domingo, junho 24, 2007

A Potencia sen control non serve de nada

Era un anuncio de Pirelli, non si? Estes días, por unha razón ou outra, atopeime varias veces pensando nesa frase, que resume moi ben a miña actitude vital en moitos puntos. A pesar do hedonismo, da personalidade adictiva (ou precisamente por iso), son das que pensan que son importantes cousas como o autocontrol, o traballo, o esforzo, a disciplina, e outras palabras que soan igual de rancias.

Lendo o penúltimo post de Torredebabel, por exemplo, volvín pensalo. A construcción da propia identidade pasa por un traballo arduo, non é algo que nos veña dado sen mais, nin é mais sincera canto mais espontánea. Ás veces teño a sensación de que, cando mencionas algunha destas palabras (disciplina, traballo, esforzo, uf!) quedas como se foras unha auténtica fascista, ou alomenos un pouquiño reaccionaria. Semella que a personalidade debe ser "auténtica", sen cortapisas. "Eu son así", "te lo digo como lo pienso", "yo es que soy muy sincera" e cousas polo estilo.

Eu penso que é exactamente ao contrario. As persoas mais auténticas son precisamente as que se tomaron o traballo de pensar sobre como son, como queren ser, os defectos que teñen e os que lles gustaría non ter. Coñécete a ti mesm@, como dixo o oráculo. O demáis adoita ser unha caixa de fogos de artificio. Hai moita xente que vai de superauténtica porque non se pon límites, e iso en xeral implica que tampouco che importa se molestas aos demáis ou non, se tes dereito ou non a dicir determinadas cousas, a traspasar determinadas barreiras.

Por outra banda, non se me ocorre nada que teña e que realmente valore que non sexa resultado dun esforzo, dun traballo que pode ser mais ou menos gratificante, pero que non deixa de ser traballo. Incluso as relacións hai que traballalas. "Good Lovin' Ain't Easy", que cantaba o grande Marvin