sexta-feira, abril 27, 2007

Teoría de Cordas (I)


"Quen non sinta vertixe ao pensar na mecánica cuántica é que non a entende". Niels Bohr dixit. Eu non estou moi segura de entendela de verdade, e dubido que ninguén que non sexa físico o faga, pero aínda así dame vertixe. Hoxe voume meter a falar dalgo que é o máis vertixinoso dentro do vertixinoso, a montaña rusa doble looping da física, así que xa de entrada pido desculpas polas inexactitudes e os erros, pero iso si, se os hai, duro con eles e sen piedade.

A Teoría de Cordas é un guión de cinema perfecto: intriga, polémica, escándalo e sucesos case paranormais. Parte do seu atractivo está en que non é en realidade unha teoría, senón unha hipótese. Non está comprobada e cabe a posibilidade de que non o estea nunca. Pero se resulta ser certa, as implicacións poden ser brutais para a física, e para a nosa forma de entender o mundo. Constituiría un cambio de paradigma como o que supuxo a Relatividade.

O grande problema da física teórica é que os dous grandes sistemas, a mecánica cuántica e a relatividade xeral semellan non ser compatibles entre sí. Os sucesos definidos por unha delas non son consistentes co que predí a outra e viceversa. Cada unha delas funciona só na súa parcela do infinitamente grande ou do infinitamente pequeno, e ademáis existen ocos sen cubrir por ningunha das dúas. A Teoría de Cordas pretende lograr o que se chamou a Grande Unificación, un sistema que explique absolutamente todo o que ocorre no universo.

Mais ou menos todos manexamos o concepto de onda-partícula, e sabemos que os átomos, a pesar do resultón do seu nome, poden ser divididos en electróns, protóns e neutróns. Estes dous últimos divídense á súa vez en seis tipos de partículas que si son elementais de verdade,os quarks (up, down, charm, strange, bottom e top. Carroll debe de estar orgulloso, non si?) Pois ben, a nosa superhipótese megaunificadora o que postula é que en realidade, estas partículas poderían conceptualizarse como se foran as cordas dun violín, e cada unha vibrara nunha nota diferente. O que as diferencia non é a "sustacia" que as conforma, senón a amplitude de onda (por chamarlle algo) na que vibra.

Pois isto en apariencia tan simple non só leva quitándolle o sono aos científicos dende hai mais de vinte anos, senón que chegou a ser un tema no que o apaixonamento leva case ao pique persoal, e a falar de intereses e grupos de presión arredor das teorías unificadoras. "A Teoría de Cordas pode estar minando as mentes dos estudantes como o facía a teoloxía na Idade Media" (Glashow)

No próximo post falarei das implicacións de todo isto,e de por que me parece tan fascinantemente carrolliano. Ide facendo a dixestión :)

P.D: reedito para corrixir o erro que me indica FraVernero no seu comentario. Aínda que na linguaxe habitual unha teoría sexa unha explicación non demostrada, ao que nos referimos cando falamos de teoría científica é ao nivel mais alto de evidencia que se pode acadar, cando esa explicación está respaldada por datos empíricos. O contrario sería unha hipótese. Cordas, polo tanto, é unha hipótese e non unha teoría, aínda que manterei a expresión porque aparece así en moitos artigos que consultei e porque cambialo estropea o título. Para que non digades que non son interactiva:p

Marcadores: