Por que son atea (e non agnóstica)
Aínda que no libro, Russell fala dende a lóxica e non se remite a argumentos éticos, o que distingue a un ateo dun agnóstico é precisamente a ética. Russell é ateo (e non sinxelamente "non cristián" como di a terrible tradución ao español) porque non está dacordo eticamente coa relixión.
Dende o punto de vista dun racionalista coma Bertrand, a existencia dun ser superior ((omnisciente omnipotente e tal) é imposible de falsar, e polo tanto non nos gusta. Non nos gusta porque nos remite a unha cuestión puramente emocional, ao creo porque é absurdo de Tertuliano, que como científicos non nos gusta pero nada de nada. Dende o punto de vista racionalista russelliano, da pouco mais ou menos igual crer en deus que en extraterrestres ou gnomos, a efectos de demostrabilidade.
Pero isto non nos convirte en ate@s. A convición de que non se pode probar mediante a lóxica a existencia de deus é o que defende o agnosticismo. Ir un paso mais aló depende exclusivamente dunha cuestión moral. A pregunta xa non é se existe deus, senón se é desexable semellante cousa. É desexable un ser superior? É beneficioso para o ser humano a crenza nun ser superior, tendo en conta que esta crenza é inverificable e incontrastable? Bertrand e mais eu pensamos que non. Que nin de coña.

En primeiro lugar, crer en cousas que non se poden demostrar chámase superstición. Unha persoa disposta a crer sen meter o dedo na chaga (atea si, pero con lecturas bíblicas, faltaría mais) é unha persoa facilmente manipulable, porque non segue o seu propio criterio. E as relixións nútrense sempre de xente facilmente manipulable. Ademais, se cres en deus sen probas, tamén tes que crer sen probas no que a deus lle gusta ou non lle gusta, e aí xa nos metemos no segundo tema: vas deixar que outras persoa che digan como tes que vivir.
Por outra banda, crer no premio e no castigo da vida eterna é un magnífico antídoto contra as revoltas, as revolucións, as rebelións. Se estás fatal aquí, xa se che compensará, non fai falla que te tomes a molestia de mudar as cousas. Se alguén actúa de xeito inxusto, será castigado, pero entrementres está a comerse a túa colleita (non falo agora da Idade Media, falo da receita máxica da Igrexa para a situación en América do Sur: chamar aos campesiños á resignación e aos terratenentes á caridade cristiá).
Por último, Russell da un argumento ético de peso: Xesús de Nazareth deixa claro que cre no Inferno, na condenación eterna. Nin Bertrand nin eu podemos aceptar eticamente que se nos xulgue, se nos condene e se faga churrascada con nós. Non só porque claramente tanto a el como a min nos toca ser braseado, senón porque non lle desexaríamos sofremento eterno nin ao noso peor inimigo. O Inferno cristián non permite rectificar nin aprender dos erros, e iso para un científico tamén é difícil de tragar.
Marcadores: Filosofía