terça-feira, maio 08, 2007

Mmmmadalena!!

CCCP e Harvey pídenme que faga o cuestionario Proust, e como non sei dicir que non e ademais estas cousas encántanme, aí vai, se ben con lixeiras modificacións que creo que son precisas para adaptalo aos tempos que corren. Igual en días sucesivos entro mais veces para engadir cousas que se me esqueceron, pero en principio vai como segue:


1. O principal rasgo do meu carácter?
A estabilidade, para ben e para mal.

2. A calidade que prefiro nun home/nunha muller (o que fai que alguén me caia simpático)?
O sentido común, a nobreza e o sentido do humor

3. A calidade que desexo nunha muller/nun home (o que fai que me sinta atraída cara alguén)?
O carisma, a intelixencia e o sentido do humor, ademáis das anteriores.

4. O que máis aprecio nos meus amigos?
A fidelidade.

5. O meu principal defecto?
Certa inseguridade e que me custa horrores poñerme dura.

6. A miña ocupación preferida?
Ler, escoitar música e estar cos amigos, non necesariamente por esa orde, nin necesariamente unha cousa exclúe outra.

7. O meu soño de dicha?
Ter preto á xente á que quero e adicarme ao que me gusta. (Dise "dicha"? Filólogos do mundo, acudídeme!)

8. Cal sería a miña maior desgraza?
Perder a alguén que sexa importante para min.

9. Que quixera ser?
Coido que son das poucas persoas que poden dicir que son o que sempre quixen ser. Igual dentro duns anos estou fartísima, pero polo de agora estou encantada.

10. Onde desexaría vivir?
Compostela, polo de agora, aínda que non descarto pasar breves tempadas cidades fermosas, como por exemplo Roma, Praga ou sitios así. Teño moita curiosidade por Gante. Pero cidade, por favor.

11. A cor que prefiro?
Todos os cuestionarios fan esta pregunta? Alguén pensa que de verdade ten interese? Pois depende. O negro e o vermello para a roupa, así en abstracto tamén o branco.

12. A flor que prefiro?
As rosas brancas, a poder ser silvestres, que ulen mellor.

13. O paxaro que prefiro?
Paxaro? Non teño nin idea de paxaros, e ademáis semellan uns animais de intelixencia bastante limitada, non? Supoño que os mouchos e as curuxas, por aquilo das resonancias mitolóxicas e blogueiras. Tamén rompo unha lanza a favor dos corvos, que me parecen uns bechos do mais elegante e, estes si, bastante listos.

14. Os meus autores preferidos en prosa?
Homero, Hesse, Conan Doyle, Thomas Mann, Kafka, Lovecraft, Ernesto Sabato

15. Os meus poetas preferidos?
Son mais de prosa, pero poderían ser Dante, Blake, Milton, Mario Regueira...

16. Os meus heroes de ficción?
Sherlock Holmes, Guillermo de Baskerville, Ulises, Héctor...

17. As miñas heroínas de ficción?
Esta é difícil, as heroínas adoitan ser lánguidas e un pouco parvas, e teñen unha irritante tendencia a morrer ou ser rescatadas in extremis. Supoño que terá algo que ver cos escritores homes. Podería dicir Tosca, Irene Adler, todas as nenas de Miyazagi, Leia, e por suposto Alicia.

18. Os meus compositores preferidos?
Purcell, Haydn, Händel, Palestrina, Verdi, Puccini, Monteverdi, e Bach, inevitablemente. Tamén Coltrane, Miles Davis, Chet Baker...

19. Os meus pintores predilectos?
Os prerrafaelistas en xeral, Mucha, Klimt, Tamara, Bouguereau aínda que sexa un pouco ñoño, Hopper... seguro que me deixo algún.

20. Os meus heroes da vida real?
A xente que de verdade fai cousas e non se adica a poñer pose de heroe.

21. As miñas heroínas históricas?
Todas as que contribuíron á loita feminista.

22. Os meus nomes favoritos?
Alex (para neno e para nena).

23. Que detesto máis que nada?
A hipocresía, a doble moral, os egos inchados, a estreitez de miras.

24. Que caracteres históricos desprezo máis?
Sería unha lista longuísima. Todos os que se opuxeron ao avance da liberdade, da ciencia, da igualdade...

25. Que feito militar admiro máis?
As revolucións, en xeral. Populares e de esquerdas, enténdese. Chamarlle revolución ao golpe de estado do 36 non o convirte nunha.

26. Que reforma admiro máis?
Non me gustan demasiado as reformas, xeralmente significa que todo continúe igual.

27. Que dons naturais quixeras ter?
Ser unha virtuosa dalgún instrumento, se é que iso é un don natural e non o producto de miles de horas de traballo. Ter unha voz fermosa, que si que é un don.

28. Como me gustaría morrer?
Sen dor para min nin para os que queden, se é que iso é posible.

29. Estado presente do meu espírito?
Expectante. Comezo unha nova etapa vital.

30. Feitos que me inspiran máis indulxencia?
Os dos nenos e os tolos.

31. O meu lema?
Coñécete a ti mesma.

E paso a pelota para o Pastor, Lourixe e Aylandra, se teñen a ben participar neste lercheo camuflado de cuestionario cultureta;)

Marcadores: ,