Xa sabedes que teño unha personalidade fortemente adictiva, que por sorte vou controlando a base de engancharme a cousas mais ou menos inocuas (por certo, vovín ao café, é superior a min). Ademais das adiccións de base, na miña politoxicomanía entrou ultimamente Hellsing, amablemente suministrada polo Pastor, que me sabe as filias. É que este anime teno todo: sangue, armas mutilantes, vampiros, resonancias lovecraftianas e filosofía anticatólica (aínda que sexa porque son protestantes, pero en fin) ademáis de atractivas criaturas indestructibles e personaxes femininos de armas (como non podía ser menos) tomar.
Non me vou estender no argumento porque é destripalo e porque ben fantásticamente explicado na Wikipedia, senón na miña particular recepción do tema. Nas historias de vampiros sempre hai, e Hellsing tamén o recolle, certa ambigüidade con respecto ao papel da relixión en toda a historia. Por unha banda semella funcionar como unha especie de escudo protector, pero por outra hai algo escuro na relación dos vampiros co sagrado: só poden descansar en terra consagrada, os cadaleitos, etc. Aquí non se fai un fincapé excesivo nisto, pero para compensar aparece (o mellor da serie) a tenebrosa organización Iscariote XIII, brazo armado do Vaticano que se adica, ao igual que Hellsing, a matar non-mortos, pero coa que manteñen unha tensa rivalidade. En esencia, Iscariote parece arrogarse o dereito exclusivo de matar vampiros, incluídos os que traballan para Hellsing. Unha visión un tanto simplista pero moi significativa da actitude da Igrexa Católica.
Outra das constantes das historias de vampiros que da para unha tese (de feito, seguro que as hai) é o tema da sexualidade. En Hellsing a cousa está latente por todas partes, dun xeito moi particular ademáis. Temos as clásicas asociacións eróticas da mordida, das vampiresas sexys, pero ademáis o tratamento das personaxes femininas inclúe un novo matiz. A xefa da organización Hellsing, lady Integra, resulta ser unha muller, pero unha muller vestida de home a tódolos efectos, e con actitudes que encaixan máis ben nos roles masculinos típicos, pero que se fai estrañamente atractiva e que posúe un certo aire de dominatrix, suliñado polo feito de que o personaxe principal, Alucard, a chame "ama". En realidade, sobre toda a serie flota unha atmósfera de sensualidade sádica, que se materializa de cando en vez en pequenos detalles deste tipo.
A outra muller que constitúe un eixo para a trama, a neovampira Victoria, tamén parece ter algún tipo de conflicto sexual, que se manifesta na súa negativa a beber sangue, o que a vai debilitando progresivamente, ademáis de manter con Alucard a mesma relación de dominación que el mantén con Integra. Total, todo un xogo de temas freudianos servidos quentes e regados abondosamente con sangue.
P.D: insto aos fans de Hellblazer (sinaladamente Arale e Aylandra) a que aporten a súa visión sobre o tema vampírico-relixioso.
Non teño mais remedio que responder á provocación e escribir algo para retrucarlle a Mario. Primeiro a princesa Leia e agora Ulises! Que vai ser o próximo? Esta ofensa só pode ser reparada dando sete voltas ás ruinas de Troia arrastrado polo carro de Aquiles:)
A verdade é que Ulises é un personaxe ambiguo, e coido que por iso teño debilidade cara a el. Na propia tradición clásica altérnase a visión del como heroe esforzado ou como malvado liante. En calquera caso, non é un heroe ao uso. Trata de escaquearse do xuramento que o obriga a combater en Troia (e que el mesmo lle suxeriu facer ao pai de Helena), engana, disfrázase, rouba. Non é tan forte coma Aquiles, nin tan nobre coma Héctor, nin tan rico coma Melenao. En realidade, é un rei de medio pelo dunha illa de pastores e cabras, e sospeitamos que se Ítaca lle pertence é porque a ninguén lle interesa invadila.
O atractivo de Ulises radica precisamente na súa humanidade absoluta. É a proba de que os medios humanos son mais que suficientes, e que non é necesario ter a Ares na parte de atrás do carro. Odiseo é en certo modo un adiantado ao seu tempo. Perante os valores da forza, da nobreza de sangue, el impón o valor da intelixencia, da astucia, do que un pode facer por si mesmo e non polo que é. Ulises cre mais no seu sentido común que nos deuses, aínda que lle saia o tiro pola culata e se enemiste a morte con Poseidón., búrlase do Cíclope e arrisca a vida polos seus homes.
Por outra banda, Odiseo vea a ser o trasunto humano de Atenea, que é a miña favorita, aínda que tamén sexa unha deusa turbia nalgúns aspectos. A axuda que lle presta non é en forma de prodixios, senón de consellos. Ulises está imbuído do espírito da deusa, mais que recibir favores dela. nalgún sentido, é Atenea. Por iso tampouco me estraña nada que ao longo da historia o pobre Odiseo fora vapuleado moralmente en varias ocasións, coincidindo en xeral coa alza duns valores mais aristocráticos ou mais espirituais. Ulises non deixa de ser o primeiro ateo, e para o pensamento cristián, o paganismo pode pasar, pero o descreído de Ulises ten que arder eternamente no oitavo círculo, o dos malos conselleiros. Porque as razóns que da Dante para condenalo (cando foi Ulises un mal conselleiro? Mal conselleiro para os troianos, que lles colou a treta) son as da mitoloxía posterior a Homero. A lenda que di que, unha vez retornado a Ítaca e xa vello, non pode calmar o apetito de aventuras e leva aos seus homes mais aló das columnas de Heracles, para ver onde remata o mundo. Desafía o mandato divino do "Non plus ultra" por pura curiosidade e rebeldía.
Entendo que o vello Dante opine que merece o oitavo círculo, pero a min cáeme simpático. Polo menos pono a torrar co amigo Diomedes, o compañeiro de tódalas correrías, co que rouba o Paladio e constrúe o cabalo. Ata me gusta a frase que lle fai dicir Dante aos seus homes: "Considerade a vosa procedencia/ pra ser cal brutos vós non fostes feitos/ si pra seguir virtude e coñecencia" (da tradución de Darío Xohán Cabana) E por suposto, está isto:
Así que nada de meterse cos meus heroes infantís, aínda que sexan uns trampulleiros, uns falsos e uns argallas, aínda que Dante os cociñe á grella, aínda que cheguen e fagan unha escabechina cos pretendentes, porque quen mais quen menos, todos vimos Ulises 31. E se non, non tivéchedes infancia :p
P.D: xa está listo o primeiro artefacto de Historias Eléctricas. Xa que ninguén se animaba escribín eu, para romper o xeo.
CCCP e Harvey pídenme que faga o cuestionario Proust, e como non sei dicir que non e ademais estas cousas encántanme, aí vai, se ben con lixeiras modificacións que creo que son precisas para adaptalo aos tempos que corren. Igual en días sucesivos entro mais veces para engadir cousas que se me esqueceron, pero en principio vai como segue:
1. O principal rasgo do meu carácter? A estabilidade, para ben e para mal.
2. A calidade que prefiro nun home/nunha muller (o que fai que alguén me caia simpático)? O sentido común, a nobreza e o sentido do humor
3. A calidade que desexo nunha muller/nun home (o que fai que me sinta atraída cara alguén)? O carisma, a intelixencia e o sentido do humor, ademáis das anteriores.
4. O que máis aprecio nos meus amigos? A fidelidade.
5. O meu principal defecto? Certa inseguridade e que me custa horrores poñerme dura.
6. A miña ocupación preferida? Ler, escoitar música e estar cos amigos, non necesariamente por esa orde, nin necesariamente unha cousa exclúe outra.
7. O meu soño de dicha? Ter preto á xente á que quero e adicarme ao que me gusta. (Dise "dicha"? Filólogos do mundo, acudídeme!)
8. Cal sería a miña maior desgraza? Perder a alguén que sexa importante para min.
9. Que quixera ser? Coido que son das poucas persoas que poden dicir que son o que sempre quixen ser. Igual dentro duns anos estou fartísima, pero polo de agora estou encantada.
10. Onde desexaría vivir? Compostela, polo de agora, aínda que non descarto pasar breves tempadas cidades fermosas, como por exemplo Roma, Praga ou sitios así. Teño moita curiosidade por Gante. Pero cidade, por favor.
11. A cor que prefiro? Todos os cuestionarios fan esta pregunta? Alguén pensa que de verdade ten interese? Pois depende. O negro e o vermello para a roupa, así en abstracto tamén o branco.
12. A flor que prefiro? As rosas brancas, a poder ser silvestres, que ulen mellor.
13. O paxaro que prefiro? Paxaro? Non teño nin idea de paxaros, e ademáis semellan uns animais de intelixencia bastante limitada, non? Supoño que os mouchos e as curuxas, por aquilo das resonancias mitolóxicas e blogueiras. Tamén rompo unha lanza a favor dos corvos, que me parecen uns bechos do mais elegante e, estes si, bastante listos.
14. Os meus autores preferidos en prosa? Homero, Hesse, Conan Doyle, Thomas Mann, Kafka, Lovecraft, Ernesto Sabato
15. Os meus poetas preferidos? Son mais de prosa, pero poderían ser Dante, Blake, Milton, Mario Regueira...
16. Os meus heroes de ficción? Sherlock Holmes, Guillermo de Baskerville, Ulises, Héctor...
17. As miñas heroínas de ficción? Esta é difícil, as heroínas adoitan ser lánguidas e un pouco parvas, e teñen unha irritante tendencia a morrer ou ser rescatadas in extremis. Supoño que terá algo que ver cos escritores homes. Podería dicir Tosca, Irene Adler, todas as nenas de Miyazagi, Leia, e por suposto Alicia.
18. Os meus compositores preferidos? Purcell, Haydn, Händel, Palestrina, Verdi, Puccini, Monteverdi, e Bach, inevitablemente. Tamén Coltrane, Miles Davis, Chet Baker...
19. Os meus pintores predilectos? Os prerrafaelistas en xeral, Mucha, Klimt, Tamara, Bouguereau aínda que sexa un pouco ñoño, Hopper... seguro que me deixo algún.
20. Os meus heroes da vida real? A xente que de verdade fai cousas e non se adica a poñer pose de heroe.
21. As miñas heroínas históricas? Todas as que contribuíron á loita feminista.
22. Os meus nomes favoritos? Alex (para neno e para nena).
23. Que detesto máis que nada? A hipocresía, a doble moral, os egos inchados, a estreitez de miras.
24. Que caracteres históricos desprezo máis? Sería unha lista longuísima. Todos os que se opuxeron ao avance da liberdade, da ciencia, da igualdade...
25. Que feito militar admiro máis? As revolucións, en xeral. Populares e de esquerdas, enténdese. Chamarlle revolución ao golpe de estado do 36 non o convirte nunha.
26. Que reforma admiro máis? Non me gustan demasiado as reformas, xeralmente significa que todo continúe igual.
27. Que dons naturais quixeras ter? Ser unha virtuosa dalgún instrumento, se é que iso é un don natural e non o producto de miles de horas de traballo. Ter unha voz fermosa, que si que é un don.
28. Como me gustaría morrer? Sen dor para min nin para os que queden, se é que iso é posible.
29. Estado presente do meu espírito? Expectante. Comezo unha nova etapa vital.
30. Feitos que me inspiran máis indulxencia? Os dos nenos e os tolos.
31. O meu lema? Coñécete a ti mesma.
E paso a pelota para o Pastor, Lourixe e Aylandra, se teñen a ben participar neste lercheo camuflado de cuestionario cultureta;)
Despois de que sufríchedes estoicamente a primeira parte deste post, agora teño medo de que a segunda defraude as expectativas. A min gústame porque fala dos eternos temas da sci-fi, como os furados negros e as viaxes no tempo. Ademaís, xusto cando colguei o anterior, descubrín que Bouzafría mencionaba tamén os últimos descubrimentos que semellan corroborar Cordas a nivel empírico. Non teño formación suficiente para xulgalos por min mesma, pero semella que o camiño cara unha comprobación está aberto.
Ao gran. A Teoría de Cordas (agora xa un pouco mais teoría e un pouco menos hipótese) ten interese porque trata dunha cousa moi incómoda para a física: as singularidades. Unha singularidade é unha situación na que unha ou varias das magnitudes que manexamos é cero ou infinito. Polo tanto, os sucesos tórnanse impredicibles, cousa que todos coincidimos en que nos fai sentir moi a disgusto. As singularidades máis coñecidas son os furados negros (onde a gravidade é infinita) e sobre todo o Big Bang, a nai de tódalas singularidades, onde tanto a masa como a gravidade son infinitas, mentras que o espazo é cero. Se Cordas se comproba, as ecuacións para predicir o que ocorre dentro dun furado negro fanse posibles.
Pasa unha cousa rara, de tódolos xeitos: a nosa superhipótese postula a existencia de once ou vinteséis dimensións do espazo. Nós só apreciamos catro porque as restantes actúan a nivel moi subatómico, están como replegadas no espazo, pero iso non quere dicir que sexa así para tódalas rexións do universo. Aínda que Hawkins sostén que a vida só e posible con catro dimensións, a min paréceme que iso é unha suposición cando menos aventurada, dende a nosa humilde tetradimensionalidade. Se existiran seres de mais dimensións (ou tamén de catro pero outras catro diferentes, por exemplo) poderiamos incluso vivir na mesma rexión do universo sen percibirnos mutuamente, "superpostos" por así dicilo.
Por outra banda, o feito de que se anulen as singularidades ten outro efecto curioso. Chegamos á conclusión de que o universo non pode ser infinito (singularidade!) pero é obvio que tampouco vai haber unha fronteira mais aló da cal se estenda a nada, como na Historia Interminable. O Universo ten que ser autocontido, sen límite como non ten límite para nós a Terra, pero non infinito. Se ten forma de donut ou de cadeira de montar xa o deixo para os astrofísicos. As preguntas de que hai fóra do universo ou que había antes non teñen sentido: o tempo e o espazo en si mesmos comezan co Big Bang.
Outra singularidade é a que di que a masa se fai infinita cando acada a velocidade da luz. A lei relativista que nos proíbe as viaxes a velocidade luz acaba de abolirse? Que pasa co tempo a velocidades superlumínicas? Dentro dun furado negro hai algo? Poderiamos chegar a unha zona do universo onde as leis da física se subvirtan? A min Cordas é que me encanta. Abre a mais absoluta das liberdades, e ao mesmo tempo elimina esa indeterminación do "non se pode calcular". Vedes como, se se comproba, van cambiar moitas cousas por aquí?
P.D: Non o podo resistir. Aí vai "Supermassive Black Hole" de propina ;)
Por fin puxemos en marcha este proxecto ao que lle levamos dado tantas voltas. Un producto das maquiavélicas e cibernéticas mentes do Pastor, a Arqueira, Mario e quen escribe, alomenos como gurús e administradores do que se coza nestas Historias Eléctricas. A idea é que colaboredes todos os que vos apeteza, e que se vexa a maior variedade de ideas e formatos. Estamos abert@s a todo. Se é eléctrico, mellor.
Son a Raíña Vermella, alomenos deste lado do espello. Móvome en tódalas direccións e interésanme temas e ideas moi diversas. Se cadra nunha xogada estarei sobre un muro e a seguinte nunha lagoa. Move ficha cando queiras.