In Vitro Veritas
Hai pouco, blogueando pola rede adiante, atopei unha comunidade, ou anel, ou como se chame, de bitácoras adicadas a temas científicos. Fíxome coña, porque algunhas delas trataban temas moi semellantes aos meus, pese a que este non é un blog estrictamente científico. Pero tamén parecían pillados polas matemáticas, a física, os paradoxos da Relatividade e a mecánica cuántica...O que si cambiaba un pouco, alomenos nalgúns post, era o ton. Se eu me limito a facer unha exposición do tema de turno, con mais ou menos comentarios persoais, estes bloggers parecen verse na necesidade de facer unha auténtica defensa do que tratan. Para min, falar de ciencia é compartir o coñecemento de cousas que me fascinan, pero partindo da base de que non ten sentido dubidar do que eu expoño, salvo se se dubida de que a miña interpretación sexa correcta.
Entendín de que ía a película ao ler os comentarios, que non eran para nada o que eu agardaba para ese tipo de sitios. Non era xente discuindo sobre se a Relatividade tiña ou non tiña limitacións como teoría, moitos deles eran un ataque directo contra a existencia dun blog adicado á ciencia, ou da ciencia en si mesma! Cousas do tipo "coñecemento superficial", "pasarse a vida buscando para non chegar a ningunha certeza", "pobres vidas miserables, sen a luz divina"... É dicir, lectores que rexeitaban de plano o coñecemento científico como xeito de enfrontar a vida, non porque considerasen que o paradigma era machista, ou eurocéntrico, ou as típicas oposicións que se lle poden facer dende aquí, senón porque o coñecemento científico, ao ser unha ferramenta humana, é imperfecto e limitado, en contraposición á fe, que é inmutable.
E non, os comentarios non eran de ningún chalado particular, a maioría seguían un ton polo estilo. Aclarar, para que entendades o miolo do tema, que a meirande parte dos sitios están ubicados en Sudamérica. A que xa non vos sorprende tanto? Pois esta foi exactamente a sucesión de datos que seguín eu: primeiro flipar co que lía, e despois que me encaixara todo. Pero ben mirado, non é moi forte que sexa así? Que esteamos falando de que, en países como Arxentina, sexa necesario facer unha auténtica cruzada polo coñecemento científico, e que esa cruzada atope unha oposición absolutamente feroz? A min fíxome pensar que vivimos un pouco na nosa burbulla, alomenos eu, pero que fora de Europa, a cousa é moi diferente. Se cadra antes de falar do integrismo islámico deberamos pensar en como actúa a Igrexa en lugares menos cinicamente descridos ca estes lares.
Por outra banda, tamén me fixo pensar nas críticas se se adoitan facer dende aquí a este tipo de temas: discutimos sobre se a ciencia pode pretender explicalo todo, sobre se o posmodernismo rematou ou non coa pretensión de obxectividade. Nestes blogs notábase unha auténtica xenreira cara as posicións posmodernas, porque era como darlles a razón de novo aos que din que a subxectividade individual, as crenzas, son o auténtico coñecemento. É voltar ao pensamento máxico que trata de impoñer relixión.
Aquí, incluso cando atacamos furibundamente á relixión, somos conscientes de que é unha batalla que xa está gañada. Estamos aplastando a derradeira resistencia, non é unha loita real. Pero noutros lugares, a a guerra non só non está gañada senón que non está nada claro quen vai gañar. As posturas que aquí poden ser unha crítica parcial e mais ou menos proveitosa (todo depende do sentido común de quen as faga) porque parten do recoñecemento tácito do paradigma, alí son absolutamente devastadoras.
No fondo, isto tamén é posmoderno. Non é o mesmo facer crítica aquí que na outra beira do charco. Non é o mesmo criticar a ciencia rebasándoa que non chegando.
Marcadores: Ciencia