sexta-feira, outubro 10, 2008

Sucidio (II) : así si!!

Non vou dar agora un decálogo de métodos suicidas de probada eficacia, se era o que agardabades. Non estou disposta a que pese sobre a miña conciencia as tentativas de pasar a mellor vida de ninguén... nin que me reclamedes se non funciona :p

O tema era mais ben sobre se é lícito ou non querer matarse, se se trata dunha mostra de patoloxía ou de liberdade individual. Eu asumo que hai casos de suicidio que entran de cheo na patoloxía mental, pero todo suicidio é por definición unha enfermidade mental ou hai casos nos que un pode querer morrer e hai que permitirllo e incluso facilitarllo (como con esta funcional e ultramoderna cabina de suicidio). Non penso tampouco en persoas con enfermidades terminais, que piden en realidade unha morte digna, adiantada se cadra pero inevitable na súa situación, senón en xente que sinxelamente decide que non quere seguir vivindo. Hai non moitos anos o telexornal encheuse de noticias macabras sobre adolescentes que quedaban por Internet para suicidarse xuntos, especialmente en Xapón onde matarse non ten tanta condena social como en Occidente, pero por estas latitudes chuviosas nosas tamén é bastante frecuente que apareza algún veciño pendurado do palleiro.

Tamén hai quen fala de suicidio ritual, referíndose a situacións nas que determinadas culturas prescribían este método como saída digna e incluso case obrigatoria (na Roma clásica, a un condenado a morte podía dárselle a posibilidade de aforrarlle traballo ao Estado cunha especie de Ikea suicida, e iso aportaba unha serie de avantaxes fiscais para a familia). Entendo que nestes casos non se pode falar de depresión nin de ninguha outra doenza recoñecible.

Pero, e hoxe en día? Existe algunha situación na que matarse sexa unha saída razonable? É unha cuestión de prexuízos relixiosos ou de autoconservación da especie? Chegamos a un grao de intelixencia tal que podemos decidir até este ounto sobre a nosa propia existencia, ou o instinto de supervivencia é tan primario que non se pode concebir que quede abolido salvo dende a enfermidade?

Agardo opinións diversas e variopintas. Eu aínda non teño formada a miña...

Marcadores: ,