Ser un Camus da vidiña
Teño a manía de recaer unha e outra vez en cousas que sei que non van acabar ben, pero aínda así non podo evitar facelas. Esta Pascua, debeu ser polo da penitencia e a mortificación, volvín outra vez sobre Camus, autor que me produce un cansanzo vital e ás veces un cabreo importante. Por que o fago? Ou ben teño un punto masoquista e non o asumo, ou ben é por puro complexo de inferioridade. Penso que seguro que o entendín mal, ou que me falta por ler a obra clave e reveladora. De feito, gustaríame que outros mais postos no tema ca min me deran unha opinión cualificada, porque igual ando por aí odiando a un tipo sen razón.Camus cabréame porque representa o que eu chamo filosofía de sobremesa: un sistema que non leva a nada, non explica nada e non da alternativas. Só che di que todo e absurdo e que a vida non ten sentido. Puro esnobismo. A típica frase para soltar e quedar de profundo, pero que por descontado non atingue para nada á túa vida real. Aínda no caso de que chegues a ter o convencemento profundo de que é así, a túa actitude perante a vida nunca vai ser coherente con esa idea. Para cada un de nós, a nosa vida é o mais importante do mundo, sexa ou non absurda.
Tampouco estou dacordo co seu xeito de ser ateo. Se ser ateo te leva a pensar que nada ten sentido, o mellor que podes facer é buscar unha secta que che mole, a ser posible que non esixa suicidio (ou si, que mais dá. Non é a única cuestión filosófica real?), rapar a cabeza e vestirte de laranxa. Para min ser atea é exactamente o contrario: a idea de que esta vida é a única que existe, así que xa podes tratar de que sexa o mellor posible, e de que os mansos non van herdar o reino dos ceos, só lles van deixar aos seus fillos a mesma opresión que sufriron eles.
O cumio da miña ira chegou cando lin "O home rebelde" que sostén a magnífica tese de que a rebelión non é posible, porque a violencia deslexitima a fin desexada. O cal, aplicado á vida real, é dicir, a independencia de Alxeria, convérteo xa non nun cándido, senón nun colonialista. Hai temas nos que a neutralidade implica tomar partido polo bando máis forte.
Lin por aí o cotilleo de que a enemistade entre a parella Beauvior-Sartre e Camus se debeu a que éste non atendeu aos requerimentos sexuais de Simone. A min paréceme que, sexa certa ou non a anécdota, hai suficientes diferenzas ideolóxicas entre eles para que remataran de mal rollo. Por outra banda, sempre me pareceu que a historia susténtase no feito obxectivo de que Sartre é todo o feo que se pode ser sen que te deteñan, mentres que Camus ten ese punto de tuberculoso lánguido que a algunha xente lle resulta atractivo.
Eu, dende logo, non sería nunca amiga de alguén como Camus, e se por unha carambola do destino chegara a selo, segurísimo que a cousa remataría en bronca monumental. É o típico colega mixiricas que en vez de sangue parece que ten líquido refrixerante, o que é capaz de ver como che parten a cara nunha pelexa de bar sen mover un dedo, e despois xustificalo filosoficamente. Non, home, Jean-Paul, enténdeme ben. Se eu non era por non meterme. O que pasa é que a vida non ten sentido, e polo tanto o feito de que che partan unha botella na cabeza é un feito insignificante dende o punto de vista da existencia. Ademáis, a violencia que eu podo exercer sobre o home da navalla é tan deleznable como a navallada que el exerza sobre ti, sendo deste xeito un problema filosófico irresoluble. Como es, Jean-Paul. Todo che parece mal.
Marcadores: Filosofía, Literatura