Pecados Capitais: Humildade
Cando escribo un post, teño o costume de buscar primeiro na rede sobre o tema do que quero tratar, porque sempre saen ideas diferentes, ligazóns ou imaxes. Así que hoxe puxen "humildade" no Google e pasou unha cousa do mais significativo: as dez primeiras entradas eran a páxinas cristiás. Polo tanto, primeira conclusión: a humildade é unha virtude primordialmente relixiosa. De feito, atopei esta marabillosa definición: "A humildade é a virtude pola cal o Home recoñece que só ten de propio a nada e o pecado. Todo o demáis é pola graza divina". A que mola?.Humildade ven de humillarse, de abaixarse. De humus, terra.
Cando alguén saca a palabriña a relucir, caben dúas posibilidades. Por unha banda, pode que che estea recriminando, non que te mostres orgullos@ dos teus propios logros, senón que trates de facerte escoitar. A expresión externa da humildade é o silencio. Neste sentido, o contrario sería, non a vaídade, senón a rebeldía. Se es humilde, sínteste tan insignificante que non consideras que a túa opinión sexa importante, nin que teñas poder para cambiar as cousas. Non sei por que me da que a humildade é unha virtude que se trata de impoñer principalmente ás mulleres. As mulleres debemos ser humildes porque non debemos replicar, nin impoñernos, nin darnos, en resumo, demasiado valor a nós mesmas. Ás relixións en xeral vénlles moi ben que os seus fieis sexan humildes, que se sintan pequenos vermes reptantes comparados co deus de turno, porque dese xeito non poñerán en dúbida os dogmas que predican os intermediarios coas altas esferas. Encántame a expresión "a soberbia da razón humana", que vén querendo dicir que tes que dubidar incluso do teu propio xuízo antes que do dogma relixioso.
A outra posibilidade é que quen predica a humildade sexa alguén que non considera que o conto vaia con el. Podes dicir "un fogar humilde" para dicir pobre de pedir, e que pareza que a pobreza é algo digno, ou incluso que é honroso ser pobre. Posición, por suposto, que só se sostén se ti non o es. De novo, voltamos a un xeito sutil de impedir a rebelión, neste caso convencerte de que a túa situación, inxusta e desesperada, en realidade non é tan mala. De feito, tes moita sorte de non sufrir as diatribas morais dos ricos e ser feliz só co indispensable. Ser humilde é non aspirar a máis, non aspirar nin sequera ao que por xustiza che corresponde.
Despois hai xente que emprega o da humildade como unha arma. Os típicos pasivo-agresivos que non se defenden, que se humillan, e que dende esa posición pretenden ter a superioridade moral. Isto soa un pouco Nietszche, non? Dende a máis absoluta abxección, dominar o mundo. E conste que non falo dos xudeos! Esta é unha actitude completamente interracial e universal. Vale para facer sentir mal á túa familia e amigos e conseguir que fagan o que queres, para trepar socialmente, para escaquearse, para lograr privilexios... Todo sen esforzo e sen cargo de conciencia.
P.D: como xa reparariades, esta é a miña particular lista de pecados... así que deixade de agardar o post da luxuria!:p
Marcadores: Varios