terça-feira, janeiro 30, 2007

Sake con Coca-cola


Xa que o último movemento do Pastor é sobre Cowboy Bebop, e Mario fala tamén sobre videoxogos, non me deixan a min outra opción que contraatacar con Samurai Champloo, anime que estou devorando estes días. Parece que a Watanabe gústalle iso de mesturar épocas nas súas obras, porque se Cowboy Bebop é chadleriano-futurista, Samurai Champloo é medieval-hiphopero. De feito, o atractivo da serie son os anacronismos, os lentes, as tatuaxes, as crestas punk no período Edo.
Tamén aquí aparecen eses personaxes masculinos misteriosos, escuros e lacónicos "tipos duros" chamados a converterse tamén en lendas. Non deixa de ser curioso que , aínda que a sociedade e os xeitos de consumo cambien vertixinosamente dende Doyle, dende Bogart, ese tipo de caracteres seguen funcionando e fascinando.
Pero estoume indo polas ramas, no meu gosto polos tipos duros. Do que eu quería falar hoxe é dese fenómeno do anime (falaría tamén do manga, pero non son consumidora habitual e non controlo) que semella que só comprende e comparte a nosa xeración. O feito mesmo da existencia de debuxos animados para adultos semella ser un arcano para determinada franxa de idade, e dende logo para a maior parte dos programadores de televisión (quen foi o xenio que puxo "Padre de Familia" despóis de comer? Eu encantada, que así podo velo, pero non me parece o máis adecuado).
Periodicamente aparecen nos medios queixas sobre que estes ou aqueles debuxos son violentos, e a maior parte dos casos o que ocorre é sinxelamente que non son para nenos. Hai películas hiperviolentas pero a ninguén se lle ocorre queixarse ou censuralas. O mesmo pasa cos videoxogos, como apuntaba Mario no seu post. Está claro que hai a quen non lle cabe na cabeza que eses xogos son para adultos.
O anime non ten a mesma intención que os debuxos animados clásicos, a saber, adestrar nenos ou facer que fiquen quietos un anaco. Pode chegar a ser unha obra tan seria e tan traballada como calquera película convencional. Ou máis aínda, porque o formato serie (sobre todo estas últimas series, digamos, limitadas, de vinte ou trinta capítulos, non as interminables sagas de Bolas do Dragón) permite un desenvolvemento das personaxes que o cine en xeral non tolera. Tamén as estéticas poden pulirse ata o extremo, mesturar, experimentar.
Aquí vese claramente o tan traído e levado conflicto xeracional. Sentímonos atraídos por estas cousas porque manexamos unha serie de referencias que nos son propias en canto a cine, música ou televisión, videoxogos, etc. A nosa cultura, dalgún xeito, xa non é a mesma. Ou se cadra consideramos cultura o que antes era só consumo, ocio, entretemento banal.

Marcadores: