segunda-feira, fevereiro 26, 2007

Apostata como poidas


Supoño que se me notou no último post a miña escasa simpatía polo cristianismo, particularmente cando se traduce en esfolar xente viva. Debo aclarar que non son nada selectiva neste aspecto, e que a miña alerxia relixiosa vale tamén para calquera outra crenza, pero non atinxe necesariamente aos crentes individuais. O que pasa é que a fe católica é a que está en contacto comigo, e polo tanto a que me produce en primeira instancia o shock anafiláctico ateo. É dicir, son os que me tocan a moral, pero só porque estou aquí, e eles tamén. E semella que non hai espazo suficiente para os dous, forasteiro.

Non padecín unha educación relixiosa, así que non teño resentimento acumulado nin horribles traumas infantís relacionados coa confesión, co cal a miña actitude cara a Santa Nai Igrexa podería ser un tranquilo vive e deixa vivir. Pero non. A Santa Nai Igrexa vese que é unha nai dominante e castradora, tipo Freud, e que non lle da a gana de deixarte vivir se non é no seu amante seo. Xa de nena padecín certa presión social por ser das escasas alumnas de Ética dos primeiros oitenta, de xeito que algún dos meus compañeiros, imbuído de fervor apostólico, amenazoume nunha ocasión cun desconcertante "vas ir al infiernoooooooo!!" digno de Tomé de Aquino, que para unha pequena atea de cinco anos podía ser case unha provincia do Indostán, porque dubido que soubera sequera o que significaba ou por que o meu piadoso colega me quería mandar alí. Noutra ocasión, ante a miña afirmación de que non era católica, outro experto en Historia Sagrada preguntoume, en perfecto coruño: "y luego que eres? Judía?". Debín contestar que era dunha secta de adoradores de Satán, pero naquel momento non andiven viva. Entremedias, tododiós me preguntaba que por que non ía a misa, que se non facía a comunión ("pero mujer, no quieres ir vestida de princesa?") que se non me confirmaba ("mira que luego no te vas poder casar...") , etcétera, con esa impertinencia absoluta que empregan os adultos cos nenos.

Pero o meu verdadeiro choque co eixo Roma-Compostela veu cando se me ocorreu a peregrina idea de borrarme. Eu creo que, cando apostatas, acéndese una luz na mesa do bispo de turno e unha voz di por megafonía: "atención a todo o persoal, código vermello" ou algo así, porque semella que non está nos seus planos que ti queiras saírte voluntariamente do choio. As miñas razóns eran variadas, comezando porque, no momento de meter a miña loira cabeciña na pía, actuaban sobre quen ma metía poderosas coaccións de orde familiar e social. Por outra banda, paréceme lóxico e normal que, se non estás dacordo coas ideas cunha institución, non quieras pertencer a ela.

Así que escribín unha carta ao meu bispo, dicindo onde me bautizaran e que me quería quitar, basicamente porque non creo en deus e porque me parecen unha banda de ladróns, de xenocidas, uns machistas, uns homófobos, uns hipócritas viola-nenos e en definitiva peña chunga. E que se por favor me podían dar de baixa, e non contar comigo cando fixeran as contas nas que teñen trinta e cinco millóns de afiliados só no Estado Español. Pois ben: ao señor bispo estas non lle pareceron razóns suficientes para querer deixar de formar parte do seu chiringuito, pero iso non foi o mellor. O mellor foi que na miña carta-bomba, eu incluía unha fotocopia compulsada do meu D.I. pero o señor bispo non recoñecía que tal documento acreditara a miña identidade, e ademáis alegaba que a lei de protección de datos non se aplica ás actas de bautismo, porque non son unha base de datos, senón (atención) "o rexistro dun feito histórico". Así que nada, que se quero apostatar, que mande unha declaración ante notario de que a Raíña Vermella é efectivamente a Raíña Vermella, porque ao señor bispo o D.I. non lle di nada. É dicir, que un documento que te acredita a tódolos efectos ante calquera organismo, á Igrexa dalle igual.

Desa vez deixeino porque tiña cousas ás que atender, pero por suposto a historia non vai quedar aquí, e en canto poda irei persoalmente á diócese a demostrarlle ao bispo que realmente existo e non son un holograma, e de paso que podo ter moi mal espertar se me levan a contraria.

P.D: sinto se este post fire a sensibilidade dalgún lector, pero que pensabas? Que o de Vermella era porque me favorece a cor?

Marcadores: ,

quinta-feira, fevereiro 22, 2007

Océanos de Tempo

Hipertexto, información, biblioteca. O Pastor Eléctrico abriu un tema apaixonante, a idea de recopilar toda a sabedoría (léase información) do mundo, poñela xunta e facela accesible.O Proxecto Xanadu, que deviría na actual internet. Iso é o maior logro das novas tecnoloxías, facer accesible calquera información para todo o mundo (antes de que ninguén diga nada, si,
refírome ao mundo occidental, e si, non debería existir esta barreira entre os que temos acceso á tecnoloxía e os que non a teñen).
Cosm
O primeiro intento de recopilación universal de información, de coñecemento, foi a Grande Bibiloteca de Alexandría. Fálase dunha cifra que oscila entre 700.000 e 900.000 volumes, todos copiados a man dos orixinais, ou mercados pagando, supoño, cifras astronómicas para a época. O único que está claro historicamente é que foi fundada por Ptolomeo no século III antes da Era Común (a.E.C) Despois diso, todo son lendas. As doazóns de libros Marco Antonio a Cleopatra, o seu incendio cando Exipto cae ante o Imperio Romano. Parece que no século IV da Era Común, a Bibllioteca seguía a funcionar, fora a mesma fundada por Ptolomeo ou unha institución que a sucede. Seguramente, xa pasara a súa época de esplendor.

Os historiadores insisten moito no aspecto mítico da Grande Biblioteca. Probablemente, repítese, foi mais unha lenda creada con posterioridade sobre unha realidade mais ben modesta. A min dame igual. Eu creo que o realmente valioso da Biblioteca non é que tivera 200.000 ou 900.000 volumes, nin o seu funcionamento real. Creo que o marabilloso foi a idea que a moveu, que non se voleveu a repetir ata os nosos días, de querer recopilar todo o coñecemento do mundo, de converterse nun lugar onde científicos ( e digo ben) de toda a terra coñecida puideran estudar sen ningún tipo de restricción.

Dame igual, tamén, se se quimou con Xulio César, ou se no século IV era só unha sombra do que foi. O que tamén está claro é que foi saqueada por fanáticos cristiáns, movidos polo patriarca Cirilo, ou por Teófilo (iso tampouco me importa demasiado) e que á mestra Hipatia arrastrárona fóra do Museo e esfolárona viva. Literalmente. Arrincáronlle a pel a tiras mentres aínda estaba viva.

Nunca saberemos o que se perdeu. Coméntame FraVernero que a ciencia helenística tiña as súas propias contradiccións, os seus propios erros, e sei que ten razón. Se cadra a Biblioteca remataría por pecharse, decaería e desaparecería, xa estaba nese camiño. A fascinación que sinte Sagan, e que se reflexa en Cosmos, non é polo que foi en realidade, senón polo que representa, porque o que sabemos con seguridade é que ese saqueo e ese asasinato marcan o paso da época do coñecemento á dos libros proibidos, da tolerancia relixiosa ás persecucións cristiáns (que por certo, comezaron as súas propias persecucións en canto deixaron de ser perseguidos).

Pénsase que Hipatia estaba interesada na aínda moi incipiente tecnoloxía, e que inventou varios inxenios, entre eles un aparello para destilar a auga e unha rudimentaria máquina de vapor. Non sei, igual quedaban en nada ou pasaban desapercibidos, pero o caso é que a máquina de vapor descubriuse de novo, como moi cedo, no XVII.

A Grande Biblioteca foi o primeiro intento de hipertexto, de comunidade de sabios e científicos traballando xuntos e sen cortapisas relixiosas, á marxe do que os preconceptos da época puideran marcar. Tardamos case dous mil anos en chegar de novo a ese punto. Eu sospeito, creo, que coa destrucción da Biblioteca e do xeito de entender o mundo que simboliza, a historia do coñecemento humano retrocedeu mil anos, pero nunca o saberei con certeza.

Marcadores: ,

segunda-feira, fevereiro 19, 2007

Océanos de Coñecemento


Xa que Arale menciona a palabra "divulgación" para referirse ao meu blog, cousa que me honra, agora non me queda mais remedio que cumplir e divulgar. Coñezo xente, científicos e non científicos, que lle teñen auténtica alerxia tanto á palabra como ao concepto mesmo de divulgación, que engado que non ten por que ser só científica. Esta xenreira xustifícase xeralmente dicindo que as obras feitas con este fin simplifican en exceso ou son pouco rigorosas, ou que dan unha idea banal sobre os temas que tratan. Eu sospeito que, en realidade, o que pasa é que hai xente á que lle gusta crer que os "seus" temas son máis complicados do que en realidade son, ou que desexaría que seguiran sendo escuros e misteriosos, porque queda moi guai ir pola vida de iluminado, falando de cousas que ninguén mais ca ti entende.A min si que me gusta a divulgación, e paréceme necesaria, xa que a ciencia ás veces manexa ideas difíciles de comprender, pero trata sobre "como funciona o mundo" que diría o doutor Beakman, é dicir, que nos atingue e nos interesa a todos. Ou debería.

