quarta-feira, março 28, 2007

Mmmmúsica!

Xa que me meteu nesta a señorita Mallou, vou pendurar axiña a miña lista de temasos luxuriosos, porque tododiós está poñendo as súas e despois voume repetir. Para min a luxuria é unha sensación fundamentalmente auditiva (aínda que todo axuda) así que isto da música venme como anel ao dedo. Antes ca nada, dicir que NADA do que vexades aquí vai ser nin REMOTAMENTE tan sexy como o vídeo de Gustavo Harvey, e non porque non o buscara, senón porque non o atopei. Que vos preste.
1.Placebo. Special Needs. Para os días que precisamos algo especial.
2. Clapton. Layla. Para o día intenso. Este home é que ten un algo, aínda que estea vello. Non sei se será a voz ou o de slowhand...
3.Marvin Gaye. Sexual Healing. Para o día funky. Marvin tamén ten un puntazo tela. Atención ao vídeo.
4.Billie. Stormy Wheather. Para o día caloroso e húmido. Non podía faltar Lady Day.
5.Sigur Ros. ( ) Todo o disco, porque é deses que podes darlle ao repeat e deixar que soe toda a noite. Para tódolos días.

E lanzo a pelota aos seguintes tellados:
A Rapaza do Arco
O Pastor Eléctrico
Cambote
Moucho Branco
Fuji
Ala, amañádevos! :p

Marcadores:

segunda-feira, março 26, 2007

Pecados Capitais: Humildade


Cando escribo un post, teño o costume de buscar primeiro na rede sobre o tema do que quero tratar, porque sempre saen ideas diferentes, ligazóns ou imaxes. Así que hoxe puxen "humildade" no Google e pasou unha cousa do mais significativo: as dez primeiras entradas eran a páxinas cristiás. Polo tanto, primeira conclusión: a humildade é unha virtude primordialmente relixiosa. De feito, atopei esta marabillosa definición: "A humildade é a virtude pola cal o Home recoñece que só ten de propio a nada e o pecado. Todo o demáis é pola graza divina". A que mola?.Humildade ven de humillarse, de abaixarse. De humus, terra.

Cando alguén saca a palabriña a relucir, caben dúas posibilidades. Por unha banda, pode que che estea recriminando, non que te mostres orgullos@ dos teus propios logros, senón que trates de facerte escoitar. A expresión externa da humildade é o silencio. Neste sentido, o contrario sería, non a vaídade, senón a rebeldía. Se es humilde, sínteste tan insignificante que non consideras que a túa opinión sexa importante, nin que teñas poder para cambiar as cousas. Non sei por que me da que a humildade é unha virtude que se trata de impoñer principalmente ás mulleres. As mulleres debemos ser humildes porque non debemos replicar, nin impoñernos, nin darnos, en resumo, demasiado valor a nós mesmas. Ás relixións en xeral vénlles moi ben que os seus fieis sexan humildes, que se sintan pequenos vermes reptantes comparados co deus de turno, porque dese xeito non poñerán en dúbida os dogmas que predican os intermediarios coas altas esferas. Encántame a expresión "a soberbia da razón humana", que vén querendo dicir que tes que dubidar incluso do teu propio xuízo antes que do dogma relixioso.

A outra posibilidade é que quen predica a humildade sexa alguén que non considera que o conto vaia con el. Podes dicir "un fogar humilde" para dicir pobre de pedir, e que pareza que a pobreza é algo digno, ou incluso que é honroso ser pobre. Posición, por suposto, que só se sostén se ti non o es. De novo, voltamos a un xeito sutil de impedir a rebelión, neste caso convencerte de que a túa situación, inxusta e desesperada, en realidade non é tan mala. De feito, tes moita sorte de non sufrir as diatribas morais dos ricos e ser feliz só co indispensable. Ser humilde é non aspirar a máis, non aspirar nin sequera ao que por xustiza che corresponde.

Despois hai xente que emprega o da humildade como unha arma. Os típicos pasivo-agresivos que non se defenden, que se humillan, e que dende esa posición pretenden ter a superioridade moral. Isto soa un pouco Nietszche, non? Dende a máis absoluta abxección, dominar o mundo. E conste que non falo dos xudeos! Esta é unha actitude completamente interracial e universal. Vale para facer sentir mal á túa familia e amigos e conseguir que fagan o que queres, para trepar socialmente, para escaquearse, para lograr privilexios... Todo sen esforzo e sen cargo de conciencia.

P.D: como xa reparariades, esta é a miña particular lista de pecados... así que deixade de agardar o post da luxuria!:p

Marcadores:

quinta-feira, março 22, 2007

Pecados Capitais: Prexuízos


"É máis doado desintegrar un átomo ca un prexuízo" (Albert Einstein)

Dixen que o meu próximo post ía sobre o xugoso tema dos prexuízos, pero en fin,
meteuse Gwen polo medio, e non puiden resistilo. Pero aquí vai o prometido.

Todos caemos na escura rede dos prexuíxos. Eu, sen ir mais lonxe, teño prexuízos invencibles cara determinados grupos humanos, como as señoras con visón (tamén vale todoterreno) os votantes do PP e as persoas que van ás manis do Foro da Familia. Non o podo evitar. Igual preciso terapia ou algo.

Os prexuízos son, de entrada, adaptativos. Facer categorías é un dos xeitos que ten a mente humana de manexar cantidades grandes de información. Sacrificamos certos matices secundarios para poder extraer a información verdadeiramente relevante. Se es negro nun barrio chungo de Estados Unidos, igual non está de mais que teñas certo prexuízo cara aos polis, aínda que igual ese poli en concreto é un tío encantador que vai baixar un gatiño dunha árbore. Pero eu, por se acaso, correría. Tampouco está de mais correr ante un grupo de sanos muchachotes con botas de punta metálica e moderno corte de pelo ao un.

No caso das señoras con visón, probablemente non sexa unha cuestión de supervivencia (a menos que sexas un visón), pero volvo dicir que o noso aspecto externo nunca é casual, é algo que escollemos conscientemente e cunha determinada intención. Alguén que se gasta cen mil euros nun abrigo feito coa pel de bechos esfolados vivos, en primeiro lugar despreza o sofremento alleo, e en segundo está portando un símbolo externo do seu status social. Pensa que, polo feito de levar esa prenda, está por enriba de ti. Polo tanto, non se trata dun prexuízo, senón dun xuízo.

O problema é cando escollemos mal o rasgo pertinente. Se a cualidade que escollemos para facer a nosa categorización non é algo que o individuo escolla libremente, como votar ao PP(?) senón algo sobre o que non ten control, com a súa nacionalidade, o seu sexo ou a súa cor de pel, estamos facendo unha categoría inútil, porque probablemente eses individuos non compartan entre si mais ca ese rasgo. Por outra banda, as cousas sobre as que non temos control non din nada sobre nós como seres socias. Parece obvio.

Ultimamente o dos prexuízos está caendo nos tópicos do politicamente correcto. Paréceme moi ben que se loite contra os prexuízos raciais ou sexuais, pero o que ocorre coas palabras cando se usan moito é que se gastan. Outro día falarei da espantosa palabra "tolerancia". O que ven ocorrendo é que hai xente que fala sen rubor de prexuízos para referirse a calquera opinión que ti teñas e que non lles mole. O último é a tremende frase "prexuízos antirrelixiosos" para referirse aos que consideramos que as relixións son unha fonte inesgotable de problemas, e aos ateos en xeral. Na palabra "prexuízo", a parte importante é pre. Tamén os decentes pais de familia do foro da ídem utilizaron algunha vez a palabriña, nun claro intento de darlle a volta á tortilla e achacarnos aos demáis as súas taras. Cando expresas a túa opinión sobre algo que fai alguén, por definición non pode ser un prexuízo. Paréceche ben ou mal, e punto.

P.D: escollín esta foto para mostrar que estas cousas non se levan por estética. A única razón para meterse nalgo tan monstruosamente feo é que todos saiban que estás podre de pasta.

Marcadores:

domingo, março 18, 2007

Marabillosas Alicias...



Para nostálxic@s...





... para frikis...



... para tod@s

Marcadores:

quinta-feira, março 15, 2007

Ópera Vermella

Un dos temas recorrentes que andan a dar voltas na miña cabeza estes días, como se fosen as bolboretas-torrada-con-manteiga de Carroll, é o que significa que nos guste un tipo ou outro de música, e en concreto o meu gusto persoal pola ópera. Sempre pensei que a música é unha das cousas que mais nos define, co que mais nos identificamos (verdade, Moucho?) máis incluso que a literatura que lemos. Refírome á música que conceptualizamos como a nosa música, porque nun momento dado calquera pode escoitar (case) calquera cousa. A min pódeme facer moita coña escoitar pop nun momento dado, pero non é a miña música. Non sei se me explico.

O caso é que a ópera está moi cargada ideoloxicamente, como algo moi burgués e moi cultureta, pero cultureta en plan fachilla, non como o jazz, que é cultureta pero progre. De feito, as miñas experiencias na ópera como espectáculo, en directo, son exactamente esas: marujas co visón acabadiño de desconxelar que van basicamente a deixarse ver, porque é evidente que non entenden nin o mais mínimo do que están vendo. Tamén hai que dicir que esta fauna abunda moito mais en la Coru que en Compostela, onde hai mais de todo e mais normal.

En fin. Ao que viña isto era a que eu non penso, por suposto, que para que che guste a ópera teñas que ser fiel votante do PP, entre outras cousas porque a min gústame e obviamente non o son. Pero tamén penso que esa idea é unha das grandes victorias da burguesía. Alonxar á xente de manifestacións culturais que nun principio eran moi populares, e facelas exclusivistas e pechadas (ollo: o jazz vai polo mesmo camiño, coidado tod@s)

Unha das cousas que se di é que a ópera é cara. Perdón: o fútbol si é caro, e é o entretemento de masas por excelencia. Os discos de clásica, por outra banda, son en xeral mais baratos que a media. O de que a ópera é burguesa, pois hai de todo. Hai obras que son moi reaccionarias e outras cun potencial revolucionario inmenso, comezando polo vello Verdi e ese coro de "Nabucco" cantado a berros nas manifestacións, seguindo por unha "Traviata" que denuncia a hipocresía precisamente das clases altas e que foi repetidamente censurada, e rematando por xente como Weill e a "Opera de Tres Peniques" (letra de Bretch) ou o "Porgy & Bess" de Gerswing.

Despois hai cousas que quedan tan alonxadas no tempo que é imposible xulgalas mais que esteticamente, porque a realidade á que estaban referidas xa non existe. Só podemos conmovernos ou non ante elas. Recoñezo que este é o meu rollo, eses inicios titubeantes de Peri e Monteverdi escandalizando a toda Italia a golpe de dramma per musica en lugar das abigarradas polifonías da época. A ópera é o que ten, que é como a droga: a primeira cóllela porque te invitan, e cando te decatas estás indo pillar, case ás agachadas.

Así que aí vos vai a primeira dose, de regalo. O mitiquísimo Va Pensiero de "Nabucco" e unha delicatessen barroca, o Lamento fúnebre de Dido do "Dido e Eneas" de Purcell. Que vos preste. A ver o que tardades en ir pillar.




Marcadores:

segunda-feira, março 12, 2007

Pecados Capitais: Preguiza


Ante a avalancha de comentarios (xa sabía eu que vos ía molar isto do cotilleo) decidín contestar nun post novo, que podería chamarse "como comezou todo" pero non se vai chamar así, porque me pareceu mais cómodo que largarme un comentario enorme. Este é o segundo pecado capital.

Pois veredes: durante moitos anos, escribín unhas libretas, a modo de diario, pero escribindo sobre as pelis, os libros que lía, as miñas obsesións do momento, etc. En realidade, era como unha especie de blog en analóxico moito antes de que houbera blogs. Por outra banda, a miña preocupación pola imaxe como medio de expresión ven xa de lonxe, así que cando decidín transformar as miñas libretas analóxicas en ciberlibretas, pensei que non quería o fondo de topos de Blogger, senón algo co que me sentira realmente identificada, que dixera algo de min (pero tampouco demasiado). E escollín A Través do Espello como algo natural, porque aglutina tódalas miñas filias vitais (a filosofía, a ciencia, a literatura) nun envoltorio elegantemente victoriano, pero ao mesmo tempo un chisco escuro, algo inquedante, como creo eu que ten que ser o coñecemento: un coñecemento que non desacouga un pouco é un coñecemento baleiro.

Por outra banda, cando era nena alguén tivo a santa paciencia de aprenderme o Jabberwocky enteiro, na súa tradución ao español. E alí estaba eu, co meu vestido vermello e as miñas coletas, recitando: "Brillaba brumeando negro el sol/ agiliscosos giroscaban los limazones/ banerrando por las váparas lejanas..." Debía ser todo un espectáculo ver a unha cría de cinco anos delirando dese xeito. Así que Alicia é, dalgún xeito, tamén o inicio do meu punto rarito e friki. Aínda hoxe sei ese poema de memoria.

O da Raíña Vermella caía de caixón, ademáis de polas miñas inclinacións ideolóxicas, porque no mundo do Espello, é esa peza quen guía a Alicia, quen lle explica como ten que facer para moverse do outro lado. Dalgún xeito, é o papel que xogamos cada un de nós no noso escaque.

