domingo, dezembro 28, 2008

On my knees, then.

Nunca fixéchedes unha desas cousas que sabedes de sobra que non vai traer nada bo, pero que non podedes evitar facer? E non me refiro a unha desas cousas que se din ou se fan de marcha unha noite e das que despois te arrepintes unha semana. Refírome a facer algo a sabendas, con perfecta lucidez e coñecemento das consecuencias. Eu fíxeno. Fun ver The Spirit. Por que? Supoño que porque me gustou moito Sin City, porque saía Scarlett e porque tiña estética de cómic de serie negra, e aló fun, de cabeza e nunha sala cara, ademáis. Iso a pesar de que o meu Oráculo particular xa se pronunciara, e de xeito particularmente claro: nin de coña.

Pois era peor. Eu lera de todo: que era nazi, que tiña diálogos estúpidos, que parecía que Frank Miller estaba borracho... Todo era verdade (ben , o de nazi só un pouco) pero iso non era o mais impactante dunha peli moi coidada esteticamente e unha absoluta bazofia en canto ao guión. O mais grave con diferenza é o incrible, avermellante, descarada e absolutamente machista que é esta peli!!! (a idea é que leades esta frase como un ouveo in crescendo de indiganción). Dende a frase mítica: "hay quien dice que antes de morir ha visto su vida pasar ante sus ojos. Yo sólo veo... mujeres" até a caracterización? das personaxes femininas, todas e cada unha das cales caen inmediatamente rendidas aos pés do heroe e non amosan o menor atisbo de intelixencia (salvo se cadra o personaxe de Scarlett, que igual podería dar un spin off bastante mellor que o filme-matriz) senón unicamente unha serie de tópicos sen fisuras: as tías o que queremos é un home, por moita carreira que teñamos, gústannos as cousas brillantes como se foramos pegas, movémonos por impulsos a nivel reptiliano, e somos totalmente incapaces de gardar a menos discreción sobre asuntos importantes, polo que confiar nunha de nos (pérfidas!) pon en perigo a identidade do heroe da garavata.

Pode haber algo mais arrepiante? Para min, si. Que nada disto apareza nin sequera mencionado en ningunha das críticas da peli, nas que a ninguén se lle escapan detalles como que sae unha esvástica ou que se lle ve o cu a Eva Mendes. Nin unha soa palabra sobre algo que non é unha interpretación miña nin un detalle no que hai que reparar adrede, senón que é unha ideoloxía patente en todo o filme, de xeito obvio e sen sutilezas. E digo ideoloxía con toda a intención. Isto, o que me leva a pensar, é que algo así non chama a atención. Se no canto de mulleres son negros (por poñer) os que saen retratados con tódolos tópicos sobre eles, todo o mundo sae indignado do cine, e pídeselle ao señor Miller que se retracte publicamente. Pero con isto non, porque se asume moi ben socialmente que non é ofensivo representar ás mulleres como se foran retrasadas, que é cinema e que non se está a falar, por favor, de todas as mulleres. Que es unha paranoica e que como te pos por nada. Muller.

P.D: pero nos meus peores pesadelos sairá xa para sempre esa singularidade cósmica que é Paz Vega (singular polo inexplicable que me resulta que siga facendo cine sendo tan incriblemente mala actriz) na personaxe dunha turcoespañola bailarina exótica con acento francés. Inenarrable.

Marcadores: ,

domingo, dezembro 14, 2008

Corpo aberto

Unha noite, en certo pub, o grandísimo Quico Cadaval ensinounos a diferenza entre posesión e corpo aberto, que toda persoa minimamente culta debera coñecer, sobre todo porque nunca se sabe cando pode ser unha posuída, e convén ter claros os conceptos. Aínda que a explicación de Quico era moito mais desternillante, e incluía un coche, unha pipa e unha escena tipo Tarantino, basicamente a diferenza radica en que a posesión ocorre sen o consentemento do posuído, namentres que no corpo aberto, un vivo préstase a albergar a alma dun morto, pero mantendo o control sobre os seus propios actos.

Pois ben, en Estocolmo conseguiron reproducir, ciencia mediante, algo moi semellante á idea xenuinamente galega de corpo aberto. Cando o vin, imaxinei inmediatamente algo semellante a Como ser John Malkovich, reptando por un túnel até o cerebro do elixido para rematar na cuneta da autopista New York-New Jersey. Pero non. A cousa é tan sinxela como acoplar unhas cámaras á cabeza do "posuído", que se moven conforme uns sensores na cabeza do "posuidor", de xeito que, ao mover a cabeza, abarcamos o campo de visión do outro no canto do propio. Se nese campo entra algo que contacta co corpo do posuído, e a zona correspondente ao corpo do posuidor é estimulada correlativamente, a sensación de que estamos noutro corpo é total. É incrible o doado que resulta enganar ao noso cerebro.

Aínda que as aplicacións aínda non están moi claras, a min véñenseme á cabeza pelis como Días estraños e a posibilidade de vivir experiencias alleas como se foran propias, pero sen o risco potencial que entrañan. Facer puenting, ir ao espazo, viaxar... Pero coido que o mais desconcertante pode ser sinxelamente a experiencia de ter outro corpo, incluso un corpo doutro sexo ou outra cor. Se cadra unha das posibles aplicacións é didáctica.

Marcadores:

quinta-feira, dezembro 04, 2008

Kwanzaa!!

Ao chegar estas datas, póñome anticlerical. Dáme por aí, xa vedes. A outra xente dálle por indignarse contra o consumismo e a perda de sentido do Nadal, pero eu prefiro meterme coa igrexa católica, sobre todo cando van provocando.




Como xa confesei noutra ocasión, son desa escasa especie á que lle gustan as festas de Nadal, con todo o que teñen de hortera, mercantil, chirriante e esgotador. Sempre pensei que me gustaría poder celebrar outra cousa que os católicos non expoliaran antes, pero a verdade é que coa experiencia que teñen usurpando festividades, xa non quedaba moita cousa. Pero resulta que houbo un tipo que lle debía de pasar o mesmo e decidiu inventar a súa propia festa, e celebrala tamén en Nadal, en plan software libre pero con festas. Algo así como unhas OpenChristmas, con todo o bo (comida, festa, alcol e agasallos) pero sen o malo (misa, pelis ñoñas e discursos de autoridades). Básicamente, Kwanzaa é un Nadal corrixido e mellorado. E inventado por un señor afroamericano en data recente, concretamente 1966, o que lle da un punto hippy e psicodélico que tamén mola.

Non sei, o que non me acaba de convencer é a combinación de cores, iso de manter o vermello e verde clásico pero engadir negro. É un pouco como aqueles chándales de marca Adidash ou Bennettone. Eu optaría por unha estética innovadora e totalmente diferente, non sei, branco e inox, en plan 2001: Unha odisea no espazo, por exemplo. Pero a idea está guai. Entre a Kwanzaa e o monstro voador de espagueti, xa case teño montado o meu propio panteón ateo ;)

P.D: a tira é do blog de Mauro Entrialgo, que recomendo efusivamente se aínda non o coñecedes. Brutal.

Marcadores: