segunda-feira, agosto 25, 2008

Tectónica de placas

Este post non vai da deriva continental, senón de como a Raíña capta conversas alleas no transporte público e ten que conterse para non actuar como anxo vingador da ciencia, dos débiles, os adolescentes e os oprimidos en xeral.

Poñámonos en situación: 12 a.m. A Arqueira e mais eu, nun tren cara a praia mais próxima, coa sana intención de desafiar ao melanoma torrándonos volta e volta. Dous asentos mais adiante, de cara a nós (o tren permite un cotilleo excelente, expresión facial incluída) un home de mediana idade e medianas lorzas con pinta de estar moi satisfeito consigo mesmo (que a partires de agora será denominado Maromo) e un rapaz como de vintepouquísimos que polo que dicían semellaba subordinado do Maromo, que pasará a chamarse Mozo Potable.

-Mozo Potable: pois dicían no documental que Europa está a achegarse a África, e que vai chegar un momento no que o estreito desapareza.
-Maromo: pero hombre, como se van a acercar! En todo caso, se estarán separando.
-Mozo Potable: non sei, era o que dicían na tele, que antes a terra toda estaba xunta, e que despois separouse e formáronse os continentes.
-Maromo: pues eso, si se separaron los continentes, ahora se estarán alejando cada vez más.

Aquí desconectei, pasamos por un túnel, mirei o móbil, seguimos falando... pero a conversa de diante ía subindo de ton até ese punto que xa escoitas aínda que non queiras. Agora xa pasaran ao Big Bang.

-Mozo Potable: ... e entón vai chegar un momento no que as galaxias, que se están separando (ao Mozo Potable parecían fascinarlle as cousas que se xuntan e se separan) van empezar a xuntarse de novo até que volvan como ao Big Bang outra vez, pero despois hai outros que din que non, que se van seguir separando e separando para sempre.
-Maromo (rindo): pero eso son sólo teorías, eso no lo pueden demostrar! Tú también es que te lo crees todo, eso no lo pueden saber, ni siquiera ese de la silla de ruedas. Se lo imaginan, chaval, pero no lo saben. Asi también soy yo científico.
-Mozo Potable: pero digo eu que se o din será porque fixeron os seus cálculos, non o inventarán.
-Maromo: tú usa la lógica. Yo siempre uso la lógica con estas cosas. Cómo vas a saber eso si nadie estuvo allí, si aún no había ni galaxias ni nada? Usa la lógica (petándose cun dedo na cachola esa tan espilida que tiña)
-Mozo Potable: non sei, dicíano no documental...

Por sorte, sempre levo no bolso Nolotil.

Marcadores: ,