quinta-feira, janeiro 25, 2007

Elemental, querido Wilson


De entrada e para que ninguén me veña corrixir, xa sei que a famosa frase de Holmes non foi escrita nunca. Eu mesma escrutei todas as novelas e tódolos relatos e o único que atopei foi un mísero "é elemental" que non chega para soster o mito. Supoño que serán cousas d cinema.

Como o prometido é débeda, e unha é unha raíña de palabra, aquí vai o post ese sobre House. Supoño que entre os blogeiros haberá de todo: seguidores, detractores, e incluso deses que (din que) non ven a tele, pero seguro que tododiós sabe a estas alturas que House vai dun médico borde, coxo e drogadicto. A primeira das razóns polas que me gusta House é que as personaxes non son chachi-guais, como en Anatomía de Gray (e se alguén é fan da sosa de Gray e compaña, acepto argumentos, a ver se acabamos tendo a típica conversa friki sobre se Batman vencería a Spiderman pero con series de médicos) Xa non é que teñan defectos, é que en moitas ocasións son mesquiños, ou egoístas ou covardes, cousa moi de agradecer no ermo interpretativo que é a tele en xeral. Ou, sinxelamente, meten a pata, cousa moi de agradecer nunha serie de médicos.

Por outra banda, tedes todos razón nas pegas que lle poñedes: os guións son repetitivos, os casos ás veces son só a excusa, a máquina das resonancias dese hospital é unha trampa mortal, Chase tanto vale para un roto com para un descosido (ese home sabe facer de todo!) e todos teñen un coñecemento inesgotable de enfermidades rarísimas.

Pero ao gran: a min gústame House porque de pequena me gustaba Sherlock Holmes. As referencias, homenaxes ou inspiracións están tan claras que parece que o guionista ten as novelas de Conan Doyle diante (ou moi presentes) mentras escribe. A personaxe dun home de mediana idade, solitario, cínico e autosuficiente, brillante pero persoalmente inadaptado, cunha sexualidade conflictiva e relacións persoais escasas, é Holmes. Despóis, hai multitude de detalles secundarios: o amigo íntimo, que o ama sen reservas a pesr dos múltiples desplantes; a adicción aos tranquilizantes, a muller perdida por orgullo. Onde Holmes toca o violín, House toca o piano.

Tanto un como o outro semellan situarse por enriba da moral social, das reglas, da lei ou dos seus superiores. Cando Holmes resolve un caso, a todos nos queda claro que se trata sobre todo dun exercicio intelectual, non dun problema moral. O delito é algo secundario. Incluso pode chegar a acalar a solución se opina que o culpable non merece ser castigado. O recoñecemento dos outros (que en calquera caso House/Holmes considera infinitamente inferiores intelectualmente) tampouco é o obxectivo. Só se trata de matar o tempo, distraer o paso dos anos, exercitar unha facultade especial.

Eu diría que incluso hai escenas que están calcadas dalgún dos libros. Holmes tendido no sofá, a xeringa con morfina enriba da mesa, é a imaxe que abre un dos relatos.

A gracia desta serie é a mesma que a de Sherlock Holmes, e é a seguinte: facer que un personaxe borde, egoísta e amargado sexa irresistiblemente atractivo, polo simple magnetismo dunha intelixencia excepcional e unha moral estraña pero firme. Como un personaxe, literario ou cinematográfico, pasa a converterse nun mito, é unha das preguntas maís interesantes que se me ocorren nestes últimos tempos.

Marcadores: