Hot town summer in the city /Back of my neck getting dirt and gritty /Been down, isn't it a pity /Doesn't seem to be a shadow in the city /All around people looking half dead /Walking on the sidewalk hotter than a match head
Cool town, evening in the city /Dressed so fine and looking so pritty /Cool cat lookin for a kitty /Gonna lookin every corner of the city/Till I'm weezin like a bus stop /Running up the stairs gonna meet ya on the roof top
Son unha urbanita, recoñézoo. Tolero a cousa bucólico-campestre un par de días, pero boto en falta o ruido dos coches para durmir. Un verán no asfalto derreténdose non me parece mal plan. Por desgraza non é o asfalto de Brooklyn, só a novela de Paul Auster, na tradución espléndida de Eva Almazán.
Non sei se é mérito de Eva ou de Paul (fifty-fifty, supoño) o caso é que me estou sentindo absolutamente brooklynesa, no grao en que unha cidade sempre é unha cidade, e se te sintes cómoda nelas, tanto ten cal sexa.
Ademáis, esta novela teno todo: humor fino e cínico, referencias culturetas pero sen pasarse, certo ton lumpen-glamouroso e todos eses escenarios que aos urbanitas de pro, de pura cepa, nos parecen un adianto do paraíso: bares, restaurantes, librerías, museos, mais bares, fume de tabaco, wishky de malta, mais libros, libros, libros, cinema clásico, taxis, hoteis, bloques de pisos. Seguramente para moitos isto é mais ben un inferno ou cando menos o purgatorio do veraneante, pero iso é porque non levades o asfalto ardente correndo polo voso torrente sanguíneo.
Non é só que a min concretamente me mole o rollo e toque tódalas teclas mentais posibles das miñas filias, senón que, obxectivamente, Auster conseguiu unha novela que fai que vivas un lugar no que nunca estiveches, e que o vivas cunha sensación de familiaridade. E iso sen perder unha distacia crítica e deliciosa do american way of life, a pesar do xenuinamente estadounidense que resulta toda a novela. Manter ese dificil equilibrio entre crítica feroz e sentimento de pertenza, ambiente de barriada e intelectualidade universitaria, sen que nada chirríe e contando unha boa historia (permitíndose incluso facer comentarios que adiantan a trama!) fai que me esqueza definitivamente de The Inner Life of Martin Froste volva lembrar SmokeeBlue in the face.
Hai un par de anos vin a Banda Bassotti en directo. Pasoume como noutras ocasións, que entrei porque me gustaban medianamente e saín absolutamente fan. De feito, entendín que o meu camiño vital estaba errado e que o que en realidade quería facer era tocar nesa banda. Non sei se sería capaz de pegar os chimpos que pegan eles termando do saxo, pero todo consiste en ximnasio e vontade. O caso é que o meu tamaño é un handicap para ser fan de Banda Bassotti, sentinme como se no concerto houbera un sinal ao estilo dos parques de atraccións "para subir tes que ser así de alta". E eu non daba, claro. Así que alí me vin, no medio dun montón de rapazolos enormes tipo red skin (algún día falarei da teoría que temos sobre a homosexualidade reprimida que destila o rollo skin) desfrutando mogollón do concerto pero temendo seriamente pola miña integridade física no medio dun pogo descontrolado. Especialmente cando o colega que tiña ao lado (e que tampouco chegaba á marca do sinal) saíu literalmente propulsado polos aires. Pero o que realmente pasou non foi que os punkies estes fixeran batido de Raíña, que era o que me estaba temendo, senón que, cando aquilo se puxo particularmente violento (e gay) con tódolos mozotes sen camiseta empurrándose os uns aos outros, deixei de tocar o chan cos pes e fun delicadamente depositada por varias mans nunha marxe da pista. E xuraría que incluso alguén me colocou o pelo. Dende alquela gárdolle particular aprezo a Banda Bassotti e aos seus groupies, non só porque me perdoaron a vida, senón porque se lles nota o bo rollo que desprenden. Por iso tamén me parece particularmente inxusto todoisto que está a acontecer. Así que xa sabedes, rapaces: se precisades outro saxo tenor pensade en min. Porfa.
Pois a min gustábanme mais os de antes, a verdade. Tiñan nome de xelado (gula, luxuria...) podías facer pelis interesantes como Seven e eran accesible para todo o mundo. Estes son pecados high class, non todo o mundo pode enriquecerse até límites obscenos ou provocar inxustiza social. Eu, que tiña o pleno nos pecados clásicos, resulta que nestes só teño un, e iso contando o café como droga. Síntome como se me cambiaran a colección de cromos cando xa a tiña case completa.
O mais estraño é que estes pecados novos parecen feitos polo seu mais acérrimo inimigo, ou cun cinismo fóra de todo límite. Non causarás inxustiza social? Non te enriquecerás? Semella que están a facer autocrítica, cousa que sabemos que é imposible.
En fin. Aquí está nova lista de pecados. Vou facer un par de manipulacións xenéticas ;)
Non realizarás manipulacións xenéticas. Non levarás a cabo experimentos sobre seres humanos, incluidos embrións. Non contaminarás o medio ambiente. Non provocarás inxustiza social. Non causarás pobreza. Non te enriquecerás até límites obscenos a expensas do ben común. Non consumirás drogas.
Aquí estou de novo. Por un intre pensáchedes que non ía voltar, verdade? Que me quedaba para sempre do lado soleado do espello? Pois moi soleado non foi, a verdade, eu que pretendía ter uns días de sol e despatarre.
A parte boa (sempre a hai) é que así adiqueime a estar cos amigos (blogomilleiros e non blogomilleiros), ler best-sellers, recuperar vellos vicios e sucumbir aos de sempre, ver algunha peli, ir a algún concerto, cambiar certas cousas (nada trascendente, cuestións loxísticas) e deixar outras (as importantes) como están.
Polo menos non quedei con esa sensación que ás veces me deixan os día libres, de que non os aproveitei como é debido. Pode un estresarse por estar de vacacións? O que si que non teño de ningún xeito é síndrome postvacacional. Está ben iso de cambiar de aires e durmir ata tarde, pero cando volto ao día a día, teño a impresión de que todo volve ao seu sitio, todo volve estar ordenadiño e normal (son un pouco obsesiva, por se non vos decatarades).
Xa vin que non vos limitáchedes a regarme as flores parlantes, senón que ata teño comentarios! Moitas grazas pola fidelidade, e por manter ese clásico da volta de vacacións: o buzón desbordando. Por sorte, neste caso non son facturas;) Agora só falta o cartón de leite podre na neveira e será unha volta á casa con tódalas da lei.
O Gato Violeta, unha superfriki que acualiza menos do que me gustaría, achégame outra interpretación sanguenta de Alicia, e outra da vosa vermella servidora, que me agrada particularmente. Aínda que nunca me queda claro se son eu ou a Raíña de Corazóns...
Son de Natascha Roeoesli, que ten un artblog que merece a pena visitar. Esta Raíña gústame, aínda que me temo que tampouco se parece moito a min. Alicia, dende logo, non se parece en absoluto.
Seguindo co das relecturas (xa vedes que aquí nada é "off topic", todo se vai enlazando) aí vai a primeira entrega dunhas relecturas gráficas de Alicia que me pareceron particularmente escuras e orixinais. Con cal vos quedades? ;)
Natalie Shau
Ken Wong
Colin Gilroy Smith
Chris Applehans
P.D: moitas grazas, R.R e Besbelliña, por lembrarmos de min e remitirme a estas páxinas tan chulas:)
Xa sabedes que teño unha personalidade fortemente adictiva, que por sorte vou controlando a base de engancharme a cousas mais ou menos inocuas (por certo, vovín ao café, é superior a min). Ademais das adiccións de base, na miña politoxicomanía entrou ultimamente Hellsing, amablemente suministrada polo Pastor, que me sabe as filias. É que este anime teno todo: sangue, armas mutilantes, vampiros, resonancias lovecraftianas e filosofía anticatólica (aínda que sexa porque son protestantes, pero en fin) ademáis de atractivas criaturas indestructibles e personaxes femininos de armas (como non podía ser menos) tomar.
Non me vou estender no argumento porque é destripalo e porque ben fantásticamente explicado na Wikipedia, senón na miña particular recepción do tema. Nas historias de vampiros sempre hai, e Hellsing tamén o recolle, certa ambigüidade con respecto ao papel da relixión en toda a historia. Por unha banda semella funcionar como unha especie de escudo protector, pero por outra hai algo escuro na relación dos vampiros co sagrado: só poden descansar en terra consagrada, os cadaleitos, etc. Aquí non se fai un fincapé excesivo nisto, pero para compensar aparece (o mellor da serie) a tenebrosa organización Iscariote XIII, brazo armado do Vaticano que se adica, ao igual que Hellsing, a matar non-mortos, pero coa que manteñen unha tensa rivalidade. En esencia, Iscariote parece arrogarse o dereito exclusivo de matar vampiros, incluídos os que traballan para Hellsing. Unha visión un tanto simplista pero moi significativa da actitude da Igrexa Católica.
Outra das constantes das historias de vampiros que da para unha tese (de feito, seguro que as hai) é o tema da sexualidade. En Hellsing a cousa está latente por todas partes, dun xeito moi particular ademáis. Temos as clásicas asociacións eróticas da mordida, das vampiresas sexys, pero ademáis o tratamento das personaxes femininas inclúe un novo matiz. A xefa da organización Hellsing, lady Integra, resulta ser unha muller, pero unha muller vestida de home a tódolos efectos, e con actitudes que encaixan máis ben nos roles masculinos típicos, pero que se fai estrañamente atractiva e que posúe un certo aire de dominatrix, suliñado polo feito de que o personaxe principal, Alucard, a chame "ama". En realidade, sobre toda a serie flota unha atmósfera de sensualidade sádica, que se materializa de cando en vez en pequenos detalles deste tipo.
A outra muller que constitúe un eixo para a trama, a neovampira Victoria, tamén parece ter algún tipo de conflicto sexual, que se manifesta na súa negativa a beber sangue, o que a vai debilitando progresivamente, ademáis de manter con Alucard a mesma relación de dominación que el mantén con Integra. Total, todo un xogo de temas freudianos servidos quentes e regados abondosamente con sangue.
P.D: insto aos fans de Hellblazer (sinaladamente Arale e Aylandra) a que aporten a súa visión sobre o tema vampírico-relixioso.
Non teño mais remedio que responder á provocación e escribir algo para retrucarlle a Mario. Primeiro a princesa Leia e agora Ulises! Que vai ser o próximo? Esta ofensa só pode ser reparada dando sete voltas ás ruinas de Troia arrastrado polo carro de Aquiles:)
A verdade é que Ulises é un personaxe ambiguo, e coido que por iso teño debilidade cara a el. Na propia tradición clásica altérnase a visión del como heroe esforzado ou como malvado liante. En calquera caso, non é un heroe ao uso. Trata de escaquearse do xuramento que o obriga a combater en Troia (e que el mesmo lle suxeriu facer ao pai de Helena), engana, disfrázase, rouba. Non é tan forte coma Aquiles, nin tan nobre coma Héctor, nin tan rico coma Melenao. En realidade, é un rei de medio pelo dunha illa de pastores e cabras, e sospeitamos que se Ítaca lle pertence é porque a ninguén lle interesa invadila.
O atractivo de Ulises radica precisamente na súa humanidade absoluta. É a proba de que os medios humanos son mais que suficientes, e que non é necesario ter a Ares na parte de atrás do carro. Odiseo é en certo modo un adiantado ao seu tempo. Perante os valores da forza, da nobreza de sangue, el impón o valor da intelixencia, da astucia, do que un pode facer por si mesmo e non polo que é. Ulises cre mais no seu sentido común que nos deuses, aínda que lle saia o tiro pola culata e se enemiste a morte con Poseidón., búrlase do Cíclope e arrisca a vida polos seus homes.
Por outra banda, Odiseo vea a ser o trasunto humano de Atenea, que é a miña favorita, aínda que tamén sexa unha deusa turbia nalgúns aspectos. A axuda que lle presta non é en forma de prodixios, senón de consellos. Ulises está imbuído do espírito da deusa, mais que recibir favores dela. nalgún sentido, é Atenea. Por iso tampouco me estraña nada que ao longo da historia o pobre Odiseo fora vapuleado moralmente en varias ocasións, coincidindo en xeral coa alza duns valores mais aristocráticos ou mais espirituais. Ulises non deixa de ser o primeiro ateo, e para o pensamento cristián, o paganismo pode pasar, pero o descreído de Ulises ten que arder eternamente no oitavo círculo, o dos malos conselleiros. Porque as razóns que da Dante para condenalo (cando foi Ulises un mal conselleiro? Mal conselleiro para os troianos, que lles colou a treta) son as da mitoloxía posterior a Homero. A lenda que di que, unha vez retornado a Ítaca e xa vello, non pode calmar o apetito de aventuras e leva aos seus homes mais aló das columnas de Heracles, para ver onde remata o mundo. Desafía o mandato divino do "Non plus ultra" por pura curiosidade e rebeldía.
Entendo que o vello Dante opine que merece o oitavo círculo, pero a min cáeme simpático. Polo menos pono a torrar co amigo Diomedes, o compañeiro de tódalas correrías, co que rouba o Paladio e constrúe o cabalo. Ata me gusta a frase que lle fai dicir Dante aos seus homes: "Considerade a vosa procedencia/ pra ser cal brutos vós non fostes feitos/ si pra seguir virtude e coñecencia" (da tradución de Darío Xohán Cabana) E por suposto, está isto:
Así que nada de meterse cos meus heroes infantís, aínda que sexan uns trampulleiros, uns falsos e uns argallas, aínda que Dante os cociñe á grella, aínda que cheguen e fagan unha escabechina cos pretendentes, porque quen mais quen menos, todos vimos Ulises 31. E se non, non tivéchedes infancia :p
P.D: xa está listo o primeiro artefacto de Historias Eléctricas. Xa que ninguén se animaba escribín eu, para romper o xeo.
CCCP e Harvey pídenme que faga o cuestionario Proust, e como non sei dicir que non e ademais estas cousas encántanme, aí vai, se ben con lixeiras modificacións que creo que son precisas para adaptalo aos tempos que corren. Igual en días sucesivos entro mais veces para engadir cousas que se me esqueceron, pero en principio vai como segue:
1. O principal rasgo do meu carácter? A estabilidade, para ben e para mal.
2. A calidade que prefiro nun home/nunha muller (o que fai que alguén me caia simpático)? O sentido común, a nobreza e o sentido do humor
3. A calidade que desexo nunha muller/nun home (o que fai que me sinta atraída cara alguén)? O carisma, a intelixencia e o sentido do humor, ademáis das anteriores.
4. O que máis aprecio nos meus amigos? A fidelidade.
5. O meu principal defecto? Certa inseguridade e que me custa horrores poñerme dura.
6. A miña ocupación preferida? Ler, escoitar música e estar cos amigos, non necesariamente por esa orde, nin necesariamente unha cousa exclúe outra.
7. O meu soño de dicha? Ter preto á xente á que quero e adicarme ao que me gusta. (Dise "dicha"? Filólogos do mundo, acudídeme!)
8. Cal sería a miña maior desgraza? Perder a alguén que sexa importante para min.
9. Que quixera ser? Coido que son das poucas persoas que poden dicir que son o que sempre quixen ser. Igual dentro duns anos estou fartísima, pero polo de agora estou encantada.
10. Onde desexaría vivir? Compostela, polo de agora, aínda que non descarto pasar breves tempadas cidades fermosas, como por exemplo Roma, Praga ou sitios así. Teño moita curiosidade por Gante. Pero cidade, por favor.
11. A cor que prefiro? Todos os cuestionarios fan esta pregunta? Alguén pensa que de verdade ten interese? Pois depende. O negro e o vermello para a roupa, así en abstracto tamén o branco.
12. A flor que prefiro? As rosas brancas, a poder ser silvestres, que ulen mellor.
13. O paxaro que prefiro? Paxaro? Non teño nin idea de paxaros, e ademáis semellan uns animais de intelixencia bastante limitada, non? Supoño que os mouchos e as curuxas, por aquilo das resonancias mitolóxicas e blogueiras. Tamén rompo unha lanza a favor dos corvos, que me parecen uns bechos do mais elegante e, estes si, bastante listos.
14. Os meus autores preferidos en prosa? Homero, Hesse, Conan Doyle, Thomas Mann, Kafka, Lovecraft, Ernesto Sabato
15. Os meus poetas preferidos? Son mais de prosa, pero poderían ser Dante, Blake, Milton, Mario Regueira...
16. Os meus heroes de ficción? Sherlock Holmes, Guillermo de Baskerville, Ulises, Héctor...
17. As miñas heroínas de ficción? Esta é difícil, as heroínas adoitan ser lánguidas e un pouco parvas, e teñen unha irritante tendencia a morrer ou ser rescatadas in extremis. Supoño que terá algo que ver cos escritores homes. Podería dicir Tosca, Irene Adler, todas as nenas de Miyazagi, Leia, e por suposto Alicia.
18. Os meus compositores preferidos? Purcell, Haydn, Händel, Palestrina, Verdi, Puccini, Monteverdi, e Bach, inevitablemente. Tamén Coltrane, Miles Davis, Chet Baker...
19. Os meus pintores predilectos? Os prerrafaelistas en xeral, Mucha, Klimt, Tamara, Bouguereau aínda que sexa un pouco ñoño, Hopper... seguro que me deixo algún.
20. Os meus heroes da vida real? A xente que de verdade fai cousas e non se adica a poñer pose de heroe.
21. As miñas heroínas históricas? Todas as que contribuíron á loita feminista.
22. Os meus nomes favoritos? Alex (para neno e para nena).
23. Que detesto máis que nada? A hipocresía, a doble moral, os egos inchados, a estreitez de miras.
24. Que caracteres históricos desprezo máis? Sería unha lista longuísima. Todos os que se opuxeron ao avance da liberdade, da ciencia, da igualdade...
25. Que feito militar admiro máis? As revolucións, en xeral. Populares e de esquerdas, enténdese. Chamarlle revolución ao golpe de estado do 36 non o convirte nunha.
26. Que reforma admiro máis? Non me gustan demasiado as reformas, xeralmente significa que todo continúe igual.
27. Que dons naturais quixeras ter? Ser unha virtuosa dalgún instrumento, se é que iso é un don natural e non o producto de miles de horas de traballo. Ter unha voz fermosa, que si que é un don.
28. Como me gustaría morrer? Sen dor para min nin para os que queden, se é que iso é posible.
29. Estado presente do meu espírito? Expectante. Comezo unha nova etapa vital.
30. Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os dos nenos e os tolos.
31. O meu lema? Coñécete a ti mesma.
E paso a pelota para o Pastor, Lourixe e Aylandra, se teñen a ben participar neste lercheo camuflado de cuestionario cultureta;)
Por fin puxemos en marcha este proxecto ao que lle levamos dado tantas voltas. Un producto das maquiavélicas e cibernéticas mentes do Pastor, a Arqueira, Mario e quen escribe, alomenos como gurús e administradores do que se coza nestas Historias Eléctricas. A idea é que colaboredes todos os que vos apeteza, e que se vexa a maior variedade de ideas e formatos. Estamos abert@s a todo. Se é eléctrico, mellor.
Xa que me meteu nesta a señorita Mallou, vou pendurar axiña a miña lista de temasos luxuriosos, porque tododiós está poñendo as súas e despois voume repetir. Para min a luxuria é unha sensación fundamentalmente auditiva (aínda que todo axuda) así que isto da música venme como anel ao dedo. Antes ca nada, dicir que NADA do que vexades aquí vai ser nin REMOTAMENTE tan sexy como o vídeo de Gustavo Harvey, e non porque non o buscara, senón porque non o atopei. Que vos preste. 1.Placebo. Special Needs. Para os días que precisamos algo especial. 2. Clapton. Layla. Para o día intenso. Este home é que ten un algo, aínda que estea vello. Non sei se será a voz ou o de slowhand... 3.Marvin Gaye. Sexual Healing. Para o día funky. Marvin tamén ten un puntazo tela. Atención ao vídeo. 4.Billie. Stormy Wheather. Para o día caloroso e húmido. Non podía faltar Lady Day. 5.Sigur Ros. ( ) Todo o disco, porque é deses que podes darlle ao repeat e deixar que soe toda a noite. Para tódolos días.
Falaba a Rapaza do Arco, no seu último post, sobre tomar decisións e sobre a multiplicidade de camiños, e tamén sobre como agora é posible decidir sobre cousas que ata non hai moito eran inmutables. Cousas tan sinxelas como o traballo ao que nos adicamos ou tan trascendentes como o noso sexo. Unha das cousas que mais depende das nosas decisións conscientes, e polo tanto que mais di sobre nós mesmos, é a nosa imaxe. Sexa por acción ou omisión, todos decidimos que aspecto queremos ter, e que parte de nós queremos que os demáis vexan. Despóis, claro, conseguímolo mellor ou peor, e por suposto hai unha parte de todo isto que é pura xenética. Pero digamos que o destino reparte cartas e nos xogamos a partida.
Semella unha frivolidade, isto de darlle tanta importancia ao externo, pero xa dicía Wilde que é superficial quen non xulga as apariencias. Castilla del Pino, un pouco máis tarde, tamén di que unha autoimaxe que non nos gusta condiciona unha falta de seguridade en tódalas outras facetas da vida. E neste blog, o que di Castilla, vai a misa:)
Unha cousa moi curiosa a conto disto é a imaxe cibernética que creamos aquí, deste lado do espello, e como somos percibidos polos demáis blogonautas. Aquí, ademáis, si que non hai nada que dependa do azar, non tes que xogar coas cartas que che toquen. Partes totalmente de cero. Pensáchedes algunha vez por que escollíchedes precisamente ese nick, ou esa foto para o perfil, ou ese modelo para o blog? Como te percibes a ti mesmo e como te perciben os demais, e a leve ou non tan leve distorsión que sempre hai entre ambas cousas, por moito coidado que poñas en elixir a foto correcta.
P.D: este é un post interactivo. Agora ven a parte na que me contades o que pensabades cando abríchedes o blog ;)
Supoño que se me notou no último post a miña escasa simpatía polo cristianismo, particularmente cando se traduce en esfolar xente viva. Debo aclarar que non son nada selectiva neste aspecto, e que a miña alerxia relixiosa vale tamén para calquera outra crenza, pero non atinxe necesariamente aos crentes individuais. O que pasa é que a fe católica é a que está en contacto comigo, e polo tanto a que me produce en primeira instancia o shock anafiláctico ateo. É dicir, son os que me tocan a moral, pero só porque estou aquí, e eles tamén. E semella que non hai espazo suficiente para os dous, forasteiro.
Non padecín unha educación relixiosa, así que non teño resentimento acumulado nin horribles traumas infantís relacionados coa confesión, co cal a miña actitude cara a Santa Nai Igrexa podería ser un tranquilo vive e deixa vivir. Pero non. A Santa Nai Igrexa vese que é unha nai dominante e castradora, tipo Freud, e que non lle da a gana de deixarte vivir se non é no seu amante seo. Xa de nena padecín certa presión social por ser das escasas alumnas de Ética dos primeiros oitenta, de xeito que algún dos meus compañeiros, imbuído de fervor apostólico, amenazoume nunha ocasión cun desconcertante "vas ir al infiernoooooooo!!" digno de Tomé de Aquino, que para unha pequena atea de cinco anos podía ser case unha provincia do Indostán, porque dubido que soubera sequera o que significaba ou por que o meu piadoso colega me quería mandar alí. Noutra ocasión, ante a miña afirmación de que non era católica, outro experto en Historia Sagrada preguntoume, en perfecto coruño: "y luego que eres? Judía?". Debín contestar que era dunha secta de adoradores de Satán, pero naquel momento non andiven viva. Entremedias, tododiós me preguntaba que por que non ía a misa, que se non facía a comunión ("pero mujer, no quieres ir vestida de princesa?") que se non me confirmaba ("mira que luego no te vas poder casar...") , etcétera, con esa impertinencia absoluta que empregan os adultos cos nenos.
Pero o meu verdadeiro choque co eixo Roma-Compostela veu cando se me ocorreu a peregrina idea de borrarme. Eu creo que, cando apostatas, acéndese una luz na mesa do bispo de turno e unha voz di por megafonía: "atención a todo o persoal, código vermello" ou algo así, porque semella que non está nos seus planos que ti queiras saírte voluntariamente do choio. As miñas razóns eran variadas, comezando porque, no momento de meter a miña loira cabeciña na pía, actuaban sobre quen ma metía poderosas coaccións de orde familiar e social. Por outra banda, paréceme lóxico e normal que, se non estás dacordo coas ideas cunha institución, non quieras pertencer a ela.
Así que escribín unha carta ao meu bispo, dicindo onde me bautizaran e que me quería quitar, basicamente porque non creo en deus e porque me parecen unha banda de ladróns, de xenocidas, uns machistas, uns homófobos, uns hipócritas viola-nenos e en definitiva peña chunga. E que se por favor me podían dar de baixa, e non contar comigo cando fixeran as contas nas que teñen trinta e cinco millóns de afiliados só no Estado Español. Pois ben: ao señor bispo estas non lle pareceron razóns suficientes para querer deixar de formar parte do seu chiringuito, pero iso non foi o mellor. O mellor foi que na miña carta-bomba, eu incluía unha fotocopia compulsada do meu D.I. pero o señor bispo non recoñecía que tal documento acreditara a miña identidade, e ademáis alegaba que a lei de protección de datos non se aplica ás actas de bautismo, porque non son unha base de datos, senón (atención) "o rexistro dun feito histórico". Así que nada, que se quero apostatar, que mande unha declaración ante notario de que a Raíña Vermella é efectivamente a Raíña Vermella, porque ao señor bispo o D.I. non lle di nada. É dicir, que un documento que te acredita a tódolos efectos ante calquera organismo, á Igrexa dalle igual.
Desa vez deixeino porque tiña cousas ás que atender, pero por suposto a historia non vai quedar aquí, e en canto poda irei persoalmente á diócese a demostrarlle ao bispo que realmente existo e non son un holograma, e de paso que podo ter moi mal espertar se me levan a contraria.
P.D: sinto se este post fire a sensibilidade dalgún lector, pero que pensabas? Que o de Vermella era porque me favorece a cor?
Xa que Arale menciona a palabra "divulgación" para referirse ao meu blog, cousa que me honra, agora non me queda mais remedio que cumplir e divulgar. Coñezo xente, científicos e non científicos, que lle teñen auténtica alerxia tanto á palabra como ao concepto mesmo de divulgación, que engado que non ten por que ser só científica. Esta xenreira xustifícase xeralmente dicindo que as obras feitas con este fin simplifican en exceso ou son pouco rigorosas, ou que dan unha idea banal sobre os temas que tratan. Eu sospeito que, en realidade, o que pasa é que hai xente á que lle gusta crer que os "seus" temas son máis complicados do que en realidade son, ou que desexaría que seguiran sendo escuros e misteriosos, porque queda moi guai ir pola vida de iluminado, falando de cousas que ninguén mais ca ti entende.A min si que me gusta a divulgación, e paréceme necesaria, xa que a ciencia ás veces manexa ideas difíciles de comprender, pero trata sobre "como funciona o mundo" que diría o doutor Beakman, é dicir, que nos atingue e nos interesa a todos. Ou debería.
A cousa foi que empecei a pensar sobre o tema , e entre iso e un post de Mr. Harvey, lembreime inmediatamente de canto me gustaba "Cosmos" a serie de Carl Sagan. Lembro como cocían un bolo con pasas para explicar como se separan as galaxias, e que existen mares de metano líquido. Lembro como me enterei do que era a relatividade, os anos-luz, as supernovas e as estrelas de neutróns mentras devoraba bocatas de queixo con marmelo (é que non me gusta a nocilla) e de que a evolución pode facer que se debuxe a cara dun samurai na casca dos caranguexos. Por suposto, convertinme nun pequeno monstro de seis anos que trataba de convencer aos seus compañeiros de cole, a piques de facer a comuñón, de que o ser humano descendía dos monos. Todo un fracaso social.
Ademáis, a serie parecía que trataba de todo o que a un lle puidera interesar, o ADN (noviño do trinque daquela), a memoria, a evolución, as viaxes espaciais... Unha das cousas que mais me gustaran, ademáis do do bolo de pasas, era a historia do Voyager. Saber que hai por aí fora, flotando no espazo, un disco de ouro con saúdos en varias linguas e distintas pezas musicais (entre elas os Concertos de Brandemburgo, inmellorable escolla) para que o atope unha civilización extraterrestre, paréceme, aínda hoxe, unha das cousas máis evocadoras e mais poéticas que escoitei nunca.Tamén me encantaba o capítulo da Biblioteca de Alexandría, pero iso queda para o seguinte post.
A miña simpatía cara Sagan, Hawking, Asimov e compaña parte da convicción de que nunca podería descubrir todo iso por min mesma, sen o tamiz que supuña o doutor Sagan e o seu xersei de cisne, e moito menos cando aínda tiña un cerebro blandiño, receptivo e permeable. É dicir, que son quen son, o mesmo pequeno monstro crítico e incómodo pero un pouco (tampouco moito) mais grande, en parte gracias a eles, que me ensinaron que eu podía saber cousas que os maiores non sabían, que non facía falta Deus habendo Big Bang e que "a nosa especie é nova, valente e promete moito, e estamos só mollando os pés nas beiras do océano do coñecemento". P.D: mirade este vídeo, que é curtiño e sae el co xersei de cisne:)
Xa que o último movemento do Pastor é sobre Cowboy Bebop, e Mario fala tamén sobre videoxogos, non me deixan a min outra opción que contraatacar con Samurai Champloo, anime que estou devorando estes días. Parece que a Watanabe gústalle iso de mesturar épocas nas súas obras, porque se Cowboy Bebop é chadleriano-futurista, Samurai Champloo é medieval-hiphopero. De feito, o atractivo da serie son os anacronismos, os lentes, as tatuaxes, as crestas punk no período Edo. Tamén aquí aparecen eses personaxes masculinos misteriosos, escuros e lacónicos "tipos duros" chamados a converterse tamén en lendas. Non deixa de ser curioso que , aínda que a sociedade e os xeitos de consumo cambien vertixinosamente dende Doyle, dende Bogart, ese tipo de caracteres seguen funcionando e fascinando. Pero estoume indo polas ramas, no meu gosto polos tipos duros. Do que eu quería falar hoxe é dese fenómeno do anime (falaría tamén do manga, pero non son consumidora habitual e non controlo) que semella que só comprende e comparte a nosa xeración. O feito mesmo da existencia de debuxos animados para adultos semella ser un arcano para determinada franxa de idade, e dende logo para a maior parte dos programadores de televisión (quen foi o xenio que puxo "Padre de Familia" despóis de comer? Eu encantada, que así podo velo, pero non me parece o máis adecuado). Periodicamente aparecen nos medios queixas sobre que estes ou aqueles debuxos son violentos, e a maior parte dos casos o que ocorre é sinxelamente que non son para nenos. Hai películas hiperviolentas pero a ninguén se lle ocorre queixarse ou censuralas. O mesmo pasa cos videoxogos, como apuntaba Mario no seu post. Está claro que hai a quen non lle cabe na cabeza que eses xogos son para adultos. O anime non ten a mesma intención que os debuxos animados clásicos, a saber, adestrar nenos ou facer que fiquen quietos un anaco. Pode chegar a ser unha obra tan seria e tan traballada como calquera película convencional. Ou máis aínda, porque o formato serie (sobre todo estas últimas series, digamos, limitadas, de vinte ou trinta capítulos, non as interminables sagas de Bolas do Dragón) permite un desenvolvemento das personaxes que o cine en xeral non tolera. Tamén as estéticas poden pulirse ata o extremo, mesturar, experimentar. Aquí vese claramente o tan traído e levado conflicto xeracional. Sentímonos atraídos por estas cousas porque manexamos unha serie de referencias que nos son propias en canto a cine, música ou televisión, videoxogos, etc. A nosa cultura, dalgún xeito, xa non é a mesma. Ou se cadra consideramos cultura o que antes era só consumo, ocio, entretemento banal.
De entrada e para que ninguén me veña corrixir, xa sei que a famosa frase de Holmes non foi escrita nunca. Eu mesma escrutei todas as novelas e tódolos relatos e o único que atopei foi un mísero "é elemental" que non chega para soster o mito. Supoño que serán cousas d cinema.
Como o prometido é débeda, e unha é unha raíña de palabra, aquí vai o post ese sobre House. Supoño que entre os blogeiros haberá de todo: seguidores, detractores, e incluso deses que (din que) non ven a tele, pero seguro que tododiós sabe a estas alturas que House vai dun médico borde, coxo e drogadicto. A primeira das razóns polas que me gusta House é que as personaxes non son chachi-guais, como en Anatomía de Gray (e se alguén é fan da sosa de Gray e compaña, acepto argumentos, a ver se acabamos tendo a típica conversa friki sobre se Batman vencería a Spiderman pero con series de médicos) Xa non é que teñan defectos, é que en moitas ocasións son mesquiños, ou egoístas ou covardes, cousa moi de agradecer no ermo interpretativo que é a tele en xeral. Ou, sinxelamente, meten a pata, cousa moi de agradecer nunha serie de médicos.
Por outra banda, tedes todos razón nas pegas que lle poñedes: os guións son repetitivos, os casos ás veces son só a excusa, a máquina das resonancias dese hospital é unha trampa mortal, Chase tanto vale para un roto com para un descosido (ese home sabe facer de todo!) e todos teñen un coñecemento inesgotable de enfermidades rarísimas.
Pero ao gran: a min gústame House porque de pequena me gustaba Sherlock Holmes. As referencias, homenaxes ou inspiracións están tan claras que parece que o guionista ten as novelas de Conan Doyle diante (ou moi presentes) mentras escribe. A personaxe dun home de mediana idade, solitario, cínico e autosuficiente, brillante pero persoalmente inadaptado, cunha sexualidade conflictiva e relacións persoais escasas, é Holmes. Despóis, hai multitude de detalles secundarios: o amigo íntimo, que o ama sen reservas a pesr dos múltiples desplantes; a adicción aos tranquilizantes, a muller perdida por orgullo. Onde Holmes toca o violín, House toca o piano.
Tanto un como o outro semellan situarse por enriba da moral social, das reglas, da lei ou dos seus superiores. Cando Holmes resolve un caso, a todos nos queda claro que se trata sobre todo dun exercicio intelectual, non dun problema moral. O delito é algo secundario. Incluso pode chegar a acalar a solución se opina que o culpable non merece ser castigado. O recoñecemento dos outros (que en calquera caso House/Holmes considera infinitamente inferiores intelectualmente) tampouco é o obxectivo. Só se trata de matar o tempo, distraer o paso dos anos, exercitar unha facultade especial.
Eu diría que incluso hai escenas que están calcadas dalgún dos libros. Holmes tendido no sofá, a xeringa con morfina enriba da mesa, é a imaxe que abre un dos relatos.
A gracia desta serie é a mesma que a de Sherlock Holmes, e é a seguinte: facer que un personaxe borde, egoísta e amargado sexa irresistiblemente atractivo, polo simple magnetismo dunha intelixencia excepcional e unha moral estraña pero firme. Como un personaxe, literario ou cinematográfico, pasa a converterse nun mito, é unha das preguntas maís interesantes que se me ocorren nestes últimos tempos.
Un dos meus propósitos para o 2007 vai ser quitarme. Tampouco moito. Só deixar de utilizar o café como droga “de abuso” (como lle gusta esta expresión ao Ministerio de Sanidade, aínda que sempre a emprega mal) e pasar a ser unha consumidora social. Claro que, a este paso, vai ter que ser unha desintoxicación en plan Trainspotting: pecharme nun cuarto cun montón de pelis e libros e tirar a chave.
Di Escohotado que para ser un auténtico cafetómano, para ser adicto, vaia, hai que tomar da orde de vinte ou trinta tazas ao día. Logo o meu, que non chego a iso nin de lonxe, debe de ser adicción psicológica. A parte boa é que non me van dar suores frías se paso tres días sen cheirar unha cafeteira. A mala, que o mono psicológico segue sendo mono.
Non deixa de ser curioso o estatus que as drogas legais adquiren nas nosas vidas. Calquera persoa sabe que a cafeína é adictiva, pero nin o máis puritano e acérrimo prohibicionista está en contra do seu libre consumo. O mesmo pasa coa campaña institucional descaradamente a favor do consumo de viño. O viño, en cantidades moderadas, dilata os vasos, e prevén os infartos. O hachís ou o opio, en cantidades moderadas, tamén, e a ninguén se lle ocorre recomendarlle aos hipertensos “un par de bolas de opio coa comida”.
Con isto non quero dicir que me pareza mal que a xente tome viño, nin moito menos. Só que a nosa relación con determinadas sustancias é únicamente cultural, e non ten que ver coa sustancia en sí. A maior parte da xente que eu coñezo que está en contra da legalización é consumidora habitual de alcohol (algunha, nunha medida que o Ministerio calificaría como “de abuso”) e non ten idea teórica dos efectos do que non quere que se legalice. Por volver ao meu mono de café, un gramo de cafeína equivale a 150mg de cocaína, que xa é unha dose razonable. Vale que para acadar un gramo de cafeína hai que tomar como dez tazas dunha sentada, pero é que resulta que a cafeína véndese en pastillas sen ningún tipo de restricción, nin sequera con receta.
Por outra banda, este post ven moi ao caso nestes días de despiporre etílico. Non sei se víchedes o último anuncio das bonitas campañas antidroga coas que nos obsequia Sanidade. No anuncio sae, basicamente, un montón de xente nova de festa. E despois di esa pedazo frase: “tú verás lo que te mola” (quen será o publicista?) A min paréceme superdivertido esa identificación inmediata xente nova-marcha-drogas, sobre todo nunca época na que ata o avó acaba cunha cogorza antolóxica sen moverse da casiña. Iso sí, con Rivera del Duero, que é legal. Isto persegue un doble propósito: asociar “droga” a “droga ilegal”, e polo tanto a idea de que as legais son inocuas; por outra banda, asociar droga a determinados ambientes e franxas de idade, para que os “adultos” poidan sentirse moralmente limpos cando consumen. Un pai de familia non entra nesa imaxe, e non entrará nunca, tome o que tome, pero un rapaz de vinte anos entra automaticamente no perfil, aínda que sexa rigurosamente abstemio, polo feito de ser novo e de saír.
Xa vos contarei como vai a miña terapia de deshabituación. Polo de agora, xa rompín o meu propósito e acaba de caer a primeira da mañá. En fin. Igual no 2008.
P.D: tamén coñezo algunha xente moi ben informada que está en contra da legalización, e merece a pena escoitar os seus argumentos, aínda que eu non os comparta. Co de arriba só me refería á xente que fala por falar, sen ter idea, que é moita pero non toda. P.P.D: Recomendo especialmente, como bibliografía sobre o tema, a "Cantata do Café" de J.S. Bach, que vai disto: dunha rapaza adicta ao café que está arruinando ao seu pai, e el está desesperado por casala para que sexa o home quen lle pague o vicio. Parece ser que o café, polo XVIII, era caro...
Son a Raíña Vermella, alomenos deste lado do espello. Móvome en tódalas direccións e interésanme temas e ideas moi diversas. Se cadra nunha xogada estarei sobre un muro e a seguinte nunha lagoa. Move ficha cando queiras.