domingo, julho 27, 2008

Summer in the city: Compostela-Brooklyn

Hot town summer in the city /Back of my neck getting dirt and gritty /Been down, isn't it a pity /Doesn't seem to be a shadow in the city /All around people looking half dead /Walking on the sidewalk hotter than a match head

Cool town, evening in the city /Dressed so fine and looking so pritty /Cool cat lookin for a kitty /Gonna lookin every corner of the city/Till I'm weezin like a bus stop /Running up the stairs gonna meet ya on the roof top


Son unha urbanita, recoñézoo. Tolero a cousa bucólico-campestre un par de días, pero boto en falta o ruido dos coches para durmir. Un verán no asfalto derreténdose non me parece mal plan. Por desgraza non é o asfalto de Brooklyn, só a novela de Paul Auster, na tradución espléndida de Eva Almazán.

Non sei se é mérito de Eva ou de Paul (fifty-fifty, supoño) o caso é que me estou sentindo absolutamente brooklynesa, no grao en que unha cidade sempre é unha cidade, e se te sintes cómoda nelas, tanto ten cal sexa.

Ademáis, esta novela teno todo: humor fino e cínico, referencias culturetas pero sen pasarse, certo ton lumpen-glamouroso e todos eses escenarios que aos urbanitas de pro, de pura cepa, nos parecen un adianto do paraíso: bares, restaurantes, librerías, museos, mais bares, fume de tabaco, wishky de malta, mais libros, libros, libros, cinema clásico, taxis, hoteis, bloques de pisos. Seguramente para moitos isto é mais ben un inferno ou cando menos o purgatorio do veraneante, pero iso é porque non levades o asfalto ardente correndo polo voso torrente sanguíneo.
Non é só que a min concretamente me mole o rollo e toque tódalas teclas mentais posibles das miñas filias, senón que, obxectivamente, Auster conseguiu unha novela que fai que vivas un lugar no que nunca estiveches, e que o vivas cunha sensación de familiaridade. E iso sen perder unha distacia crítica e deliciosa do american way of life, a pesar do xenuinamente estadounidense que resulta toda a novela. Manter ese dificil equilibrio entre crítica feroz e sentimento de pertenza, ambiente de barriada e intelectualidade universitaria, sen que nada chirríe e contando unha boa historia (permitíndose incluso facer comentarios que adiantan a trama!) fai que me esqueza definitivamente de The Inner Life of Martin Frost e volva lembrar Smoke e Blue in the face.

Marcadores: ,

terça-feira, julho 22, 2008

Desvaríaos alícicos a 38º C

Vai demasiada calor para escribir nada, así que déixovos a miña última descuberta alícica, que ben podería ser un soño un tanto febril...


A imaxe é de Elena Chernenko, ou Kassandra, que descubrín grazas ao blog de Estíbaliz, onde sempre atopo cousas interesantes:)

Marcadores:

terça-feira, julho 15, 2008

Música-ficción

En directo dende o estadio de fútbol do Dinaburg en Daugavpils, Letonia, Mediocrity or Even Incompetence presentan o seu novo disco, que contén algúns dos seus temas mais coñecidos e mantén o espírito do indie rock mais auténtico dos seus comezos, na liña de grupos como Jimmy Eat World
Os fans veranse mais que satisfeitos, especialmente aqueles que acusan a Mediocrity de tomar un rumbo mais comercial e popeiro no seu último traballo. Atentos á versión de Riot Van de Artick Monkeys.

P.D: recoméndovos tamén A very persistent one, de Pârâul Şindrilei (Dacia Records, 2038) e The reality of Tomorrow, de Rutherdford

Marcadores:

quarta-feira, julho 02, 2008

Poesía da violencia, versión Raíña.

Xa que o Pastor fala da violencia e das súas diferentes concepcións culturais, vou falar de Funny Games, que vin hai pouco (a versión americana, síntoo, pero prometo ver a orixinal) e que trata tamén o tema da violencia. Ou non. Ou si.

O argumento é simple. Dous mozos torturan até a morte a un matrimonio e ao seu fillo, aparentemente só por divertirse. Os rapaces non teñen móbil, nin historia persoal, nin rasgos distintivos. Só podemos intuir que son de clase alta por leves detalles, e un deles semella liderar o xogo.

O interesante é que cando rematas de vela tes a sensación de que acabas de ver unha obra hiperviolenta, gratuitamente violenta, indignantemente violenta. Nin mensaxe, nin razonamento nin nada que tranquilice. Pero en realidade, e a pesar de ser de feito hiperviolenta, todo o que ocorre pasa fóra de plano. Só escoitamos. Non vemos nin un só golpe, nin un só disparo. Só algunha que outra humillación menor, que os rapaces levan a cabo con exquisita cortesía. Unha soa escea é explícita, non revelarei cal, e o que pasa a continuación é tan desconcertante que antagoniza en certa medida o efecto.

O poder evocador da agresividade é brutal. Ningunha outra cousa pode representarse tan dolorosamente clara na nosa mente aínda sen vela. Nada pode turbarnos tanto, destilar unha incómoda sensualidade, facernos rir ás gargalladas, ser visualmente tan fermosa. Por iso é material privilexiado para a arte, porque pode transmitir mil emocións diferentes con pequenos matices. Non é unha cuestión moral. Forma parte de nós gústenos ou non.

Marcadores: