quinta-feira, novembro 15, 2007

Non me colleredes viva


Esta semana estou embarcada nunha misión imposible: mercar un portátil sen Windows Vista. Se me ides dicir que merque un Apple, direivos que a esa conclusión xa cheguei eu soa, por moi paquete que sexa no que a informática se refire.

Pero antes diso, veu un periplo por tódalas tendas da cidade, porque non me podía crer que non se puidera mercar un ordenador con outro sistema operativo. Ao final xa nin sequera pedía que me instalaran outra cousa, senón sinxelamente que non levara Vista, xa me buscarei a vida. Pois non. Escoitei cousas como que "es un componente más del ordenador" (?) ou que se o desinstalas podes cargarte o hardware (????????). Como pode ser tan difícil NON mercar algo?

Pero mais grave é que hai marcas que ao parecer retiran a garantía se ti, pola túa conta, mercas o teu ordenador (pagando o Vista), desinstálalo e pos outro sistema operativo. É dicir, que non so tes que mercalo... senón que tes que usalo!! E pregunto eu: ademáis tenme que gustar? Poden obligarme legalmente a desfrutar utilizando Windows Vista?

Preguntarédesvos: que secreto e terrible trauma ten a Raíña con Microsoft? Resposta: absolutamente ningún. De feito, en principio non tiña pensado nada en concreto cando comecei a mirar ordenadores, non ía coa idea fixa e obsesiva de que non quería baixo ningún concepto utilizar Microsoft. Pero cando sinto que me obrigan a facer algo, automaticamente sae a vena contestataria, e son capaz de ir ata Silicon Valley e complicarme miserablemente a vida con tal de non pasar polo aro. Non o podo evitar.

O capitalismo marca as súas propias regras, entre elas a da libre competencia, pero despois non ten ningún reparo en violalas cando lle convén. O peor é que xa estamos tan habituados que nin reparamos en que ocorren estas cousas. A maior parte da xente mercará e empregará Windows sen que se lle pase pola cabeza sequera que lles están vendendo o deterxente xunto coa lavadora, queiras ou non, e que ademáis podes cambiar de lavadora pero non de deterxente. A iso se debía referir o vendedor que me dicía que era unha parte mais do ordenador.

Marcadores: