quinta-feira, fevereiro 26, 2009

Zapatos!!!


Xa é oficial: son fan dese delirio psicotrópico-conceptual chamado I.T. Crowd, a serie mais divertida que vin en moito tempo. E iso que vou polo capítulo tres. Só fai falla ver o novo número de emerxencias ou a parodia dos anuncios antipiratería (tedes que ver isto se non o víchedes xa) para non poder deixala.
O caso é que o segundo capítulo comeza coa xefa, Jen, fascinada diante dun escaparate con estes zapatos, tan obviamente incómodos e pouco prácticos como marabillosos, e a verdade é que, aínda que eu non chego ao grao de autolesión que ela acada, sentinme un pouco identificada. Ese día vinme tentada de erguerme e berrar "Zapatos!!!" nunha reunión do traballo.

Tratar de explicar o por que da miña particular afeción polos zapatos é como explicar o misterio da trinidade: imposible e absurdo. Canto mais altos e vertixinosos mais me gustan, e mais perigosos resultan. Pero sei que non son a única, que somos un grupiño de fieis adeptas (e adeptos, non nos fagamos agora os inocentes) a estes artefactos de Satanás que son os tacóns. Inútiles? Dende logo. Violencia patriarcal autoinfrinxida? Probablemente. Incómodos? Non sempre.

Non sei en que reside a esencia da fascinación polos zapatos, ou por que fan ese efecto de satisfación narcisista que ningún outro artigo de consumo logra, pero coido que está relacionado cunha cualidade única: os zapatos sempre quedan ben. Se che entran no pé, sempre son aquilo que agardas que sexan. A roupa pode sentarche mellor ou peor, facer enrugas ou desvelar michelíns, pero uns zapatos bonitos son bonitos léveos quen os leve. E gañas automaticamente puntos de carisma. Non ante os posibles ligues (que teño para min que o último que che miran son os zapatos) senón ante ti mesma, que de súpeto mides cinco (ou dez) centímetros mais e camiñas cunha elegancia que non sabías que tiñas (aviso a navegantes: para este último efecto de puntos extra de carisma, fai falla adestramento previo. Se non, mais aló de cinco ou seis centímetros, o que consegues e parecer Donald volvendo á casa de botellón).

Pero coido que, mais aló disto, o verdadeiramente fascinante é a súa completa inutilidade. É como a arte, non valen para nada! Só teñen o puro valor estético de ser fermosos. Déixovos coa miña última e vertixinosa adquisición.

Marcadores: ,

sábado, fevereiro 14, 2009

Schhhhh...

A frase que acompaña este cartaz (que tirei daquí) di algo así como: "Se tiveras unha idea que vai sacudir á sociedade, gardaríala para ti mesmo?".

Hai un par de días cumplíase o 200 aniversario da morte de Darwin, e este ano temén se conmemoran os 150 anos da publicación de A Orixe das Especies, o libro que cambiou o mundo para sempre. Non sei de quen é a cita (axuda, por favor!) que di que Copérnico sacou ao ser humano do centro do Universo, Darwin díxolle que era como os outros animais e Freud quitoulle a última ilusión, a de ser dono da súa propia mente. Tres caídas bíblicas, a cal mais dolorosa. Se teño que escoller, coido que o peor golpe no ego humano foi o que nos infrinxiu a teoría da evolución, a xulgar cando menos polas reaccións que aínda hoxe suscita.

De Darwin xa falaron outros blogs mellor ca min, así que vou adicar este post aos creacionistas, que son a xente mais divertida do mundo. Porque recoñeceredes que discutir unha por unha, con argumentos a cal mais disparatados, as probas da evolución das especies, require un certo sentido do humor. Non vos perdades, por exemplo, "Dinosauros, toda a verdade". Os argumentos son basicamente os mesmos que atopou Darwin cando publicou a súa obra: a complexidade irreductible e as características do universo.

O primeiro argumento ven dicindo que unha estrutura viva complexa, como por exemplo un ollo (Darwin estaba obsesionado co tema do ollo, e parecíalle o punto mais feble da súa teoría) require dun deseño intelixente, porque se falla calquera dos seus compoñentes deixa de ser funcional. Por suposto, na natureza hai múltiples exemplos de ollos de diferentes tipos, mais e menos complexos e que funcionan mellor ou peor, co cal este argumento non se sostén.

O segundo, asegura que se o Universo fose só un chisco diferente a como é, non podería existir a vida, e polo tanto as condicións previas están coidadosamente seleccionadas polo creador. Isto é o que en lóxica (cantos de vós sodes do plano de estudos de BUP?) se denomina tautoloxía, un argumento circular: aínda aceptando que isto sexa así, cousa que non sabemos, obviamente a vida existe nestas consicións, e se foran outras non existiría e non estariamos falando disto.

Pero o que fai do creacionismo unha pseudociencia non é que teñan unha inmensa paciencia para refutar o irrefutable, senón que poñen o carro antes dos bois. Se tratas de falsar unha hipótese á que chegas mediante a fe, e non mediante a lóxica, e ignoras as probas que tes en contra, autmaticamente deixas de facer ciencia e pasas a facer trucos de feira. Ocorre o mesmo que co omnisciente argumento para convencernos da existencia de deus: non podes probar que non exista. Claro que non, porque diso vai a ciencia, queridos, de demostrar cousas que existen. Se non, tamén existirían as sereas e Alf. Aquí do que se trata é de aproveitarse da escasa formación científica que ten a poboación en xeral para sementar dúbidas absurdas. A crenza é unha cousa, á marxe do que eu opine, e outra é o engano.

Marcadores: ,

domingo, fevereiro 08, 2009

Puntos de Carisma

Mario prémiame co galardón Dardo, supoño que se non polo colegueo, si pola frikallada e por poñer os post mais tixolo do mundo (véxase para mostra Teoría de Cordas ou o mais recente KV60). O premio inclúe un meme subrepticio, xa que á miña vez teño que escoller tres blogs, linkalos e poñer a imaxe do premio. Cada vez me resulta mais difícil escoller entre os blogs que mais me gustan, porque cada vez sigo mais, e cada un ten as súas cousas. Ademáis, como sempre chego tarde, xa hai varios candidatos premiados. A miña selección dos blogs con mais puntos de carisma son:


1. Entropía, equilibrio e exhibicionismo: unha nova e interesante incorporación, en fondo e forma, ao panorama blogomilleiro.

2. Fuji (Lonxe do mar), o meu nexo musical no blogomundo. Ademais, os sopladores de ventos temos que apoiarnos mutuamente ;)

3. Antuán, un galego na corte do rei Gnu. Por aunar información e entretemento. E por este último, brutal, mundial, grandísimo post. A Antuán sáenlle polas orellas os puntos de carisma.

Marcadores: ,