Ópera Vermella
Un dos temas recorrentes que andan a dar voltas na miña cabeza estes días, como se fosen as bolboretas-torrada-con-manteiga de Carroll, é o que significa que nos guste un tipo ou outro de música, e en concreto o meu gusto persoal pola ópera. Sempre pensei que a música é unha das cousas que mais nos define, co que mais nos identificamos (verdade, Moucho?) máis incluso que a literatura que lemos. Refírome á música que conceptualizamos como a nosa música, porque nun momento dado calquera pode escoitar (case) calquera cousa. A min pódeme facer moita coña escoitar pop nun momento dado, pero non é a miña música. Non sei se me explico.O caso é que a ópera está moi cargada ideoloxicamente, como algo moi burgués e moi cultureta, pero cultureta en plan fachilla, non como o jazz, que é cultureta pero progre. De feito, as miñas experiencias na ópera como espectáculo, en directo, son exactamente esas: marujas co visón acabadiño de desconxelar que van basicamente a deixarse ver, porque é evidente que non entenden nin o mais mínimo do que están vendo. Tamén hai que dicir que esta fauna abunda moito mais en la Coru que en Compostela, onde hai mais de todo e mais normal.
En fin. Ao que viña isto era a que eu non penso, por suposto, que para que che guste a ópera teñas que ser fiel votante do PP, entre outras cousas porque a min gústame e obviamente non o son. Pero tamén penso que esa idea é unha das grandes victorias da burguesía. Alonxar á xente de manifestacións culturais que nun principio eran moi populares, e facelas exclusivistas e pechadas (ollo: o jazz vai polo mesmo camiño, coidado tod@s)
Unha das cousas que se di é que a ópera é cara. Perdón: o fútbol si é caro, e é o entretemento de masas por excelencia. Os discos de clásica, por outra banda, son en xeral mais baratos que a media. O de que a ópera é burguesa, pois hai de todo. Hai obras que son moi reaccionarias e outras cun potencial revolucionario inmenso, comezando polo vello Verdi e ese coro de "Nabucco" cantado a berros nas manifestacións, seguindo por unha "Traviata" que denuncia a hipocresía precisamente das clases altas e que foi repetidamente censurada, e rematando por xente como Weill e a "Opera de Tres Peniques" (letra de Bretch) ou o "Porgy & Bess" de Gerswing.
Despois hai cousas que quedan tan alonxadas no tempo que é imposible xulgalas mais que esteticamente, porque a realidade á que estaban referidas xa non existe. Só podemos conmovernos ou non ante elas. Recoñezo que este é o meu rollo, eses inicios titubeantes de Peri e Monteverdi escandalizando a toda Italia a golpe de dramma per musica en lugar das abigarradas polifonías da época. A ópera é o que ten, que é como a droga: a primeira cóllela porque te invitan, e cando te decatas estás indo pillar, case ás agachadas.
Así que aí vos vai a primeira dose, de regalo. O mitiquísimo Va Pensiero de "Nabucco" e unha delicatessen barroca, o Lamento fúnebre de Dido do "Dido e Eneas" de Purcell. Que vos preste. A ver o que tardades en ir pillar.
Marcadores: Música