sexta-feira, janeiro 12, 2007

Como mola o meu Action Bach


A verdade é que estaba desexando ter unha excusa para marcarme este post, e só era cuestión de tempo. Así que se alguén quere baixarse aquí, entendereino.

O barroco ten fama de ser ríxido e pouco emotivo, e Bach en concreto, de ser todo igual. O afecionado tipo á música clásica parece ser, en esencia, consumidor de romanticismo, e como moito de clasicismo, co cal os barrocos somos os frikis dentro dos frikis.

Bach sí que é todo igual, pero iso non ten por que ser malo. Tamén se podería dicir que se che gusta algo del, gústache todo. Outra pega que se lle adoita poñer é que, en contraposición a Mozart, ou a Schumann, non semella ser un xenio nin un desequilibrado. Máis ben é un artesán, un profe de música, un burgués que apenas saíu da súa vila e que compuña para unha igrexa pequena e para os parroquianos. Tivo un rabaño de fillos e unha vida anodina, e morreu de vello e na cama.

A min é que sempre me pasa igual. Non me atraen as grandes personalidades, senón estas vidas tranquilas e pouco épicas, que a miúdo se reflexan na música. Esta música é serena e feliz, como debeu ser a súa plácida existencia de provincias, e como, confesareino, desexaría que fose a miña. É música para as vodas dos amigos, para tocar no salón da casa, Magdalena ao piano, para os alumnos que se atascaban nalgunha pasaxe. E así foi saíndo “ O clave ben temperado”, sen case pretendelo.

Quen diga que o barroco é pouco emotivo, non escoitou barroco con atención. O que dende logo non é, é grandilocuente. Pero quen diga que non é emotivo, está dicindo que na vida diaria non hai grandes emocións. Bach tivo unha vida pouco literaria, pero incluso nesas vidas hai momentos que igualan en intensidade ás grandes historias. A expresión romántica sempre me pareceu un pouco esaxerada, un pouco teatral, e polo mesmo, menos auténtica. Semella que nunca ninguén sufriu tanto como estás sufrindo ti, nin amou tanto como amas ti. Bach ama moito a Magdalena, pero sabe que é algo común, unha alegría que está ao alcance de calquera leiteira de Leipzig. Bach sofre terriblemente a morte da súa primeira muller, ou de varios dos seus fillos, pero sabe que en tódalas casas morreu un neno ou unha muller nova. Por iso escribe música serena, coa alegría ou coa dor do cotiá, de quen sabe que o mellor e o peor é parte da súa vida e da de todos.

Marcadores: