Desplazamento cara o Vermello
O vermello é a cor da nosa era, no sentido máis amplo da palabra. Como a teoría relativista di que o Universo non pode ser estático, que ten necesariamente que expandirse ou contraerse (unha especie de lei de Murphy universal, camiñamos sempre cara un cataclismo) para que as leis da física teñan vigor, resulta que nos alonxamos vertixinosamente dos nosos veciños inmediatos do bloque galáctico, do centro dun universo supermasivo e superpoboado cara os tranquilos barrios residenciais da periferia. E tódolos nosos veciños fan o mesmo.
Cando un obxecto se alonxa de nós, as ondas lumínicas que recibimos del e que nos permiten velo desplázanse lixeiramente cara o estremo vermello do espectro. Nalgún intre dun futuro lonxano, as galaxias comezarán o camiño contrario, xuntándose até o Big Crunch final (ou inicial) e a súa luz cambiará, desplazándose cara o azul. A inmensa enerxía liberada pola explosión inicial esgotarase, e a forza gravitatoria (a forza azul) gañará a partida a favor da contración.
O efecto doppler tamén se produce co son, e fai que cando un son se achega a nós, sexa cada vez mais agudo, e cada vez mais grave cando se alonxa (eu probeino cun neno e un fonendoscopio e tamén funcionou: o berro é mais agudo cando o fonendo se achega e mais grave cando se alonxa).
Que vai ocorrer cando entremos na era do azul, no momento no que as galaxias comecen a aproximarse? O tempo do revés, os vasos recompoñéndose no aire despois de romperse? Supoño que non, pero quen sabe? Se cadra a orde temporal non se invirta, pero iso afecte dalgún xeito as leis que rexen o Universo. É posible a vida na Era Azul? Polo de agora, desfrutemos da vida na Era Vermella.
Marcadores: Ciencia