domingo, abril 20, 2008

The Peacock Skirt

Cando tiña catorce ou quince anos tiven unha tempada de auténtica chifladura wildeana (que dará para un próximo post) e por extensión e simultaneamente beardsleyana. A asociación entre Beardsley e Wilde é algo xa establecido na mente de tod@s, e a verdade é que non sei até que punto tiveron relación ou foron algo mais ca coñecidos na realidade.Sospeito que non era para nada o tipo de Oscar, que coma min, estaba obsesionado coa beleza. Non sei que ocorreu nas miñas sinapses neuronais ultimamente para que Aubrey, Salomé e este cadro volveran en tromba á miña mente.
Aubrey é como o reverso escuro de Mucha, non só pola cor e pola temática, senón e sobre todo porque alí onde Mucha é apacible e brillante, Beardsley transmite unha anguria dificil de describir. Como xa dixen algunha vez, o fermoso tamén pode ser desacougante.
Pregúntome que estado mental require pintar así. A proximidade da morte, a enfermidade e a dor da tuberculose, que non provoca case signos externos, semella un bo achegamento. Para min Beardsley sempre foi unha sensación moi concreta: sabedes como ulen as rosas cando tan abertas que están a piques de apodrecer?

Marcadores: ,

segunda-feira, abril 07, 2008

Identidade

No principio, foi a dopamina. O pó máxico que convirte os feitos en recordos. Suavízaos, desdebúxaos, destácaos. A outra cara da moeda, os lentes a través das que vemos a realidade. Se os teus pensamentos soan, como podes saber que son teus? Os circuitos neuronais como as curvas dunha estrada. Como un novelo de fío finísimo que nos contén. O fío da vida. Cando te recoñeces no espello, algo muda. O teu corpo como unha marioneta. Só tes que pensalo e móvese.
Se tiveras os ollos doutra cor, seguirías sendo ti? E se naceras noutro lugar? Nunca saberemos o que sucedeu antes de recoñecernos no espello. O equilibrio entre moléculas e receptores determínanos. Un erro, un exceso, e diluiríamonos. Non saber que vives é como non existir.
A música das esferas, a música dos neurotransmisores. Millóns de quilómetros para ler tres notas. A cada paso, unha perda irreparable. Alonxámonos do comezo deixando unha estela de recordos. Tiveches algunha vez un déjà vu, un erro no sistema?

Marcadores: ,