténtica cultura, e con conciencia de que o é. Lemos banda deseñada do mesmo xeito que escoitamos a Haendel. Blade Runner é tan obra de arte como Casablanca. Se non estamos atentos aos fenómenos culturais do noso tempo, é como se non viviramos no mundo. Por outra banda, tamén Strauss foi no seu tempo cultura de masas.

En “O Lobo Estepario” di Hesse que cada persoa é medio persoa e medio animal, que hai homes-peixe, mulleres-serpe, etc. Iso é o que ocorre en Blacksad. Cada animal é un retrato psicolóxico, e se te buscas, pode que incluso te atopes co teu animal.

Marcadores:

segunda-feira, novembro 20, 2006

Eu, que non entendo de arte...


Esta semana fun ver unha peli ao cine, e confeso que me deixei levar absolutamente polo esnobismo do que todos pecamos algunhas veces. Explícome: non coñecía a peli, non vira nada do director e fun única e exclusivamente porque todo o mundo dicía que era un tipo independiente e tal. E pagueina, claro. Paguei relixiosamente a miña entrada e a peli en cuestión non me gustou en absoluto, e paguei en cargo de conciencia. En primeiro lugar por deixarme levar así pola masa, e en segundo porque me sentín un pouco parva: eu non vía que aquilo fora para nada unha grande peli, pero semellaba que era por un defecto meu, que non debo de ser suficientemente intelectual, ou algo. O peor é non saber se realmente aos demáis sí lles entusiasmou ou teñen a mesma opinión ca min, pero non o din.

Estas cousas pásanme relativamente a miúdo, supoño que en parte é culpa miña por non ter a menor idea de mogollón de cousas, pero por outra banda, para que che guste unha película é necesario ter idea? Recordoume un pouco a determinadas exposicións de arte contemporánea (non a toda a arte contemporánea, ollo) das que saio desconcertada, sen atreverme moito a opinar, e con certa vaga sensación de que me/nos están a tomar o pelo.

Cando paso por un destes trances penso que o tempo, e a crítica, poñerán a cada un no seu lugar do Parnaso das Artes, elevarán a cada quen ao seu pedestal correspondente e inamovible, e daquela xa non nos dará medo dicir que Picasso, ou Malher, non nos provoca maiormente nada, sen que ninguén se ofenda nin pareza que es unha reaccionaria que non entende as avangardas. A distancia fai que todo se suavice.

Marcadores: ,

terça-feira, novembro 14, 2006

Feiticeiro


Esta semana descubrín un disco de Miles que non escoitara, “Sorcerer”, e alá vai toda a miña concentración no que estaba facendo. Debo de ser un pouco obsesiva, porque cando atopo algo que me entusiasma (e o problema é que ese algo pode ser practicamente calquera cousa) noto que o meu curso de pensamento da voltas unha e outra vez sobre o tema, aínda que eu faga esforzos por desvialo e centrarme. Esta semana foi Miles, de novo.

A música sempre foi algo central para min, e é así para case todo o mundo que coñezo, dun xeito ou outro. De cando en vez aparece unha desas persoas que di que non lle gusta a música, e daquela non podo evitar pensar: “Iso é imposible. O que pasa é que non atopaches a túa música” A música que escoitamos é, se cadra, o que máis nos define, o que sentimos como máis noso, incluso máis que o que lemos. Ademáis, hai moita xente que apenas le, pero é raro atopar a alguén que non escoite música.
Deixando á marxe o virtuosismo, o que máis aprecio na música é o estado de ánimo que produce en min. Busco na música un estado moi concreto, e non atopalo resulta unha decepción, así que hai cousas que podo admitir que son boas, pero das que non remato de desfrutar, que non me “chegan”. Pero cando algo toca a tecla precisa, é case maxia, como este “feiticeiro”.

Se tivera que definir ese estado que busco na música, diría que é de sensibilidade exacerbada, pero serena e feliz. Non me gusta, en xeral, a música deprimente, cando estou mal procuro poñer algo que me anime, ou directamente non escoitar nada, para non asocialo despóis a cousas negativas. Miles Davis ten esa serenidade e esa forza que me gustan. Ten un son cheo e redondo, profundo e suave. Nada de estridencias, nada de rabuñar o metal. Ese metal case non parece metal, semella só aire (salvo cando el quere que sintas que é metal) E ese desaparecer para deixar só ao teclado ou á batería.

Miles soubo coller de cada época o mellor que se lle ofrecía, cada disco, dende “Birth of the cool” ata a época de “Aura” (outro dos meus favoritos) supón unha evolución, un paso adiante, pero sempre segue sendo Miles. Nunca se perde, nunca se distorsiona, nunca se volve elitista ou inescoitable, pero sempre avanza. Dicía que non entendía que a xente pedira unha e outra vez “Kind of Blue”, porque iso xa o tocara unha vez, e bastaba.

Marcadores:

domingo, novembro 12, 2006

Lobotomía


Todo isto das matemáticas e das ciencias suscitou moitos comentarios interesantes, e fíxome reflexionar sobre certo sentimento que tiven sempre de ser unha especie de tránsfuga, un becho dunha especie descoñecida. Coido que teño unha concepción do coñecemento un tanto anticuada, un pouco leonardesca. Total, que pico de todas partes e non me quedo con ningunha. Cando te obligan a decidir (con quince anos, que xa manda) entre ciencias ou letras, é como se che desen a escoller un hemisferio cerebral. Que prefires, o esquerdo ou o dereito? Que che apetece máis, saber de física ou de literatura? Non ter nin idea de arte ou ignorar completamente a estructura do ADN?

O que me fai pensar isto é que non temos unha vivencia natural da cultura (entendendo cultura nun sentido moi amplo), que non a entendemos como un todo nin moito menos como un xeito de placer persoal. Esas actitudes só se entenden se se contempla o coñecemento como un medio para acadar algo (un posto de traballo, prestixio, quedar de guai e superculto mencionando a Schopenhauer como de pasada) Polo tanto, se vas ser enxeñeiro, non che fai maldita falta saber de literatura, semella pensar o sistema.

O problema é que a pregunta non é a correcta. Claro que non che fai "falta" saber de literatura. Pero é que a literatura, a arte, a música, son ocio. É algo creado única e exclusivamente para proporcionar placer, sexa do tipo que sexa. O que se nos nega é a posibilidade de desfrutar dese placer.

Por suposto, certas actitudes elitistas tampouco axudan, como considerar que a música clásica,ou a mitoloxía grega é unha cousa súper seria que te mueres , que non se pode tomár á lixeira. Ou facernos destripar poemas coma se foran ratos de laboratorio. Converter o ocio nun auténtico coñazo, facernos pensar que non é para todo o mundo, que hai que ser un erudito para escoitar a Mozart (que xa me dirás).

Marcadores:

quarta-feira, novembro 08, 2006

Opinar, opina calquera


Fozando pola internés e tratando de encher as miñas múltiples e profundas lagoas culturais, din cun capítulo de "Filosofía e superstición" de Adorno, que se titula "Opinión, demencia e sociedade" que me resultou moi interesante. É unha desas cousas que les e pensas "isto penseino eu mogollón de veces" pero como non es Adorno, non che queda tan guai cando o escribes. Vaia por diante que non lin o libro enteiro, así que se algún fan pensa que meto a pata nalgo, estou aberta a todo tipo de críticas.

A cousa vai de como, cando sostemos unha opinión, establecemos a un tempo dous procesos opostos: por unha banda, enunciamos que, como tal opinión, é algo subxectivo e imposible de demostrar na súa totalidade; pola outra, conferímoslle a esta mesma subxectividade o rango de dogma. "É a miña opinión", dis, e parece como cando os nenos xogan a pillar e din "¡casa!" e xa non podes collelos. Como é a túa opinión, ninguén pode dicirche nada, aínda que sexa absurda.

Por outra banda, outra cousa que facemos é "encasquillarnos" nas nosas opinións, é dicir, unha vez que opinas unha cousa, non hai argumento que che faga mudar, a pesar de que, precisamente por ser "opinión" debería ser posible variala. Isto ocorre porque tomamos as opinión como algo identitario, algo que nos define como individuos, unha especie de núcleo de personalidade. Quen ataca as nosas opinión, atácanos a nós.

Ademáis, tendemos a racionalizar, a revestir opinións baseadas en prexuízos ou medos e paranoias persoais de argumentos pseudolóxicos, como quen encala unha parede. Como a xente que está en contra de cousas que nin lle van nin lle veñen (homes contra o aborto, familias católicas contra o matrimonio gay, etc) e da razóns absolutamente disparatadas, que se ve claramente que están construídas a posteriori, sobre un prexuízo previo. A psicoloxía cognoscitiva traballa sobre a base de que estas opinións "enquistadas" poden ser causa de trastornos psicolóxicos, como por exemplo que te volvas skin. Ti realmente non te cres todo o edificio teórico arredor de queimar mendigos con gasolina, sinxelamente gústache facelo e xustifícaste así. Se consigues que o skin vexa que a súa opinión non se fundamenta, se cadra podas facer que cambie de actitude (seino, é un pouco inxenuo, o máis probable é que che parta a cara moito antes).

Por último, o que máis me mola: empregar a opinión como trincheira dende a que disparar (isto non o di Adorno, dígoo eu). Como é a miña opinión, alá che vai, podo dicir impunemente as maiores animaladas. Co escudo máxico de que "toda opinión é respetable" podes dicir todas as animaladas que queiras. Unha vez máis "¡casa!"

P.D: Estou fascinada pola idea de que Adorno fora músico tamén, aínda que a min a contemporánea escápaseme un pouco (como xa notariades polo que pon en "Sobre min", o meu é o barroco) e pola base teórica da atonalidade. Pero a música déixoa para outro post.

Marcadores:

terça-feira, novembro 07, 2006

Átomos e Caracolas


Como me deu por pensar sobre as matemáticas e a miña experiencia con elas, pasei a pensar na física, na miña época de ler ciencia-ficción e ensaio científico, e nun problema co que me dou de cabeza unha e outra vez, a saber, a falta de cultura científica. Non falo de que a xente saiba os nomes dos últimos premio Nobel (eu tampocuco os sei), nin de que as conversas na cafetería traten sobre se o universo ten forma de cadeira de montar ou de chapeu boca abaixo. Falo de distinguir entre un virus e unha bacteria (que se asemellan entre sí como un verme a unha balea), de saber que unha molécula é unha orxía de átomos moi xuntiños, e cousas polo estilo. Teoricamente, todo isto aprendémolo no colexio. Na práctica, o sistema educativo diche, máis ou menos: "ti para que precisas isto, se os átomos nin se ven, e as matemáticas, total, non as entende nin Dios? Iso é para os científicos, como o fulano ese da cadeira de rodas" É dicir, ninguén che explica para que valen.

A ciencia, como a arte, vale para entender o mundo no que vives. Para entender por que non serve de nada que te poñas cego de antibióticos cando tes gripe. Para saber que, cando alguén fala do "cen por cen de probabilidades", está intentando que merques algo. Para ler a Asimov, que vale a pena, e enterarse. Para comprender que o Nautilus, aquí na foto, non medra así porque se vaia de guai e de sobrado, senón porque sabe matemáticas.

A outra cousa que ocorre é que, entre a xente en principio culta, percíbese un olímpico desprezo cara o coñecemento científico. Supoño que parte do problema é que se asimila ciencia a técnica, industria, economía, capitalismo. Coido que esa é, pouco máis ou menos, a liña de razonamento, en parte inconsciente. Cada quen é moi libre de poñer calquera cousa en relación con calquera outra, e tampouco vou ir eu aquí de abanderada da neutralidade (que mal rollito da esa palabra) da ciencia, pero ao meu entender o erro reside en confundir a ciencia como método coa aplicación que dela se fai. A ciencia-método só che describe a curva perfecta do Nautilus, e ao Nautilus dálle igual as teorías que fagas arredor del. Xa estaba aquí antes dos dinosauros, e probablemente aquí seguirá, haxa ou non alguén para describilo.

Marcadores:

domingo, novembro 05, 2006

A Casa do Espello

"Imos xogar a que hai un xeito de atravesar o espello; a que o cristal se volve brando, como se fora de gasa, e que podemos pasar a través".

Dende sempre profesei polas matemáticas un amor oculto e non correspondido. Oculto, porque as reaccións dos demáis cando dis que che gustan as matemáticas son de espanto, como se tiveras algún tipo de tendencia estraña e desaconsellable, ou de incredulidade. Non correspondido, porque nunca chegamos a comprendernos unha á outra. Ela pedía demasiado, unha disposición e unhas cualidades que eu non posúo, e eu acabei adicándome a outra cousa, na que o meu contacto con ela é escaso e formal. Cando nos atopamos, saudámonos cortesmente. Pero eses grandes romances deixan unha pegada de por vida. Cando quero lembrala, érgome furtivamente e saco do seu escondedoiro "A Través do Espello, e o que Alicia atopou ao Outro Lado"

Non quero poñerme Matrix, pero ás veces penso que as actuacións na Internet teñen un pouco esa característica carrolliana, e máis concretamente atravesoespecular: trátese dun mundo firmemente conectado coa realidade e dependente dela, real á súa vez e rexido por un conxunto de normas semellante pero non necesariamente igual ao do mundo "real". Polo mesmo, cada persoa ten o seu correlato dentro do espello, que somos indubidablemente nós (quen se non?) pero que ao mesmo tempo somos lixeiramente diferentes. Eu son A Raíña Vermella dentro do espello, pero fóra do espello son a gata negra de Alicia, e ningunha é máis real que a outra.

Marcadores: ,