Fuxide! Vou falar "do tema"

Vaia por diante que non teño nada en contra de ninguna desas cousas (os nenos moi pequenos danme algo de noxo, pero en canto medran un pouco pásaseme) especialmente contra as cristalerías, que ata me gustan, pero non remato de entender que a todo o mundo sen excepción lle teña que apetecer compartir o seu espazo vital con outro membro da mesma especie, ou perpetuar un material xenético na maior parte dos casos de dubidoso gusto.
Como son das que non cren na concepción biolóxica dos costumes, tendo a pensar que todo isto non é mais que froito dunha enorme presión social, de familia, amigos e veciños preguntando unha e outra vez "Y de novi@s?" ou "y a ver vosotros para cuándo" (en clara referencia á túa obriga ineludible, ou ben de casar, ou ben de fabricar un pequeno becho co nariz da avoa).
Sexa polo que sexa, o caso é que hai persoas que o pasan realmente mal polo feito de non ter parella estable. Igual é xente cun traballo interesante, un éxito mais que decente en canto a ligues e bos amigos íntimos, pero o da parella (a PARELLA) pesa coma unha lousa. E o peor é que é unha parella, así en abstracto, unha, indefinida. Podería entender que esteas namoradísim@ de alguén e o pases mal se non che corresponde, pero iso de querer estar con alguén indetermindado non o vexo claro.
Por outra banda, tamén existe unha curiosa coincidencia nas, chamémoslle así, condicións do contrato. Explícome. O lóxico sería que cada un tivera as súas propias preferencias en canto a en que termos quere pasar unha grande parte do seu tempo con outra persoa. Pois resulta que non, resulta que milagrosamente todo o mundo ten unha idea bastante parecida do que ten que ser unha relación amorosa, e sempre pasa por fidelidade sexual, convivencia, exclusividade, maternidade/paternidade e certo sentimento de posesión do outro (NOTA: coñezo honrosísimas excepcións, pero non son a norma). A ninguén lle apetece vivir só? Ou ter amigos con dereito a roce? Ou ter parella pero non convivir con ela? Ou ter unha relación aberta? Por poñer, digo.
Tanta casualidade semella sospeitosa. Non será que isto vai como con Telefónica, que se queres ADSL tes que chuparte o teléfono fixo, aínda que non che faga falta? Ou como eses packs indivisibles de tres zumes (moz@+fillos+casa) Que pensades vos?
Marcadores: Varios