domingo, janeiro 25, 2009

Isto non é Kansas


Con tanto trebón, que por certo fun a única que non se enterou mais que de oídas, isto xa parece Kansas, por obra e graza do cambio climático que ameaza con converternos nunha rexión subtropical, cos seus tornados, as súas secas e as súas choivas torrenciais. E inevitablemente veume á mente o Mago de Oz (o libro, non a peli, que me provoca diabetes inuslinorresistente) que de nena parecíame unha mala copia das miñas adoradas Alicias. Primeiro, porque non conseguía o efecto onírico tan ben como os libros de Carroll. Todo demasiado enfiadiño e coherente para ser un delirio post- traumatismo craneoencefálico. Segundo, porque desprende unha moralina insoportable e falsa (como que na casa como en nigures? Se vivía no medio do deserto! En todo caso, en calquera sitio mellor que na casa) domestica-adolescentes con necesidade de independencia.

Terceiro, porque a distinción entre bos e malos no Mago resultaba demasiado maniquea e plana incluso para a miña mente infantil, que se rebelaba ante esas meigas malisísimas e esas fadas intoxicantemente pastelosas. E ante a insoportable de Dorothy (Dorotea na miña edición) que non tiña nin de lonxe a graza e o desenfado de Alicia, que polo menos facía trasnadas, escapábase das leccións e envolvía aos pobres gatos con novelos de la.

Aínda así, o libro salvábase ás veces grazas a momentos épico-lisérxicos como o dos monos alados ou o campo de mapoulas no que Dorotea descobre o perigoso pero non por iso menos fascinante mundo das drogas brandas, e ten alucinacións con ratos parlantes. Tamén me gustaban os zapatos (que no libro son plateados), aínda que non parecían do mais cómodo para unha viaxe longa. Por que non unhas Converse plateadas?

Pero o mellor con moito é a parte que censuraron na peli de Fleming (falo de memoria, non teño a paciencia de volver vela para escribir o post) que é a chegada de Dorotea (para min vai ser sempre Dorotea) ao pazo de Rubí da meiga do Sur, Glinda. Non sei en que demo estaría pensando Baum, pero o pazo desta outra Raíña Vermella, quitando o feito de ser de rubí, é unha especie de mansión Play Boy, cunha garda e un servizo composto exclusivamente de rapaciñas novas e apetecibles con uniformes vermellos e curtísimos (xuro que busquei a ilustración do meu libro, pero non aparece) e Glinda sentada nun trono no medio delas, en plan Hugh Hefner pero en guapa. E eu aquí, co meu té e o meu xadrez. Está claro que as hai que se montan o rollo mellor ca min.

P.D: a foto, por suposto, é de Annie

Marcadores: ,