segunda-feira, março 12, 2007

Pecados Capitais: Preguiza


Ante a avalancha de comentarios (xa sabía eu que vos ía molar isto do cotilleo) decidín contestar nun post novo, que podería chamarse "como comezou todo" pero non se vai chamar así, porque me pareceu mais cómodo que largarme un comentario enorme. Este é o segundo pecado capital.

Pois veredes: durante moitos anos, escribín unhas libretas, a modo de diario, pero escribindo sobre as pelis, os libros que lía, as miñas obsesións do momento, etc. En realidade, era como unha especie de blog en analóxico moito antes de que houbera blogs. Por outra banda, a miña preocupación pola imaxe como medio de expresión ven xa de lonxe, así que cando decidín transformar as miñas libretas analóxicas en ciberlibretas, pensei que non quería o fondo de topos de Blogger, senón algo co que me sentira realmente identificada, que dixera algo de min (pero tampouco demasiado). E escollín A Través do Espello como algo natural, porque aglutina tódalas miñas filias vitais (a filosofía, a ciencia, a literatura) nun envoltorio elegantemente victoriano, pero ao mesmo tempo un chisco escuro, algo inquedante, como creo eu que ten que ser o coñecemento: un coñecemento que non desacouga un pouco é un coñecemento baleiro.

Por outra banda, cando era nena alguén tivo a santa paciencia de aprenderme o Jabberwocky enteiro, na súa tradución ao español. E alí estaba eu, co meu vestido vermello e as miñas coletas, recitando: "Brillaba brumeando negro el sol/ agiliscosos giroscaban los limazones/ banerrando por las váparas lejanas..." Debía ser todo un espectáculo ver a unha cría de cinco anos delirando dese xeito. Así que Alicia é, dalgún xeito, tamén o inicio do meu punto rarito e friki. Aínda hoxe sei ese poema de memoria.

O da Raíña Vermella caía de caixón, ademáis de polas miñas inclinacións ideolóxicas, porque no mundo do Espello, é esa peza quen guía a Alicia, quen lle explica como ten que facer para moverse do outro lado. Dalgún xeito, é o papel que xogamos cada un de nós no noso escaque.

Tamén teño que dicir que a miña idea inicial non era exactamente no que despóis se converteu, se ben tampouco é algo completamente diferente. Por exemplo, aínda que pensaba escribir algo sobre ciencia, non tiña moi claro que puidera resultar interesante, co cal foi unha agradable sorpresa que tivera tan boa acollida e que me permitira desbarrar ao meu gusto. Tampouco se me ocorrera pensar que o que realmente fai un blog non son os post, senón os comentarios, e que remataría por escribir seguindo a liña sinuosa que se crea entre todos. Claro, os meus movementos dependen do que movades vós:)

Así que agardo que deades por contestados os comentarios do anterior con esta información, pero que non decaia o debate sobre se o que escollemos di moito ou pouco sobre un mesmo.

Marcadores: