On my knees, then.
Nunca fixéchedes unha desas cousas que sabedes de sobra que non vai traer nada bo, pero que non podedes evitar facer? E non me refiro a unha desas cousas que se din ou se fan de marcha unha noite e das que despois te arrepintes unha semana. Refírome a facer algo a sabendas, con perfecta lucidez e coñecemento das consecuencias. Eu fíxeno. Fun ver The Spirit. Por que? Supoño que porque me gustou moito Sin City, porque saía Scarlett e porque tiña estética de cómic de serie negra, e aló fun, de cabeza e nunha sala cara, ademáis. Iso a pesar de que o meu Oráculo particular xa se pronunciara, e de xeito particularmente claro: nin de coña.
Pois era peor. Eu lera de todo: que era nazi, que tiña diálogos estúpidos, que parecía que Frank Miller estaba borracho... Todo era verdade (ben , o de nazi só un pouco) pero iso non era o mais impactante dunha peli moi coidada esteticamente e unha absoluta bazofia en canto ao guión. O mais grave con diferenza é o incrible, avermellante, descarada e absolutamente machista que é esta peli!!! (a idea é que leades esta frase como un ouveo in crescendo de indiganción). Dende a frase mítica: "hay quien dice que antes de morir ha visto su vida pasar ante sus ojos. Yo sólo veo... mujeres" até a caracterización? das personaxes femininas, todas e cada unha das cales caen inmediatamente rendidas aos pés do heroe e non amosan o menor atisbo de intelixencia (salvo se cadra o personaxe de Scarlett, que igual podería dar un spin off bastante mellor que o filme-matriz) senón unicamente unha serie de tópicos sen fisuras: as tías o que queremos é un home, por moita carreira que teñamos, gústannos as cousas brillantes como se foramos pegas, movémonos por impulsos a nivel reptiliano, e somos totalmente incapaces de gardar a menos discreción sobre asuntos importantes, polo que confiar nunha de nos (pérfidas!) pon en perigo a identidade do heroe da garavata.
Pode haber algo mais arrepiante? Para min, si. Que nada disto apareza nin sequera mencionado en ningunha das críticas da peli, nas que a ninguén se lle escapan detalles como que sae unha esvástica ou que se lle ve o cu a Eva Mendes. Nin unha soa palabra sobre algo que non é unha interpretación miña nin un detalle no que hai que reparar adrede, senón que é unha ideoloxía patente en todo o filme, de xeito obvio e sen sutilezas. E digo ideoloxía con toda a intención. Isto, o que me leva a pensar, é que algo así non chama a atención. Se no canto de mulleres son negros (por poñer) os que saen retratados con tódolos tópicos sobre eles, todo o mundo sae indignado do cine, e pídeselle ao señor Miller que se retracte publicamente. Pero con isto non, porque se asume moi ben socialmente que non é ofensivo representar ás mulleres como se foran retrasadas, que é cinema e que non se está a falar, por favor, de todas as mulleres. Que es unha paranoica e que como te pos por nada. Muller.
P.D: pero nos meus peores pesadelos sairá xa para sempre esa singularidade cósmica que é Paz Vega (singular polo inexplicable que me resulta que siga facendo cine sendo tan incriblemente mala actriz) na personaxe dunha turcoespañola bailarina exótica con acento francés. Inenarrable.
Marcadores: Cinema, Idas de olla