Tamén teño que dicir que a miña idea inicial non era exactamente no que despóis se converteu, se ben tampouco é algo completamente diferente. Por exemplo, aínda que pensaba escribir algo sobre ciencia, non tiña moi claro que puidera resultar interesante, co cal foi unha agradable sorpresa que tivera tan boa acollida e que me permitira desbarrar ao meu gusto. Tampouco se me ocorrera pensar que o que realmente fai un blog non son os post, senón os comentarios, e que remataría por escribir seguindo a liña sinuosa que se crea entre todos. Claro, os meus movementos dependen do que movades vós:)

Así que agardo que deades por contestados os comentarios do anterior con esta información, pero que non decaia o debate sobre se o que escollemos di moito ou pouco sobre un mesmo.

Marcadores:

sexta-feira, março 09, 2007

Pecados Capitais: Vaidade

Falaba a Rapaza do Arco, no seu último post, sobre tomar decisións e sobre a multiplicidade de camiños, e tamén sobre como agora é posible decidir sobre cousas que ata non hai moito eran inmutables. Cousas tan sinxelas como o traballo ao que nos adicamos ou tan trascendentes como o noso sexo. Unha das cousas que mais depende das nosas decisións conscientes, e polo tanto que mais di sobre nós mesmos, é a nosa imaxe. Sexa por acción ou omisión, todos decidimos que aspecto queremos ter, e que parte de nós queremos que os demáis vexan. Despóis, claro, conseguímolo mellor ou peor, e por suposto hai unha parte de todo isto que é pura xenética. Pero digamos que o destino reparte cartas e nos xogamos a partida.

Semella unha frivolidade, isto de darlle tanta importancia ao externo, pero xa dicía Wilde que é superficial quen non xulga as apariencias. Castilla del Pino, un pouco máis tarde, tamén di que unha autoimaxe que non nos gusta condiciona unha falta de seguridade en tódalas outras facetas da vida. E neste blog, o que di Castilla, vai a misa:)

Unha cousa moi curiosa a conto disto é a imaxe cibernética que creamos aquí, deste lado do espello, e como somos percibidos polos demáis blogonautas. Aquí, ademáis, si que non hai nada que dependa do azar, non tes que xogar coas cartas que che toquen. Partes totalmente de cero. Pensáchedes algunha vez por que escollíchedes precisamente ese nick, ou esa foto para o perfil, ou ese modelo para o blog? Como te percibes a ti mesmo e como te perciben os demais, e a leve ou non tan leve distorsión que sempre hai entre ambas cousas, por moito coidado que poñas en elixir a foto correcta.

P.D: este é un post interactivo. Agora ven a parte na que me contades o que pensabades cando abríchedes o blog ;)

Marcadores: ,

sábado, março 03, 2007

Teño unha fan

Esta noite a lúa vólvese vermella. E ten o bo gusto de facelo cediño (sobre as dez, máis ou menos, comeza) e completamente. Completamente vermella, quero dicir, xa que o eclipse é total. Un eclipse de lúa é como o parente pobre. Resulta moito menos espectacular que un de sol, non acapara portadas de xornais, non son necesarios complicados artiluxios para velo. Só hai que mirar. Se tes un telescopio, perfecto. E aínda así, aínda sendo un fenómeno discreto e relativamente frecuente, ten a beleza das cousas que hai que esforzarse en ver.

Gustaríame que alguén fixera un estudo serio e contrastado sobre os efectos das fases lunares nos seres humanos, porque presinto que nos levaríamos máis dunha sorpresa. Que os días de lúa chea hai mais partos e mais ingresos psiquiátricos é algo que acredita moita xente que traballa no choio, pero claro, non deixa de ser unha impresión, e xa sabedes que, con isto de ser unha ficha de xadrez, unha ten certa obsesión coas cifras, as proporcións, as estatísticas.

Ademáis, se realmente é así (e xa vos adianto que eu penso que si) aínda queda unha segunda pregunta: por que? Qué é exactamente o que se altera? É algo químico, hormonal, de presión sanguínea?

Vou lanzar unha pedra contra o meu propio tellado, pero neste caso concreto creo que a ciencia, ou mellor, os científicos, déixanse levar por un prexuízo, e se non hai estudos sobre o tema é porque semella unha supersitición, un conto de vellas. Porque é moi romántico poñerse a estudar as fases da lúa, e non queda serio cando o mandas a Nature.

Marcadores: