Discriminación de xénero (literario)
Por algúns blogs amigos anda pululando a idea dos subxéneros, literarios e cinematográfcos. Eu sempre me considerei unha lectora "de xénero" aínda que non me cinga a un en concreto. Quero dicir que leo de todo e vexo de todo, sen ter moi en conta (nada en conta, en realidade) as opinións da crítica nestes temas. Ademáis, como son de ciencias, pódome permitir o luxo de ler o que me pete, por puro vicio, e o que é peor, de que me guste o que me pete.
Sobre todo de adolescente fun unha lectora compulsiva de cousas moi de subxénero, especialmente de ciencia-ficción e de novela policíaca ou de terror. Pero o meu favorito, de lonxe, era Sherlock Holmes. Se algún amor platónico tiven na miña vida, foi Holmes, dende logo. Non se me ocorre nada máis tópico ao que engancharse que as novelas policíacas, pero teño que dicir no meu descargo que as de Conan Doyle son perfectas e fantásticas, e que consegue unha profundidade psicolóxica na personaxe de Holmes, en concreto, que trascende o seu estilo. Como tódalas grandes obras, sexan da temática que sexan, logra ese "algo máis".
O interesante deste tipo de literatura é que é mais denostada canto mais próxima queda no tempo, pero gaña enteiros cos anos. Xente como Dumas ou incluso Dickens, no seu momento escribiron folletín, foron auténticos best-sellers e recibiron críticas na mesma liña que as que poderían recibir hoxe.Tamén pasou algo polo estilo coa novela gótica: quen a considere algo menor, quedarase sen desfrutar de cousas como "Melmoth o Errabundo" ou "O Monxe". E ben mereceido que o ten.
É divertido pensar que, a mesma xente que agora non se atrevería nin de coña a falar mal de Dickens, se foran coetáneos seus estarían poñéndoo a parir. Esa é unha das razóns polas que non me fai moito efecto as críticas a determinados xéneros literarios ou determinadas pelis. Porque penso que a maioría das veces son sinxelamente prexuízos e aínda por riba veñen de xente que cambiarían automaticamnte de opinión se quedase cultureta e guai facelo. Así que nada, caída libre nos brazos viscosos de Lovecraft, ou nos victorianos brazos de Conan Doyle.
E co cine pasa o mesmo pero en bestia. As pelis do benquerido Bogart son absolutamente de xénero en moitos casos, pero son clásicos. Están elevadas ao ceo do cinema, e merecidamente. Pero gustaríame poder escoitar por un furadiño espazo-temporal o que se dixo sobre elas cando se estrearon, dende determinados ámbitos. Apóstome un whiski con soda a que máis ou menos as mesmas que poderían facerse agora sobre xente tipo Tarantino (outro dos meus vicios).
O meu próximo post vai sobre as series de televisión, e en concreto sobre "House", á que estou enganchadísima, que son xa como o cumio do subxénero cinematográfico. Se alguén está pensando que teño unha personalidade fortemente adictiva, ten toda a razón do mundo. Menos mal que nunca me deu por engancharme a cousas chungas. Por certo, a miña desintoxicación da cafeína vai vento en popa. Hoxe almorcei descafeinado;)
Marcadores: Literatura