A procesión non vai por dentro (II)

Isis e Osiris son irmáns e ao tempo home e muller, como se estila entre os vellos deuses. Son a personificación da orde e reinan sobre Exipto, dotando aos humanos de tódalas comodidades e adiantos tecnolóxicos da época. Apréndenos a cultivar, a facer cerámica, a tocar música... Osiris é o deus das colleitas e Isis... ben, Isis é Isis, "mais sabia que millóns de homes". Pero como en tódalas familias hai unha ovella negra, que neste caso é Seth, un de deus da tormenta e a guerra con cabeza de can, como Thor pero en chungo, vaia. Seth está ciumento de Osiris e da prosperidade de Exipto gobernado por Isis (Osiris está a maior parte do tempo de viaxe comercial, promocionando as novas tecnoloxías agrícolas) e traza un plano diabólico de dominación mundial para matalo. Pero Isis sospeita "como unha mangosta vixiando a unha serpe mortal". Seth toma as medidas do Rei e fai un cofre riquísimo. Despois reta á corte a tumbarse dentro del, prometendo regalalo ao que encaixe exactamente no seu interior. Por suposto, só Osiris dá a medida, e cando está dentro, Seth péchao e sélao con chumbo, namentres os seus cómplices reteñen a Isis na súa cámara. Despois tírano ao Nilo, co corpo do rei morto no seu interior (NOTA: como xa vos decatariades, os deuses exipcios non son inmortais, e un inconveniente ínfimo, como a falta de aire, basta para rematar con eles).
Isis busca incansablemente o cofre, axudada pola súa irmá Neftis, muller de Seth pero fiel á parella (ademái rumoréase que estaba liada con Osiris e o deus Anubis é fillo deles, pero co consentemento de Isis, en plan ben, tampouco pensedes. Unha sociedade liberal e adiantada). Despois de moitas aventuras, que darían para outro post, atópao e chórao incansablemente en forma de anduriña. Pero Seth dalle alcance e descuartiza o corpo, espallándoo por Exipto, porque Isis é tan poderosa que podería resucitar ao Rei. As dúas irmás recuperan os anacos un por un, agás o falo, que o comen os peixes. Isis trata de resucitalo, sustituíndo o pene perdido por unha prótese de arxila (non moi cómodo, pero eficaz) pero ao non ter tódolos anacos, só consegue que reviva durante unha noite, que é suficiente para enxendrar un neno que herde o reino (vedes como a prótese era eficaz, aínda que rasque?). Despois embalsámao, coa axuda de Anubis, e fabrica así a primeira momia.

Agora Isis é unha nai nova e solteira, perseguida por un cuñado cabreado que desata furacáns, e precisa axuda desesperadamente. Pero claro, como dixen antes, Isis é moita Isis. Consegue, non sei como, un pouco de cuspe de Ra, o deus supremo, mestúrao con arxila para facer unha áspid, á que da vida. Como a cobra está feita da propia materia do deus, pode danalo, e mórdeo nun nocelo facendo que se retorza de dor. Entón Isis, que tamén é a deusa da medicina, acode á cabeceira de Ra e ofrécelle un trato que non pode rexeitar: curalo a cambio de que lle revele o seu nome secreto, fonte do seu poder. Ela promete que só o empregará se a vida do neno Horus está en perigo, e Ra revélalle o nome.
Agora Isis é unha nai nova e solteira, perseguida por un cuñado cabreado, que se converteu na mais poderosa de tódolos deuses e deusas de Exipto, a quen Ra chama filla, e que pode deter o sol no medio do ceo e facer churrasco con Exipto se Seth viola a orde de alonxamento do seu crío. Só ten que agardar a que o neno medre e reclame o trono do seu pai.
Hai historiadores que consideran que a figura cristiá da Virxe é unha versión desta Isis que fuxe co seu fillo, pero como vedes, é unha versión descafeinada, porque Isis o que menos fai é fuxir. Isis pensa, actúa, fai maxia, enfréntase a Seth e en definitiva mete caña. Consegue converterse na deusa suprema con intelixencia e paciencia, pero non emprega o seu enorme poder salvo que sexa estrictamente necesario. O templo de Isis en Philé permaneceu aberto ata o século IV, porque diversas sectas cristiás adoraban á deusa como María ou como Sophia, o principio feminino do mundo. Tamén se cre que as procesións de Semana Santa, coa Virxe levando en brazos o corpo morto de Xesús, puideron surxir en Exipto, nos ritos que lembraban a morte e resurrección de Osiris como deus dos mortos. Isis chorando o corpo morto de Osiris. Xa falei noutro post da fuxida a Exipto das tradicións cristías, e do sospeitoso parecido da fuxida da nosa superdeusa con Horus. A min, que queredes, atea como son, sería fan de Isis, se non como deusa, si alomenos como superheroína.
P.D: este post vai particularmente adicado ao Moucho, xa que isto xeralmente faino el;)
Marcadores: Mitoloxía