domingo, junho 10, 2007

I Ching

Pensando no das relecturas, nas múltiples posibilidades que abre un texto, veume á cabeza o I Ching, e iso que hai meses xa que non boto un. Non sei se algunha vez lle botáchedes unha ollada ou se probáchedes a facelo, eu creo que, por curiosidade, merece a pena.

O I Ching é un compendio de proverbios ordenados segundo unhas coordenadas numéricas, que se corresponden coas cifras obtidas de tirar varias veces unha serie de moedas ou da disposición na que caian uns palillos. Suponse que o proverbio que che sae é un consello para ese momento concreto da túa vida. Son cousas do tipo de: "Os dragóns loitan na pradeira. O seu sangue é negro e amarelo". Supoño que se pode estudar o I Ching como obra literaria, pero a min o que me interesa é o seu potencial combinatorio, por unha banda (como unha especie de hipertexto primitivo) e sobre todo o que ten de evocador.

Explícome. A posibles combinacións das sentencias do I Ching son altísimas. Non infinitas, claro, pero si suficientes para ser inabarcables. Polo tanto, é unha obra que muda continuamente , aínda que autocontida. Por iso puxen esa imaxe de fractais, que ademáis de ser moi bonita, aparece en moitas páxinas sobre o tema, porque a idea dunha imaxe aleatoria pero estrañamente fermosa e armónica pega moito coa filosofía do libro. Os mandalas tamén son un pouco cousas deste estilo. Esta é unha das formas no que se pode entender que ten múltiples lecturas.

A outra forma refírese á esencia mesma do I Ching, que se basea, non nunha predicción do futuro ao xeito do tarot, tipo "vaiche pasar isto ou aquilo", senón nunha premisa que debes seguir. O truco está, igual que no tarot, nunha calculada ambigüidade. O dos dragóns loitando na pradeira é en serio, non o inventei para facer a coña. A idea é que funcione como unha especie de mancha de Rorsach, unha base aleatoria sobre a que cada un pode proxectar as súas preocupacións, e no feito de que no fondo sabemos que é o que temos que facer nunha situación difícil, pero precisamos dunha autoridade externa (un oráculo) que nos dea o último empuxón.

A psicoanálise jungiana (xa escribirei mais polo miúdo sobre Jung, vaia un personaxe) empregou o I Ching como un xeito de facer asociación libre, substituíndo o material dos soños por algo externo ao individuo, pero co mesmo resultado: interpretámolo todo de xeito autorreferencial, aínda que sexa unha frase incomprensible sobre o río pasando baixo a montaña, danos a sensación de que nos atingue.

Incluso sabendo todo isto, e achegándose co maior dos escepticismos, tirar un I Ching é unha experiencia curiosamente intensa. Igual que interpretar un soño, é como reflexinar sobre un mesmo cunha lucidez particular, se cadra por que a noción de oráculo permite que nos alonxemos para vernos dende fóra, como se fora outro o que nos xulga.

P.D: aquí o tedes en pdf

Marcadores: ,