Este é o momento, este é o lugar.
A miña primeira intención ao abrir o Espello era non falar de temas de actualidade. Non sei exactamente por que, supoño que porque me pareceu que o blogomillo ía estar sobrecargado deles. O caso é que hoxe vou romper os meus votos, pero por unha boa causa. Este ano, a festa do Orgullo LGBT celébrase na Quintana. Non vos parece deliciosamente irónico? Imos ter a un lado a Catedral, polo lado da Porta Santa, e polo outro as reixas do convento.Hai uns anos (non tantos, fagamos memoria) isto sería absolutamente impensable. O feito en si dunha festa sería difícil, pero unha festa na Qintana, co permiso do Concello... Haberá quen diga que os políticos se apuntan ao carro por electoralismo, pero para min, o feito en sí de que pensen que isto lles vai dar votos é síntoma de que as cousas mudan. Hai uns anos (non tantos) ser homófobo era a actitude normal e agardable, e ninguén agardaba outra cousa. Hoxe, esa mesma xente semella non lembrarse de que tiña prexuízos (ou de que quería "matarlos a todos, para que no se reproduzcan").
Para a xeración precedente á nosa, por moi comprometida que estea, a loita pola identidade sexual parece ser algo un pouco frívolo. Non é unha Grande Revolución, é algo que atingue ás cousas pequenas, ao xeito de vivir. Incluso para moita xente da nosa (xeración) resulta algo secundario, un paso por detrás da loita de esquerdas (por chamarlle dalgún xeito). Sempre hai alguén que non quere meterse en "paranoias feministas".
Pola miña banda, eu creo que as dúas cousas, para ser verdadeiras, teñen que ir inextricablemente unidas. A loita política de esquerdas, sen meterme en matices, é unha loita pola igualdade. Se non es feminista nin defendes a idea da liberdade de opción sexual... igualdade para quen, exactamente? Para os homes heterosexuais? Para o grupo social mais poderoso de entrada, aínda dentro do sistema de clases? Unha loita así é unha loita a medias, é a loita dos mais favorecidos dentro dos desfavorecidos polos seus intereses.
Outra aspecto interesante son noticias coma esta de La Coz sobre a asignatura de educación pola cidadanía "Exigimos respeto a nuestras creencias, no somos radicales" di unha nai que se opón a que se imparta esta asignatura porque ten contidos de "política de género". Traducción provided by Raíña: esiximos poder educar aos nosos retoños católicos na idea de que non todas as persoas son iguais, faltaría mais, e en que nós somos mellores e normais, e os gays, as feministas e demais calaña son uns desviados. A familia nuclear é radiactiva, como di o cartel da festa de Coruña.
P.D: O meu Navalleiro favorito tamén fai unha reflexión moi interesante sobre o tema.