A cousa foi que empecei a pensar sobre o tema , e entre iso e un post de Mr. Harvey, lembreime inmediatamente de canto me gustaba "Cosmos" a serie de Carl Sagan. Lembro como cocían un bolo con pasas para explicar como se separan as galaxias, e que existen mares de metano líquido. Lembro como me enterei do que era a relatividade, os anos-luz, as supernovas e as estrelas de neutróns mentras devoraba bocatas de queixo con marmelo (é que non me gusta a nocilla) e de que a evolución pode facer que se debuxe a cara dun samurai na casca dos caranguexos. Por suposto, convertinme nun pequeno monstro de seis anos que trataba de convencer aos seus compañeiros de cole, a piques de facer a comuñón, de que o ser humano descendía dos monos. Todo un fracaso social.

Ademáis, a serie parecía que trataba de todo o que a un lle puidera interesar, o ADN (noviño do trinque daquela), a memoria, a evolución, as viaxes espaciais... Unha das cousas que mais me gustaran, ademáis do do bolo de pasas, era a historia do Voyager. Saber que hai por aí fora, flotando no espazo, un disco de ouro con saúdos en varias linguas e distintas pezas musicais (entre elas os Concertos de Brandemburgo, inmellorable escolla) para que o atope unha civilización extraterrestre, paréceme, aínda hoxe, unha das cousas máis evocadoras e mais poéticas que escoitei nunca.Tamén me encantaba o capítulo da Biblioteca de Alexandría, pero iso queda para o seguinte post.

A miña simpatía cara Sagan, Hawking, Asimov e compaña parte da convicción de que nunca podería descubrir todo iso por min mesma, sen o tamiz que supuña o doutor Sagan e o seu xersei de cisne, e moito menos cando aínda tiña un cerebro blandiño, receptivo e permeable. É dicir, que son quen son, o mesmo pequeno monstro crítico e incómodo pero un pouco (tampouco moito) mais grande, en parte gracias a eles, que me ensinaron que eu podía saber cousas que os maiores non sabían, que non facía falta Deus habendo Big Bang e que "a nosa especie é nova, valente e promete moito, e estamos só mollando os pés nas beiras do océano do coñecemento".
P.D: mirade este vídeo, que é curtiño e sae el co xersei de cisne:)

Marcadores: ,

quinta-feira, fevereiro 15, 2007

Maduración de Ostwald


Estiven horas mirando pola internés para explicar aquí, en tres patadas, o que é a maduración de Ostwald, pero non acabo de entendelo eu mesma e todo. Así que se hai algún enxeñeiro na sala,
este é o momento de que se manifeste. Ao que cheguei é, mais ou menos, a que é un fenómeno que rexe como se comportan as burbullas ou as pingas dun líquido nunha emulsión. As pingas pequenas tenden a baleirarse nas grandes mediante varios procesos, un dos cales é a maduración de Ostwald, que implica (creo) o desplazamento das moléculas individualmente, dende as pingas pequenas cara as grandes, polo outro medio que compón a emulsión.

Todo este rooollo ven a raíz da exposición do CGAC de Erick Beltrán, e da instalación que se chama así, Maduración de Ostwald. Eu son bastante ignorante no que a arte contemporánea se refire, pero esta cousa-rollo-obra gustoume moitísimo. Na foto non se apreza moito, pero ven sendo un mega-xornal (que ademáis despóis podes levar, encántanme as exposicións con agasallo) que empapela unha sala. As follas do xornal están cruzadas por liñas que unen cada sección, que representa un dos xeitos de organización da información ou do pensamento. Unha sección é "mapas", outra "listas", outra "símbolos" e así. Non sei se esa era a intención de Beltrán, pero para mi esta obra é un exemplo de como se pode conxugar ciencia e arte e que saia unha cousa superchula. Tamén é certo que estes temas, nos que a ciencia toca á súa vez case coa filosofía, préstanse moito a xogos conceptuais.

O mesmo xeito de facelo, en forma de xornal, lembra moito á configuración do noso cerebro: algo que está plegado sobre si mesmo e que ten un tamaño como A3, pero que se desplega ata encher unha sala enteira. Ademáis, está dividido en seccións, pero cada unha delas está conectada con todas as outras, igual que o cerebro procesa por unha banda a información visual, por outra a auditiva, etc., pero todo está interconectado.

Outra cousa que me gustou foi que fai referencia, non só ao xeito de almacenaxe, senón aos procesos que nos permiten diferenciar que información queremos conservar. Por exemplo, un recordo con contido emocional gárdase mellor que un sen el (é máis doado o número de teléfono do tío/tía espectacular do último venres que unha data histórica que cae nun exame). En cambio, na amnesia o que se perde é xustamente a información persoal, "emocional", no entanto os coñecementos académicos quedan intactos. Un esquece como se chama, pero sigue sabendo tocar o piano. Putadas do sistema.

O que si que non entendo para nada é que ten que ver Ostwald, as pingas emulsionadas e a maduración en todo isto.

Marcadores: ,

domingo, fevereiro 11, 2007

Sistemas Emerxentes

Penseino mellor e decidín que a novela de Houellebecq merecía un post propio, ou alomenos compartido. A pesar do lene ton machista que mencionaba a vez anterior, realmente é unha boa novela, e sobre todo, é unha novela de ciencia-ficción, que sempre se agradece.

O libro está estruturado como dúas narracións paralelas: unha no presente, sobre a vida dun cómico amargado, cínico e, por suposto, misóxino, e outra no futuro, a chamada "crónica de vida" de quen se di "descendente xenético" do primeiro personaxe. O xeito de imbricar ambas historias é, ao meu ver o mellor logrado do libro. Pero como para facer crítica literaria xa hai outros que o fan mellor ca min, eu vou falar do aspecto referente á ciencia ficción, que é o que me mola de verdade.

Cando escoito "ciencia ficción" penso inmediatamente en viaxes espaciais, escenarios postholocáusticos, antimateria e extraterrestres. Penso en C.Clark e en Asimov, e supoño que a moita xente lle pasa o mesmo. Pero "A posibilidade dunha illa" está no que poderiamos considerar a outra grande teima da ficción científica. Dende a caída do bloque soviético e o frenazo en seco da carreira espacial ( o que demostra que era máis un alarde de potencial armamentístico que un interese real na investigación) 2001 tranformouse en algo moi lonxano no tempo, xa non semella que vaiamos estar vivindo no resto dos planetas pasado mañá. Así que os impulsos, os soños sobre perpetuarnos como especie tomaron outro rumbo: a xenética, a intelixencia artificial, as novas tecnoloxías.

A idea é modificarnos a nós mesmos, ser os nosos propios descendentes. Xa que a evolución non afecta do mesmo xeito ao ser humano que ao resto de especies (non estamos eliminando aos individuos menos aptos) e que estamos no cimo absoluto da cadea alimentaria, como non pasara nunca na historia biolóxica, é obvio que estamos en especial perigo ante calquera cambio ambiental. E como ademáis o tal cambio estámolo a provocar nós mesmos, a traxedia máscase no aire. A saída, ademáis do control mediambiental, pode ser converternos noutra especie diferente, que é o que propón esta novela. De feito, é máis complexo aínda, porque se intúe que esa nova especie é só un paso intermedio cara unha forma de vida totalmente nova, que viría ser un volcado masivo de tódalas memorias humanas nun sistema informático global. A inmortalidade, vaia. Unha inmortalidade sen corpo, sen soporte biolóxico, un perdurar indefinido da conciencia. O ser humano, despóis de séculos de especular sobre a existencia da alma, decide creala.

Durante a carreira lin algo sobre a teoría dos sistemas emerxentes, que debía estar bastante de moda hai algúns anos. A tal teoría di que a evolución funciona de xeito tal que, chegados a determinado umbral de complexidade dun sistema, o seguinte paso inplica un cambio cualitativo, aparece algo novo que non existía previamente. Un nivel de organización da materia suficiente da como resultado a vida biolóxica, que á súa vez "secreta", acadado determinado nivel, a intelixencia e a autoconsciencia. Isto é aplicable tamén aos mecanismos neuronais. Para a teoría dos sistemas emerxentes, o pensamento é unha cualidade emerxente das reaccións bioquímicas cerebrais. Deriva delas, pero é algo intrinsecamente diferente. Claro que a tal teoría tamén postula a imposibilidade de perpetuar un sistema sen o seu sustrato físico precedente. É dicir, non pode haber vida non material nin pensamento fóra do soporte cerebral. Pero non di nada dos novos soportes, como o informático. Pode haber autoconciencia nun soporte non biolóxico? Non sería vida no sentido estricto da palabra, pero iso parece case unha cuestión de terminoloxía.

Chegados a este punto, a novela propón un interrogante que é alleo ao xénero. A ciencia ficción sempre se ocupou de que as súas creacións fosen teoricamente posibles, pero a seguinte pregunta é: é desexable? Aínda no caso de poder facelo, é posible a felicidade nunha existencia así? O corpo físico é só un lastre ou, dalgún xeito, un é tamén o seu corpo? Eu coido que non sería a mesma, incluso psicoloxicamente, con outro corpo, aínda que este me dea máis dunha dor de cabeza e me coste moitísimo en mantemento. Tamén me da bastantes satisfaccións de orde puramente biolóxico (ao César o que é do César), sen as cales a felicidade sería só un concepto baleiro.

P.D: alguén mais ca min pensa que Giger será un xenio pero está colgado?

Marcadores: ,

segunda-feira, fevereiro 05, 2007

A longa, longa sombra de Simone


Ultimamente ando poñéndome ao día cun mogollón de libros que tiña atrasados, e que son do máis variopinto. En principio ía escribir un post sobre "A posibilidade dunha illa", pero despois pensei que parte do que lin nesta racha de desenfreno literario tiña un denominador común. Ou se cadra, como un dos que caeron foi "O segundo sexo", resulta que todo o que veu inmediatamente despóis escruteino baixo a despiadada lente do feminismo existencialista.

É algo que me pasa relativamente a miúdo: cando me da por Levi-Strauss, véxoo todo en estructuralista; despois de ler a Jung, póñome dun jungiano insoportable, e así. Co tempo pásaseme, pero podo estar meses rallando co mesmo tema, ou polo menos interpretando a realidade segundo a última neura que me da.

O caso é quem despóis de Simone e contaminadísima por ela, lin "Crítica e Clínica" de Deleuze, e "A posibilidade dunha illa", como xa dixen. Non se me ocorren dúas cousas aparentemente máis alonxadas unha da outra, pero como eu estaba en "modo Simone", chamoume moitísimo a atención o machismo incrible que se desprende dos dous libros. Sobre todo porque non se trata dun machismo ao uso, é dicir, non son autores misóxinos (Houellebecq igual un pouco si) nin teñen un discurso abertamente ofensivo (Houellebecq un pouco si) senón que sinxelamente, semella que nunca se lles pasou pola cabeza que os seus libros puideran lelos tías. O interlocutor literario, se é que tal cousa existe, é claramente un home, porque os personaxes femininos, ou a idea da muller está considerada só dende a óptica que atingue aos homes. Nun principio, parecería que, sendo un home o que escribe, isto é lóxico, pero non se trata diso, senón que o libro está dirixido a un lector indubidablemente masculino.

No caso de Deleuze, o que hai é un absoluto pasar do tema. Cando fala da idea do feminino, fala da idea que el como home ten das mulleres, asumindo que, ou ben as mulleres teñen necesariamente a mesma, ou ben non teñen ningunha, como se falara do concepto vaca, que obviamente a vaca non ten. Houellebecq non é tan fino, e os seus personaxes femininos, sen ser negativos, sinxelamente non son. De feito, o can que sae na novela está tratado con moita máis profundidade psicolóxica.

Isto pasoume, hai xa anos, lendo a Hermann Hess, que a pesar diso é aínda hoxe un dos meus autores favoritos. Ao ler "O xogo dos abalorios" emocioneime toda coa descripción dunha sociedade futurista adicada en exclusiva ao coñecemento. Pensei: que guai, imaxínate, toda a vida lendo e lendo, só polo gusto de facelo, sen ter que rendir contas a ninguén. Claro que me levei un leve chasco ao decatarme que ne sociedade ideal de Castalia non había tías. Non se dicía en ningún momento que non puideran entrar; simplemente, non estaban. Parece ser que no seu momento (1942) Hesse foi interrogado ao respecto e non soubo dar unha resposta satisfactoria. Isto faime pensar que non é algo consciente, senón unha idea que subxace.

Pois así andamos, meus. Semella que todo está feito pero aínda estamos en cueiros nestas cousas. No discurso todo o mundo ten clarísimo o tema da igualdade, pero está claro que despois na práctica (neste caso, literaria) véselle o plumeiro a máis de un.
P.D: gústaríame que Cambote, que sei que controla mais ca min de deleuzadas, me dea a súa opinión ao respecto. Cambote, necesítote!!:)
P.P.D: A posibilidade dunha illa está moi ben a pesar de todo isto, recoméndovola. Ademáis, tamén é un pouco friki.

Marcadores: ,