quinta-feira, maio 03, 2007

Teoría de Cordas (II)

Despois de que sufríchedes estoicamente a primeira parte deste post, agora teño medo de que a segunda defraude as expectativas. A min gústame porque fala dos eternos temas da sci-fi, como os furados negros e as viaxes no tempo. Ademaís, xusto cando colguei o anterior, descubrín que Bouzafría mencionaba tamén os últimos descubrimentos que semellan corroborar Cordas a nivel empírico. Non teño formación suficiente para xulgalos por min mesma, pero semella que o camiño cara unha comprobación está aberto.

Ao gran. A Teoría de Cordas (agora xa un pouco mais teoría e un pouco menos hipótese) ten interese porque trata dunha cousa moi incómoda para a física: as singularidades. Unha singularidade é unha situación na que unha ou varias das magnitudes que manexamos é cero ou infinito. Polo tanto, os sucesos tórnanse impredicibles, cousa que todos coincidimos en que nos fai sentir moi a disgusto. As singularidades máis coñecidas son os furados negros (onde a gravidade é infinita) e sobre todo o Big Bang, a nai de tódalas singularidades, onde tanto a masa como a gravidade son infinitas, mentras que o espazo é cero. Se Cordas se comproba, as ecuacións para predicir o que ocorre dentro dun furado negro fanse posibles.

Pasa unha cousa rara, de tódolos xeitos: a nosa superhipótese postula a existencia de once ou vinteséis dimensións do espazo. Nós só apreciamos catro porque as restantes actúan a nivel moi subatómico, están como replegadas no espazo, pero iso non quere dicir que sexa así para tódalas rexións do universo. Aínda que Hawkins sostén que a vida só e posible con catro dimensións, a min paréceme que iso é unha suposición cando menos aventurada, dende a nosa humilde tetradimensionalidade. Se existiran seres de mais dimensións (ou tamén de catro pero outras catro diferentes, por exemplo) poderiamos incluso vivir na mesma rexión do universo sen percibirnos mutuamente, "superpostos" por así dicilo.

Por outra banda, o feito de que se anulen as singularidades ten outro efecto curioso. Chegamos á conclusión de que o universo non pode ser infinito (singularidade!) pero é obvio que tampouco vai haber unha fronteira mais aló da cal se estenda a nada, como na Historia Interminable. O Universo ten que ser autocontido, sen límite como non ten límite para nós a Terra, pero non infinito. Se ten forma de donut ou de cadeira de montar xa o deixo para os astrofísicos. As preguntas de que hai fóra do universo ou que había antes non teñen sentido: o tempo e o espazo en si mesmos comezan co Big Bang.

Outra singularidade é a que di que a masa se fai infinita cando acada a velocidade da luz. A lei relativista que nos proíbe as viaxes a velocidade luz acaba de abolirse? Que pasa co tempo a velocidades superlumínicas? Dentro dun furado negro hai algo? Poderiamos chegar a unha zona do universo onde as leis da física se subvirtan? A min Cordas é que me encanta. Abre a mais absoluta das liberdades, e ao mesmo tempo elimina esa indeterminación do "non se pode calcular". Vedes como, se se comproba, van cambiar moitas cousas por aquí?

P.D: Non o podo resistir. Aí vai "Supermassive Black Hole" de propina ;)

Marcadores: