sexta-feira, fevereiro 22, 2008

Papel Pintado

Voulle dar a réplica á Rapaza do Arco, que é un xeito fino de dicir que lle vou copiar o post. Pero é que realmente o acontecemento pictórico-blogomilleiro-cultureta da semana foi a exposición dos cadros de Gus en Neda, na Casa das Palmeiras, un espazo xa de por sí persoal
para unha pintura mais persoal aínda
Non entendo moito de arte contemporánea, para iso invito a dar a opinión de experta á telescopeira do tellado. Son das típicas que din que a arte, sinxelamente, gústame ou non me gusta. E a de Gus gustoume moito. Gustoume porque son deses cadros de dixestión lenta, que che van producindo sensacións secuenciais cando os ves, cando os miras mais atentamente, cando chegas á casa, cando soñas con eles (teño tendencia a soñar con figuras xeométricas ou patróns repetidos, como as pezas de puzzle ou o tetris, e soñei esa noite cos deseños especulares de Gus. Significará algo, Doutora Seymour?).
En primeiro lugar, os fermosos deseños xeométricos, que sempre me producen un aquel de tranquilidade, pola repetición e a simetría, dúas características que o cerebro humano identifica coa beleza. Un pouco mais de perto, as texturas, o que subxace de irregular baixo a orde aparente, o que só chegamos a albiscar a través da superficie. Un pouco mais tarde, as pátinas, as enrugas, as marcas do tempo. Durmida, os labirintos, os espazos en branco que deixan as cores, os camiños intrincados. Supoño que dalgún xeito sentinme identificada.
Gus logrou algo na miña opinión moi difícil: que algo aparentemente sereno e agradable á vista produza tamén, ademáis de placer estético, desacougo. Revolver algo na mente do espectador, cousa que non toda a arte, contemporánea ou non, consegue.
Tamén hai que dicir que Sergio74 nolo puxo doado para meternos en materia, cunha pinchada absolutamente evocadora que reforzaba a sensación dos cadros, pero que tamén ten valor en sí mesma, como puiden comprobar estes días, cando se converteu na miña música de estudar. E ademáis Gus e Sergio son o electropincha e o pintor mais ghuapos de Ferrolterra, de lonxe. He dicho :p

Marcadores:

segunda-feira, fevereiro 04, 2008

DJ Hildegard (ou debería dicir Doutora von Bingen?)


Se nacese no século XI querería ser monxa. Téñoo clarísimo. Por suposto, non por unha cuestión de fe, senón de posibilidades. De entre as posibilidades dunha muller na Idade Media, entrar nun convento paréceme a mellor con moito. Asegúraste comer tódolos días se es pobre, asegúraste non ser vendida como unha vaca ao noble do lado se es rica, e sobre todo é o único xeito de ter acceso á cultura. Ler aos clásicos, aprender música, facer precarios experimentos de química. Non parece unha mala opción.

A Hildegard tocoulle, non o escolleu ela, pero estou convencida que sendo a décima filla dun noble vido a menos, era o mellor que lle podía pasar. Iso, a pesar do trauma que pode supoñer que os teus pais oficien os teus ritos fúnebres cando tes doce anos... contigo diante! e ver como tapian a porta do convento... contigo dentro! Por sorte estaba Jutta, que xa sabía de que ía o tinglado, e que en realidade as reclusas si podían saír do convento e dentro del, facer na práctica o que lles viña en gana.

Cando escoito a música sacra de Hildegard, sempre imaxino ese pequeno mosteiro da Selva Negra (mixto, por certo) como un pequeno paraíso para unha rapaza intelixente. Un lugar onde poder ser unha mesma, aínda que dando un estraño rodeo. A liberdade total disfrazada de clausura.

Hildegard escribiu 77 obras musicais, e aínda hoxe é unha das escasísimas compositoras da historia, e escribiu os que foron os libros de medicina mais adiantados da época, “Liber Simplici Medicinae" , e "Liber Compositae Medicinae”. Non aparece en nas historias da medicina, a pesar de que foi a compiladora mais importante dende Galeno. Nas historias da música sae de pasada.

A que foi a científica mais influínte do seu século só aparece nomeada como beata e visionaria. Iso, despois de que a Igrexa Católica tratara de impedirlle escribir, de que se proibira a súa música no convento de Bingen e de que trataran de mantela baixo arresto por enterrar en sagrado a un nobre excomulgado. Eu dubido seriamente de que alguén deste calado tivera visións místicas, sobre todo porque ela mesma conta as tiña en estado “de completa lucidez”, sen entrar en trance nin caralladas. Decántome mais pola outra versión, a que di que Hildegard utilizaba a historia das visións como un xeito de conferir autoridade á súa obra e de que a deixaran escribir en paz. Doutro xeito, remataría na cadea ou na fogueira por se muller, escribir e facer potingues con herbas. Quero dicir que o de ver o ceo e tal era sospeitosamente conveniente.

Non sei que opinaría ela da gloria póstuma, igual non lle importaba en absoluto. En certo modo, gañou a batalla, porque eu podo escoitar o que ela escribiu. Pero visto doutro xeito, se Hildegard nacera home, tería a consideración que ten hoxe Hipócrates: un precursor, un visionario noutro sentido. Iso pode entenderse no século XI, pero que no XXI siga a ser así da para pensar. Para pensar que temos un problema.

Marcadores: , , ,